Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.
14-02-2012

Será a “bondade” a explicación de nomes con contido tan positivo

Vilaboa, Riobóo, Bouza Boa, Prado Bóo, Montebón... e aínda a mesma Lisboa?

CÉSAR VARELA GARCÍA

Vilaboa


Vimos sostendo aquí que as apreciacións psicolóxicas como a alegría,o gozo ou a maldade non teñen repercusión toponímica xa que o feito de nomear un lugar é un feito social fóra da consideración individual ou psicolóxica que pareza provocar o nome.

No artigo pasado trouxemos á tona a valoración de que non había "ruindade" nos topónimos de CASTROMAO, RIOMAO e semellantes. Tratábase simplemente do sufixo -MANO que debíamos interpretar axeitadamente para que tivese un significado toponímico.

Nunha deliciosa viaxe que fixemos o verao pasado ás terras raianas do Couto Mixto da man do noso amigo Manuel Cortes, nativo das terras de Calvos de Randín, el contounos cómo, segundo lle explicara Méndez Ferrin, os lugares chamados AS MAUS son un reflexo de antigas repoboacións con xentes traídas da Terra do ASMA, nome antigo das terras chantadinas.

Os seus habitantes serían chamados por tal motivo, os ASMANOS do mesmo xeito que ESTURAOS nos remite a repoboacións de asturianos ou os CUMBRAOS como orixinarios de Coimbra.

Volvendo ao caso que nos ocupa hoxe, e seguindo o raciocínio anterior, tamén será ocioso esperar que a "bondosidade"sexa a razón dun feixe de topónimos que soan a esa cualidade moral.

O que nos deu a chave para iniciar unha explicación diferente foi un lugar ao pé do noso Carballiño natal, indo para Dacón, que chamamos A FONTELA, pois ao pé da estrada deita água un pequeno nacedouro.

Non obstante, aquela zona é designada como o lugar de FONTEBOA.

A nosa opinión é que os dous chamadeiros están para designar o mesmo feito topográfico, un pequeno manancial!

A FONTELA é sabido que procede dunha FONTANELA latina, mentras que en FONTEBOA, a nosa sospeita é que -BOA non é mais que un sufixo do que hoxe perdemos o seu significado e que confundimos co adxectivo BOA.

Sospeitamos que a palabra inicial foi FONTEPONA, que deu na FONTEBOA de hoxe seguindo as usuais réguas do paso do latín ao galego e tendo inicialmente o significado dun diminutivo, ou sexa unha "fontiña".

Se a nosa hipótese é certa as VILABOA que inzan na Terra non deixan de ser na súa orixe pequenas vilas ou VILELAS.

No mesmo xeito de raciocinio os diversos RIOBÓO, REIBÓN ou RIBÓN serían diferentes variacións dun orixinario RIOPOLO ou RIOPONO,que non é mais que unha referencia a un regueiro ou regato.

Unha pequena lista de lugares "bondosos" que extraemos dun xenérico nomenclator sería:

SILVABOA (de SILVAPONA) e do mesmo xeito
BOUZA BOA
LAMA BOA
PRADO BÓO
PENA BOA
MONTEBÓN
VALBOA

E se cadra, BARBÓN e BARBÓO, apelidos de insignes vigueses teñen a mesma procedencia dun primixenio VALLISPONO, ou pequeno val.

Antigos sufixos pasados de uso e que hoxe malinterpretamos!

Hai unha gran cidade que loce un nome do mesmo feitío, i-é nem mais nem menos que LISBOA ! (Lisboa non é unha cidade é, A CIDADE! escribía noso Manuel María).

Seremos quen de interpretar o nome desta capital coas modestas armas orixinadas pola observación do duplo nome dunha fontiña carballiñesa?

Imos lá!

Deixemos de lado as esperadas e pretensiosas orixes míticas da cidade atribuídas ás andainas dun ULISES un tanto desviado da súa Ítaca natal e matinemos no ilustre nome da sonada ULIXIPONA.

No noso "materialista" método o sufixo -PONA resólvese no -BOA dos casos galegos; é un diminutivo, pero de que substantivo?

No nomenclator español aparece un lugar en Almería chamado LISBONA, dentro da Serra do seu mesmo nome e asociado á Serra dos Filabres, zona pedregosa onde radican enormes canteiras que fornecen de mármore a toda Andalucía.

Velaí o nome de LISBONA, nun contexto socicolingüístico onde non é posíbel que caia o -n- intervocálico e asociada a unha pétrea paisaxe.

Será posíbel asociar a sílaba LIS- ao resultado da evolución da palabra LAXE?

O alto da LIXA, reflicte unha posíbel evolución desde penedosas lascas

LASCIA>LAXA, LAIXA,LEIXA > LIXA

Así pois: LIXAPONA >LIXABOA>LISSBOA.

Sería entón unha LAXIÑA a modesta orixe do nome desta grande cidade!

Pensemos na PEDRA e a LAXE do porto de Vigo, e mesmo PENICHE.E aínda as LAXES estarían na orixe do gran porto de LEIXOES.

Pedras e penedos ao pé dos portos usados como sentinelas e vixías sobre barcos e cetáceos ou laxes cháns usadas como peiraos!

Se cadra a Torre de Belem e o monumento as Descubertas na beira do Mar da Palha están a xogar hoxe o mesmo rol que desenvolveu nos primórdios da cidade,unha modesta LAXIÑA como base orixinária da GRANDE LISBOA !