Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.
07-04-2010

Os cambios profundos realizados na RTVG están a excluír os mínimos símbolos galegos que manteñen a nosa diferenciación

O control mediático do presidente

LOIS DIÉGUEZ

Feixóo nunha entrevista na televisión


Andei interesado durante este longo ano na evolución que co novo goberno autonómico ían ter os medios de comunicación públicos, radio e televisión. E a verdade que o cambio rapidísimo superou, mesmo, a miña imaxinación, normalmente realista. Penso que o propio Feijoo se superou a si mesmo. Un home aparentemente aberto, con fasquía de galego coma ti, que ía revolucionar as variadas e contraditorias direccións do seu partido. Este home superou con loureiro as probas a que o someteron os seus amos madrileños. A obsesión contra a mínima diferenciación nacional conquistada nos anos anteriores na Galiza, foi medrando tanto que ver hoxe a TVG ou escoltar a RG mételle a un o pánico ao futuro. E medo. El e a súa compañía  sabían que ambos medios eran practicamente a única ligazón que tiñamos os galegos e galegas cos mundos propios. E aínda coas súas chatas (os medios de onte) que non eran poucas tampouco, significaba unha especie de mantemento do noso carácter, con idioma diferente e xeitos de vida tamén diferente.

Era isto o que había que esnaquizar. E así naceu unha operación con moito de fanatismo español para derrubar eses símbolos nosos. Miremos a televisión. Temas de debate mudados totalmente para que a alternativa nacional, con todo o seu pluralismo, non estea presente. Colleron un comentarista de ianquizada escola que controlase as nosas voces. Ese home, lembrades? que en canto pillou a cadeira dos luns sentou ao presidente da Mesa para facerlle un xuízo sumarísimo. E para os seus, rosas e mioco. O escándalo foi tan grande que até lle tiveron que chamar a atención. Exceso de paixón contra o propio, claro. Política dos telexornais: perigosísima. Rexionalizaron as formas e os contidos. Convertéronos en algo parecido aos vellos No-Do, nunha prolongación dos telediarios españois e das cadeas propias que o PP montou por todo o territorio. Podémonos enterar dun incendio nunha fábrica ocorrido nun punto perdido de Castela, mais non dunha manifestación de 5.000 persoas en Santiago ou 40.000 en Vigo botándolle en cara a Feijoo a destrución que está a levar na sanidade pública ou na extirpación do noso idioma. O silencio cara ao país ou a respecto de persoas afastadas do seu ideario, converteuse en lei.

O tempo do telexornal está controlado case na totalidade polo imaxe de Feijoo e a dos seus amos de Madrid, e danlle a volta á representación partidaria dos parlamentos e ás condicións de presenza que eles mesmos crearon: nos debates entre Zapatero e Rajoi: quen acaba falando de último na TVG non é o presidente do goberno español, senón o xefe da oposición. Isto leva a un favoritismo propio dun ditador. E os da oposición do parlamento de Galiza, aparecen como  unha anécdota, sobre todo o BNG. Unha sensibilidade democrática nunca permitiría este tipo de reparto.

Vaiamos coa radio. Estase a introducir cada día máis a  presenza do español fronte ao galego (Feijoo é o primeiro presidente galego que tamén o fai persoalmente nas súas intervencións, e que preside un goberno que por primeira vez tamén ten conselleiros e conselleiras que nas intervencións oficiais falan preferentemente en castelán). O programa de humor que había, con imitacións das voces dos diferentes políticos, feito con graza e con enxeño e dentro do respecto aopaís, foi eliminado para poñer a un home (ou muller?) andaluz que conta chistes e fala exclusivamente en español. Mediocre e torpe como os amigos aos que se lles busca un postiño. Por algo o cadro tipicamente franquista do baile andaluz e dos touros pasou a ser  na RTVG o símbolo español que exclúe os nosos. Os distintos programas de debate teñen unha presenza, agora,  con dúas voces pro-PP fronte a unha  pro-PSOE e outra do nacionalismo. Xa non me quero meter na fronteira das distintas ideas en debate, cada día máis borrosa (responsabilidade, neste caso, dos tres partidos e organizacións). Locutores e locutoras moi populares (no sentido xenuíno da palabra, non no partidario)   foron eliminados para poñer outros sen unha mínima sensibilidade galega e que nos están bombardeando arreo coa súa propia ideoloxía, obviamente, reaccionarias e antigalega. Os traballadores significados pola súa postura de apoio ao idioma e á cultura nosa están sendo perseguidos e obrigados a someterse aos criterios ideolóxicos do PP.

Non dá a extensión deste artigo para seguir poñendo exemplos dos cambios introducidos polo PP durante este ano nos medios nosos, públicos, mais coido que con estes abonda para a comprensión. Sería un equivoco pensar que anteriormente tampouco o choio funcionaba ben, porque a distancia entre o onte e o hoxe é grande e perigosa. O máis grave da muda está no aspecto global, filosófico  que consiste en ir eliminando todo aquilo que nos caracteriza como galegos e galegas e cambialo por toda a simboloxía do español, e isto está a funcionar xa dun xeito excluínte para esa mínima idea que, pese a todo, mantiña a presenza da sensibilidade propia desta nación. Con esta alternativa obsesiva e españolizadora, a xente nova xa non terá practicamente nengún punto de contacto co mundo galego, aos distintos niveis, porque isto xa non existe en proporción, mesmo, ao que o propio país produciu historicamente.

Podemos adormecernos pensando en que o que está a ocorrer é lóxico por tratarse dun goberno reaccionario e españolista do vello réxime. Isto é o anormal, o que hai que enfrontar con seriedade e valentía no canto de ignoralo con argumentos do Deixa que xa... Pon medo tamén a falta de iniciativas para a denuncia contundente deste estado de cousas, sempre referentes ao control dos medios de comunicación, enfermizo e particularizado polo PP até o extremo de utilizals como se fosen propiedade deles. Ou reaximos desde as institucións máis ou menos caladas e desde as intervencións colectivas e sociais ou o futuro terá a gravidade daquelas cousas que se foron construíndo e que, arrasadas, teñan que levantarse outra vez a partir de cero. O panorama, pois, non resulta precisamente animoso, mais a dificultade tampouco non pode levar á paralización. Sempre o problema pide unha saída. O mal está en que, cansos ou perdidos nesa modernidade do complexo, na desnaturalización do propio, ou na raia do indefinido, fiquemos coa conformidade do Deixa que xa, ou no slogan comercializado agora de Malo será, cando o inimigo, ben activo e medrado, avanza, avanza inexorabelmente.