Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.
29-11-2011

O paquebote esmaltado (cartografías da cultura)

A furia e o ruído (versión picheleira)

CARLOS NEGRO


Ás veces, no transcurso da nosa biografía lectora, aparecen obras literarias que resultan transcendentes, non tanto pola súa calidade intrínseca como produtos estéticos, senón sobre todo pola súa actitude inconformista con respecto ao contexto cultural e político que os arrodea. Libros que distorsionan adrede a nosa percepción do que debe ser o fenómeno literario, e que alteran as coordenadas históricas e sociolóxicas nas que se vén desenvolvendo, desde a época do Rexurdimento, ese proxecto de identidade colectiva que denominamos literatura galega.

Un deses libros, publicado por primeira vez hai vintecinco anos en Edicións Xerais de Galicia, podería ser Polaroid, do santiagués Suso de Toro. Unha obra que axitou as augas mornas da narrativa galega no ano 1986, e que significou un punto de inflexión no concepto do que se entendía por escribir ficción na nosa lingua. Un libro ao que ben se lle podería aplicar aquela irónica advertencia do colectivo Ronseltz con respecto ao discurso lírico: O poema é unha pedrada na cabeza. Por iso lles recomendamos ao leitores que usen casco. Porque Polaroid, no seu momento, tamén pretendía ser un croio arreboladizo que esnaquizaba o espello da solemnidade, retorcéndolle o pescozo ao cisne do culturalismo.

Aínda hoxe, quen lles fala lembra con certa fascinación o efecto de descarga eléctrica que proporcionaba a lectura daquela obriña cando a collías por primeira vez con dezasete ou dezaoito anos, sobre todo tendo en conta que, na nosa aínda escasa bagaxe literaria xuvenil, a nómina de títulos que ofertaba o ensino público incidía na inevitábel glorificación dunha ortodoxia de resistencia ante o imperio romano na que predominaban a épica artúrica, a morriña enxebrista e a exaltación do marabilloso con prebe cunqueirián.

Fronte a iso, Polaroid irrompía no panorama literario como un cóctel molotov enchoupado en gasolina: era un artefacto literario diferente que non cheiraba nin a mofo neotrobadoresco nin a patriotismo de pantalón de pana, que nos mergullaba de súpeto na experiencia dun universo visceral e caótico, fragmentado e violento, onde a linguaxe artística se converte en balbordo tabernario, en cacofonía urbana, en ruído narrativo que foxe de toda marca de prestixio para lle ceder paso á multitude, a ese coro de voces que conforman un mosaico de instantes conectados pola vivencia simultánea do amor e da morte, do absurdo e do tráxico, do irónico e o vulgar. En síntese: sexo, mitos e rock&roll.

E seguramente o que máis nos sorprendía de Polaroid, dun xeito intuitivo, era a súa aposta radical por unha estética feísta, fragmentaria e precaria, sen máis mensaxe discursiva que un monllo de fotografías sucias que convertían a figura sacralizada do escritor nun ser tan vulgar e imperfecto como calquera das súas personaxes literarias. Nesas imaxes, a máscara do autor despoxábase de calquera pose fetichista e ficaba reducida á dun ninguén que vai para ningures, á dun ghichiño calquera que se nos presenta repasando as unllas dos pés sobre a taza do váter. E, inda por riba, disposto a facer croquetas coa momia de Castelao.

Vintecinco anos despois daquel relampo, Polaroid segue a ofrecerse aos lectores do século XXI como unha arroutada de espírito punk, como un tratado narrativo sobre a irracionalidade do proceso artístico, da súa necesaria transgresión de calquera programa ideolóxico deseñado polas institucións culturais ou políticas. E, sobre todo, segue a exemplificar unha intención iconoclasta que podería ser común á traxectoria literaria de autores tan diversos como Xurxo Borrazás, Cid Cabido, Kiko Neves, Samuel Solleiro ou mesmo Iolanda Zúñiga.

Neste contexto, permitan que lles suxira unha lectura comparativa de Ninguén, a obra recén publicada polo vigués Fran Alonso, poñéndoa en relación de proximidade co Polaroid de Suso de Toro, e verán como atopan en ambos os dous libros un aire de familia, unha mesma intención analítica sobre os modos de existencia na sociedade urbana máis contemporánea.

E de remate, e como unha pinga de homenaxe textual, fica esa obsesiva reflexión sobre o transcurso do tempo tan frecuente na traxectoria narrativa de Suso de Toro, e que aparece sintetizada, sen falsos adobíos, nunha das minúsculas epifanías que van compoñendo o catálogo de instantáneas de Polaroid:

É tan terrible, pasan os anos, ¿sabes?


E, agora, prégollelo, fagan favor de ir marchando para aproveitaren o que lles reste de vida.