Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.
03-02-2012

Nos primeiros meses de 1962, hai cincuenta anos, Manuel Fraga Iribarne, con toda intensidade estaba dando lustre ás correaxes do uniforme falanxista que levaba posto había tempo

Fraga Iribarne 1962

EDUARDO ÁLVAREZ


Nos primeiros meses de 1962, hai cincuenta anos, Manuel Fraga Iribarne, con toda intensidade estaba dando lustre ás correaxes do uniforme falanxista que levaba posto había tempo. As súas ambicións non ficaban simplemente en seguir sendo Secretario da Comisión de Asuntos Exteriores das Cortes franquistas (1958-62) ou director do Instituto de Estudios Políticos (1961). Tiña outros propósitos e, entre eles, o de dar o grande chimpo para integrarse no mesmísimo goberno do Generalísimo.

Como catedrático, que xa o era desde 1953, de Teoría do Estado e Dereito Constitucional na Facultade de Ciencias Políticas e Económicas da Universidade de Madrid, e como flamante director do Instituto de Estudios Políticos, necesita organizar actos polos que os xerifaltes do falanxismo lle premiasen a súa lealdade política e, á vez, lle servisen para seguir escalando chanzos até o cumio da xerarquía do réxime. Con esta finalidade, organiza para o día 21 de marzo de 1962 a homenaxe ao xurista alemán Carl Schmitt no mesmo lugar en que cincuenta anos despois acabaría a súa vida política como senador por designación autonómica: o edificio nobre da Praza da Mariña Española nº 1, sede daquela do Movimiento Nacional.

¿Quen era o eminente xurista, Carl Schmitt, obxecto daquel solemne acto político-académico? Unha das figuras máis relevan¬tes da Ciencia Política alemá e europea, segundo afirma no seu discurso de presentación o flamante Director do Instituto de Estudios Políticos e tamén catedrático de Dereito político e de Teoría do Estado e Dereito constitucional.

Nun primeiro momento, Mussolini foi o ideal político de Carl Schmitt porque admiraba del o liderado carismático que lle permitía mobilizar unha nación a través da fe política. No ano 1927 publica un ensaio significativo da súa ideoloxía, O concepto do político, no que recoñece que a posibilidade da eliminación física -a morte, para dicilo máis brevemente- subxace a todo trato político. A guerra non é o abismo en que pode caer a política; a guerra é o pozo do que brota, o pozo no que nada, o pozo do que nunca sae a política... A historia, que non pode librarse da política, necesita a figura do inimigo e o rumor da guerra.

Desde o ano 1933, Carl Schmitt convértese no xurista lexitimador do Partido Nacional Socialista alemán. El foi o deseñador dunha filosofía legal que tiña como cometido romper o molde burgués e liberal do Estado de dereito. Como conselleiro do Estado hitleriano, defendeu todos os actos do novo réxime, entre eles os asasinatos da noite dos coitelos longos, ese sanguento bautismo do terror, aplaudido por Schmitt como digna expresión de xustiza revolucionaria. Os seus textos son xa agora abertamente antisemitas e neles enxalza a Hitler como o arquitecto dunha nova legalidade. No Führer viven todas as experiencias da historia alemá. Isto confírelle a forza e o dereito para fundar unha nova orde. Os actos do Xefe non están sometidos á xustiza porque son eles a máis alta Xustiza. Ninguén mellor que el para fixar o contido e os alcances do seu poder.

En 1945, o exército soviético tomou Berlín e arrestou a Carl Schmitt acusado de planificar unha confrontación agresiva, de crimes de guerra e contra a Humanidade. Permaneceu no cárcere perto de dous anos. Procesado en Nuremberg, Robert Kempner, un avogado que tivera que exiliarse de Alemaña, encargouse de interrogalo. Interesáballe descubrir se existía algunha ligazón de complicidade directa de Schmitt cos crimes do nazismo. Finalmente, foi absolvido. Admirador do ideólogo contrarrevolucionario católico español Donoso Cortés, o autor do título Discurso sobre la Dictadura, Carl Schmitt continuou a ser venerado en España por pensadores e profesores universitarios oficialistas até a súa morte, acaecida no ano 1985. Na actualidade, o pensamento político de Schmitt segue a ser citado como fonte de rigor tamén por "eminentes catedráticos" de Dereito constitucional da nosa contorna.

Esta era a ideoloxía política que servía de modelo a Manuel Fraga Iribarne, a da democracia orgánica, o sistema político no que poder e sociedade constitúen un único ser vivo en perfecta simbiose. Prensa libre, voto secreto, organización da oposición, autonomía dos diversos grupos territoriais e sociais son bacilos liberais que destrúen a "unidade emocional" da democracia. Pola contra, a ditadura constitúe o auténtico lazo da unidade popular. A súa expresión é a vontade do Pobo único, sen disidencias, expresada na aclamación.

O día 21 de marzo de 1962, Manuel Fraga Iribarne serviu de anfitrión neste acto de homenaxe, neste reencontro do xurista alemán "cos seus amigos españois na festa sagrada no crepúsculo de su vida", acompañado, entre outros, dos exministros franquistas Ramón Serrano Suñer e Fernández Cuesta, de autoridades civís e militares, da xudicatura e da xerarquía eclesiástica.

Pouco despois, en xullo dese mesmo ano 1962, Fraga Iribarne foi nomeado ministro de Información y Turismo, cargo que desempeñou fielmente inspirado polos principios políticos do seu admirado xurista alemán Carl Schmitt.