Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.
23-03-2010

A “guerra do fletán” foi a mellor mostra do que supuxo para Galiza a entrada do estado español na UE

NAFO: Agonía dunha frota

XESÚS GARCÍA COUSO

Armada da Mariña Canadiense


Fai uns días estiven ollando una reportaxe que, fai aproximadamente un ano, emitira a TVG no programa "A caixa negra". Trataba sobre a chamada "Guerra do fletán." Ao seu remate sorprendeume que, sendo Antón Reixa o produtor do espazo en cuestión, se presentaran os sucesos acaídos en marzo do ano 95 como un simple problema de apresamento dun barco. Ofrecían as súas testemuñas persoeiros de renome daquela época, o patrón do buque e pouco máis. A loita social que, liderada polo nacionalismo, e mantida polos mariñeiros e as súas familias do que foi o comezo da longa batalla na que se ve inmersa, hoxe en día, a frota daquel caladoiro apenas ten reflexo en dita reportaxe.

Cando, en marzo do 95, o buque "Estai" foi apresado por Canadá librábase naquel país unha loita política por ver quen sería elixido "Premier" de Newfoundland e Labrador. O, por aquel entón, Ministro da Pesca, Brian Tobín, estaba na carreira. Finalmente sería o gañador.

Parte da frota de NAFO abandonara, durante os anos 80, o caladoiro de Namibia ao deixar este de ser rendíbel.  Naquela altura, no 95,  traballaban en augas NAFO (Organización da Pesca do Atlántico Noroccidental) 45 barcos con perto de 1.500 tripulantes, na súa maioría galegos.

Poucas persoas son conscientes do esforzo de renovación tecnolóxico e industrial que supuxo este cambio. A frota galega non estaba preparada para faenar ás profundidades nas que se traballan naquelas augas. Houbo que deseñar e adaptar as máquinas, os aparellos e os métodos de traballo ao novo medio.

Para a economía galega esta frota tiña unha importancia estratéxica. O chamado "Complexo Mar-Industria" ten nesta frota o seu reflexo máis evidente: a materia prima péscase con barcos galegos, as tripulacións son galegas, o peixe descárgase en portos galegos, elabórase e transfórmase en empresas galegas ubicadas en Galiza e, de reviravolta, é desde portos galegos onde se embarca xa transformado para a súa distribución internacional.

A "guerra do fletán" foi a mellor mostra do que supuxo para Galiza a entrada do Estado español na UE. Da desídia coa que son tratados os nosos intereses económicos. A constatación de que a pesca nunca foi considerada como un sector estratéxico polos nosos gobernos.

Os vergoñentos acordos (despois sempre incumpridos) que por aquel entón se asinaron entre a UE e Canadá, contando coa aprobación de Manuel Fraga e Felipe González, as supostas sancións económicas que, segundo a entón Comisaria de Pesca Europea Emma Bonino, se lle ían impor a empresas canadianas, e toda a parafernalia do discurso mediático que no devalar da crise foron soltando todas estas personaxes remataron dando fe da renuncia europea a soberanía no sector da pesca.

Nesa loita o nacionalismo non ficou a velas vir nin aceptou os feitos consumados. Estivo ao carón das familias e os mariñeiros organizando mobilizacións e  manifestacións no País e fora del (a primeira manifestación onde os galegos se desprazaron a Madrid foi durante a "Guerra do Fletán"). Levou aos parlamentos iniciativas en defensa do sector e da frota. Fixo o traballo social, sindical e político que estaba obrigado a facer e ao que, outros, renunciaron por un galegófono servilismo mesetario do que aínda hoxe en día non son quen de librarse.

Nestes 15 anos a política de acoso a nosa frota non parou. En tempos de José María Aznar e Manuel Fraga o goberno canadiano aínda enviaba buques da Armada contra os 14 barcos e 400 tripulantes que, pese a todo e a todos, aínda traballan naquelas augas.

Na actualidade, cun aumento constatado da cantidade de fletán e das demais especies no caladoiro, a Unión Europea segue a negarlle o necesario aumento de cota de pesca aos barcos galegos. A escusa que puxeron este ano da mostra do cinismo e a desvergoña con que actúa esta Administración, do autismo servil da Xunta de Galiza e do silenzo cómplice co que o estado español acepta, unha vez máis, esta aldraxe: O barco que ia facer o estudo dos recursos do caladoiro ten a maquinilla de virar o aparello avariada. Manda truco!

A política da Unión Europea está centrada, practicamente, nas axudas económicas orientadas ao abandono da actividade primando, sobor de todo, os desguaces. A do estado limítase a elaborar, con lentitude, as ordes reguladoras das axudas por paralización temporal da frota e a pórlle trabas, aos tripulantes, na tramitación destas axudas. A Xunta de Galiza... nin está, nin se lle espera.

Este desinterese intencionado que amosan quen, estando obrigados a atopar solucións de futuro para o sector, están empeñados na súa desaparición contrasta coa terca determinación destes mariñeiros e as súas familias que, a día de hoxe e apoiados coma sempre polo nacionalismo, son os únicos de toda a nosa frota que son quen de seguir mobilizándose ano tras ano na defensa dos seus intereses e a non deixar que esta lenta agonía a que os están condenando remate coa perda dun recurso tan importante para o noso País.