Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.
07-11-2011

Con esta Lei, o Goberno do PP pretende ofertar o máis grande Parque Empresarial coñecido, toda Galiza, os seus case 30.000 qm2 , serán zona industrial

Lei de Industria = Galiza Parque Empresarial

FERNANDO BRANCO PARGA


Está a debate no Parlamento Galego o Proxecto da Lei reguladora da política industrial de Galiza, mais non é realmente unha lei de Industria, é unha lei de Política Territorial e Medio Ambiental.

Baixo o eufemismo dos Proxectos Industriais Estratéxicos convértese todo o territorio de Galiza (TODO SEN EXCLUSIÓN) en solo industrial.

Os dereitos dos denominados Proxectos Industriais Estratéxicos son tremendos:

· A non suxeición á licenza municipal, polo cal os Concellos deixarán de cobrar o ICIO.

· Baléiranse as competencias urbanísticas dos Concellos, dáselles só 15 días para notificar a súa conformidade ou non do proxecto previsto co seu planeamento urbanístico.

· Terán declaración de utilidade pública, co beneficio de expropiación.

· Declaración de incidencia supramunicipal.

· Prevaleza sobre outras utilidades públicas. De servidume de paso para vías de acceso, sobre liñas eléctricas, etc.

· Concesión directa de subvencións, modificando sen dicilo a Lei de subvencións de Galiza (aprobada na anterior lexislatura) que, na busca de transparencia, primaba o procedemento de concorrencia pública e, agora, invértese o proceso con concesións directas.

· As determinacións contidas nestes Proxectos terán forza vinculante para todas as administracións públicas e para os particulares e prevalecerán sobre o planeamento urbanístico vixente.

Con estes dereitos e con esta normativa, o Goberno Galego pode deixar de planificar solo industrial, a partires de agora, unha industria poderá situarse onde escolla e logo haberá que adaptar a normativa a esta industria e non ao revés. Todo un avance na planificación.

A definición do que é un Proxecto Industrial Estratéxico, é extremadamente vaga, mídese pola súa importancia tecnolóxica, sen especificar por ningures o que isto significa ou como se valora, e deberá ter un investimento de 50 M€ e 250 postos directos, sen concretar si son fixos ou en precario e por canto tempo.

Este Proxecto de Lei é a demostración do desprezo do PP polo territorio, como se o noso patrimonio natural e histórico non tivese valor algún. Mais tamén é a mostra do fracaso da política industrial en Galiza, como recolle perfectamente o Índice de Produción Industrial (IPI) que, no que vai de ano, baixou en Galiza un 12,5%, a maior caída no Estado, cando a media estatal é lixeiramente positiva.

No debate parlamentar os voceiros do PP defenderon que este proxecto de lei presenta a Galiza como unha terra amábel para a instalación de industrias, mais esta amabilidade consiste en poñer o letreiro véndese en todo o País, e iso que había quen dicía que Galiza non se vende.