Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.
06-09-2011

Asistimos a un proceso acelerado de xibarización das capacidades de tomar decisións políticas por parte dos gobernos

Gobernar o que?

XOÁN COLAZO PAZÓ


Asistimos a un proceso acelerado de xibarización das capacidades de tomar decisións políticas por parte dos gobernos.

A construción dos modernos estados nacionais pode entenderse, simplificando moito, como a cobertura que as distintas burguesías precisaban para desenvolver o seu proxecto de acumulación capitalista coa creación dos respectivos mercados interiores. Polo tanto, a arquitectura do estado deseñouse á medida para cumprir esa función. Así veu sendo nos últimos máis de dous séculos, con variantes segundo os países e evolución histórica.

Dos inmensos pardiñeiros deixados pola Segunda Guerra Mundial xurdiu un mundo bipolar no que os chamados países occidentais tiveron que permitir, de xeito precario e a duras penas, certas concesións á clase traballadora. Neste escenario operaron democracias cristiás, partidos socialdemócratas, tecnócratas varios incluídos os franquistas, e outras variantes de fieis servidores dos grupos de poder a quen xestionaban os beneficios e privilexios de sempre.

De xeito formal, os gobernos deses estados dotáronse no económico dunhas determinadas ferramentas de política fiscal e monetaria das que fixeron uso para que nada trocar, só tratando de que se maximizasen os beneficios sen que o equilibrio co mundo do traballo e cos países ditos do leste non se vise moi comprometido. A peor parte levárona os países neocolonizados, que sufriron toda caste de asoballamentos e depredacións.

Na actual fase de globalización, quer dicirse, dun mundo entregado atado de pés e mans ante o capital financeiro e especulativo, as formas de estado occidentais están involucionando, de xeito que, para mellor servir ás necesidades daquel, deben adaptarse ás novas funcións que se lle encomendan. O sometemento da poboación a unhas medidas que a empobrecen está a provocar unha certa crise de lexitimación política, pois incluso dende o punto de vista formal fórzanse moitas decisións que nin sequera unhas sociedades adormentadas son quen de asimilar de contado. A eliminación das posibilidades de facer políticas por parte dos gobernos xa non se debe só á propia renuncia a tomar medidas transformadoras e progresistas polos partidos maioritarios nos estados occidentais. Se algún goberno tiver a intención sequera de enfrontar o poder do capital e os mercados, deberá sufrir o acoso mediático, o illamento internacional e os ataques especulativos contra a súa economía. Pero ademais, e a partires de agora en maior medida, atoparase cunhas competencias nos seus aparellos de goberno moi restrinxidas, diminuídas e case incapaces para adoptar decisións favorecedoras das maiorías sociais. A fondura da crise está a provocar a total desaparición dos derradeiros restos dos "estados sociais e de dereito". O capital tornou a balanza a prol seu. As superestruturas estatais e internacionais abandonan o pouco que tiñan de democracia formal, e a nivel económico oriéntanse a cumprir a función de alimentar o capital financeiro. Deste xeito as políticas económicas posíbeis serán unicamente as neoliberais.

Galiza padece este proceso nunha situación de desamparo, cunha autonomía moi limitada. Sen aparello de estado, olla como as decisións se adoptan cada vez máis lonxe e dun xeito menos democrático, sen ter dereito mesmo a pronunciarse sobre o que lle é vital. Primeiro foi un Estado Español que nos nega e que sacrificou os intereses galegos nunha ruinosa integración no Mercado Común Europeo, co desmantelamento industrial, agrario e dos nosos servizos. Viñeron logo as novas voltas de parafuso que supuxeron Maastricht, a Unión Europea, o Tratado de Lisboa, a Constitución Europea,... instrumentos para a construción da chamada Europa dos mercadores, ou dos mercados en terminoloxía na moda hoxe. Isto veu acompañado necesariamente coa amputación das posibilidades de facer política económica por parte do Goberno do Estado, cando menos no referente á política monetaria. Estas decisións trasladáronse ao Banco Central Europeo, para fixar tipos de interese, e a creación do euro imposibilitou facer unha política de trocos entre moedas, onde tivesen cabida posíbeis desvalorizacións, emisións, etc. Agora, coa fixacións de límites ao endebedamento público, aténtase contra calquera posibilidade de facer políticas anticíclicas ou financiar servizos sociais básicos. Só a política fiscal segue a ser competencia de cada estado da Unión Europea, pero os gobernos só a utilizan cada vez máis nun sentido regresivo, subindo a carga fiscal ás clases populares e eximindo ás grandes fortunas e ás empresas, non vaia ser que fuxan e nos priven da súa riqueza. E con todos os sectores económicos privatizados, a simples orientación da economía por parte dos gobernos convértese nun imposíbel, e máis dende un país sen soberanía como é Galiza.

Ao longo de todos estes anos, ao igual ca agora, o nacionalismo galego acertou á hora de denunciar estes procesos. O noso combate foi sempre por que a sociedade mantivese o poder real de decisión verbo das políticas públicas, e por acadar maior soberanía para o noso país dende unha óptica de xustiza social e colaboración entre os pobos. E isto é unha loita pola democracia, para que as persoas e os pobos poidan escoller gobernos que desenvolvan políticas coñecidas e teñan capacidade para levalas adiante. Demostrouse que canto máis afastado está o poder político, canto máis lonxe de Galiza se foron levando os centros de decisión, menor capacidade de gobernar a favor das maiorías sociais e menor democracia. O poder do capital precisa distanciarse dos pobos, que estes teñan menos soberanía para poder zugar mellor o excedente que xeran. Interésalle menos unha Galiza ceibe e máis unha España submisa a este modelo de Europa e de Mundo.

No Estado Español só o nacionalismo presenta alternativas para unha economía e unha democracia construídas dende a base, dende as nacións, a prol dos respectivos pobos. Pola contra, os partidos españois tiran de leis orgánicas para evitar calquera posibilidade presente ou futura de facer políticas económicas diferentes. Lembremos que non hai propostas tecnócratas ou sen ideoloxía. Esta mudanza da constitución sen participación popular ningunha é unha medida profundamente política, e está destinada a mellor servir os intereses do capital.