Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.
22-05-2012

Só o prexuízo ideolóxico pode levar a concluír que a financierización é un parasito dentro dun organismo san

Un burro rebentado

XOSÉ RAMÓN ERMIDA MEILÁN


O sistema financeiro español é un burro rebentado até o punto de que a totalidade das entidades do estado presentaron perdas nos dous últimos trimestres de 2011. Tanto é así que as intervencións de CCM, de Cajasol, da CAM, do Banco de Valencia  ou a máis recente de Bankia non son máis que a punta do iceberg do que está por vir. Así as cousas a situación de quebra de Novagalicia Banco e a súa próxima liquidación non é ningunha excepción nun escenario no que pintan bastos. Agora ben, non nos levemos a enganos, posto que non estamos diante dunha crise financeira, resultado das malas prácticas, nin tampouco dunha crise do modelo como consecuencia dun modelo regulatorio insuficiente, é o sistema e o seu recurso a financierización como resposta a tendencia ao estancamento propio do capitalismo maduro quen provocou que o único capitalismo real e existente e aquel que se dá na esfera das finanzas.

O informe anual do Banco de España de 2011 non deixa dúbidas sobre a saúde do conglomerado financeiro que viu como pasado ano reduciu os seus beneficios en relación co 2010 nun 99,1%, situándose estes en 82 millóns de Euros. Agora ben antes de impostos as entidades de crédito tiveron que enfrontar unhas perdas de 2.822 millóns de Euros, un resultado que tanto só foi compensado por un efecto fiscal favorábel, o desconto do Impostos de Sociedades por unha contía superior aos 2.900 millóns de Euros. De feito, os bancos e caixas sen unha presenza internacional significativa, todos menos o Santander e o BBVA, acumularon perdas contábeis de 4.650 millóns de Euros só no último semestre do ano pasado. Porén o problema é moito máis fondo xa que o sector tivo que enfrontar en 2011 perdas por deterioro de activos de máis de 30.000 millóns de euros, provisionar créditos dubidosos por unha contía de case de 140.000 millóns de euros, dos que 64.000 millóns se corresponden co ladrillo, unha fuga de depósitos de 1.700 millóns de euros, tendo que facer fronte en 2012 a vencementos por unha cantidade de 152.000 millóns de Euros. Pero hai máis, o valor bolsista da totalidade das entidades de crédito que cotizan a día de hoxe no IBEX é inferior ao que tiña en solitario o Banco Santander en 2007, ano no que o beneficio de caixas e bancos foi de 25.822 millóns de euros, sen esquecer as novas esixencias de capital que está a requirir o Estado para 2012, preto de 50.000 millóns. Os dados non deixan espazo para interpretación algunha e anuncian un escenario que impón unha nova inxección masiva de diñeiro público ao conxunto do sector que se situaría en preto dos 300.000 millóns de Euros, isto é a mesma cantidade que até a data ten achegado o Estado ao sistema financeiro.

A recente intervención de Bankia non colle a ninguén por sorpresa, posto que a entidade resultante da fusión de Caja Madrid, Bancaja e outras cinco pequenas entidades presentaba os peores indicadores desde o seu nacemento. Pénsese simplemente que o banco presidido por Rato acumula preto da metade do crédito promotor dubidoso, 36.000 millóns, ten que facer fronte até 2014 de vencementos por un total de 106.000 millóns de euros e situase a cabeza da morosidade de todo o sector. Alén diso o que resulta autenticamente escandaloso é  que as axudas públicas a Bankia suman 82.965 millóns de euros, unha cifra superior ao déficit total da Admistración do Estado e das Comunidades Autónomas, que se situou en 2011 en 82.107 millóns de Euros. Os 82.965 millóns de euros concedidos a Bankia correspondese con 28.500 que proceden do fondo de avais, 14.465 millóns achegados polo FROB1 e o FROB 3, e 40.000 de créditos brandos do BCE. Unha outra óptica interesante para comprobar a magnitude do rescate e a natureza de clase das políticas de gasto de socialistas e populares é o feito de que o Estado a cargo das contas publicas de 2012 destina a esta operación arredor de 7000 millóns de Euros, mentres a educación e cultura achega 3.711 millóns de euros ou a sanidade e servizos sociais 2.446 millóns de euros. O futuro da que estaba chamada a ser grande entidade financeira do PP non é outro que a súa venda, se ben está non será inmediata dado que o Estado non pode garantir para a mesma unha EPA que a faga apetecíbel a outra entidade. A imposibilidade de utilizar no futuro un esquema de protección de activos na liquidación na venda dunha caixa e banco está vinculado ao feito de que no Fondo de Garantías de Depósito non fican máis de 2.000 millóns de euros, o que converte en letra morta a garantía de que os aforradores terían garantido os seus depósitos bancarios até unha contía de 100.000 Euros por libreta e entidade.

Os resultados en 2011 de Novagalicia Banco recoñecen por primeira vez na súa historia perdas, neste caso, por un monto de 168,7 millóns de euros, dos que 69,5 proceden da actividade financeira e os restantes da súa división industrial, cunha diminución do beneficio en relación coa anualidade pasada do 285%, o triplo que a media do sector, unha fuga de depósitos de 2035 millóns de Euros e unha exposición a créditos dubidosos de 2050 millóns de Euros. Aínda máis, non hai díxito negativo que se lle resista a empezar pola marxe de intereses que se reduciu nun 26%, a seguir polo seu nivel de mora, por riba do 9% e ao rematar polo volume do crédito a particulares e empresas que diminúe en 3.778 millóns de Euros. Non é casual que o Banco de Castellanos presente uns indicadores que se sitúan xa non por baixo da media do sector, senón na cola, dada a elevada exposición do mesmo ao ladrillo, o auténtico produto tóxico do sistema financeiro español. A quen lle fiquen dúbidas só ten que reparar no feito de que Novagalicia Banco é a novena entidade do Estado en activos inmobiliarios que suman máis de 1.490 millóns de Euros, unha carteira de vivendas de preto de 5.500 e unha cantidade de solo, boa parte urbanizábel e mesmo rústico, que garanten créditos por preto de 8.000 millóns de Euros. Unha grande inmobiliaria, con niveis de exposición a actividade promotora e construtora moi semellantes a entidades que a duplican en depósitos como o Sabadell ou o Popular e moi por riba de outras entidades de maior tamaño como as caixas vascas, Unicaja ou Liberbank. Non hai máis plan para Novagalicia Banco que o formulado polo nacionalismo, se queremos co noso País conte cunha entidade de seu, se pretendemos contar cun instrumento financeiro de seu.

A financierización é a resposta do capital as dificultades de crecemento do capitalismo avanzado, alimentado pola creación permanente de “capitais libres” na busca do que Marx chamaba plusvalía extra. Xa na década dos anos 30, alguén tan pouco sospeitoso como o propio Keynes, afirmaba na que o predominio do capital financeiro ameazaba en converter nas sociedades capitalistas "unha burbulla nun remuíño de especulación", e recomendou a “eutanasia do rendista”. Sen embargo, a financierización é tan esencial para o monopolio e o capital financeiro que dita “eutanasia do rendista” non pode lograrse –contravindo o soño de  Keynes dun capitalismo máis racional- nos lindeiros do sistema. A razón de fondo é como explicaron, Sweezy, Amin ou Gunder Frank, que as finanzas están emparelladas coa produción polo que na etapa monopolista do capitalismo, en sentido estrito, non é posíbel distinguir entre “capital produtivo” e “capital financeiro”. Isto ten haber, cos dos xeitos de fixar os prezos na economía capitalista asociados nun caso a produción (PIB) e noutro aos activos (activos financeiros). O capital diante da imposibilidade de poder darlle saídas aos excedentes na produción, vérteos nas finanzas. Non é polo tanto a financierización das economías capitalistas o que explica o lento crecemento das últimas décadas, senón que é o crecemento lento e a falla de oportunidades de inversión para o capital o que explica a financierización. Só o prexuízo ideolóxico pode levar a concluír que a financierización é un parasito dentro dun organismo san.