Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.
29-08-2011

Diversos xogadores deportivistas da época téñen comentado o mal que o pasara Chao pola guerra e a represión franquista

Chao, a esquerda galeguista do Deportivo

XAN FRAGA RODRÍGUEZ

Chao, segundo dos anicados pola esquerda (Deportivo que conseguiu o ascenso)


Falaba hai pouco tempo con Ramallets, ex porteiro do Barcelona e da selección española, sobre diversos xogadores galegos que coincidiron con el en etapas diversas tanto no F.C. Barcelona (Cheché Martín, Luis Suárez, Moll) como na selección española (Acuña, mundial de Brasil 1950) e resaltaba o mundialista catalán  o bo xogador que era Chao.

Ramallets e Chao coincidiron na xira que fixo a México a selección B previa ao mundial de Brasil 1950. Chao xogou os dous partidos en México. O último foi 28 de maio 1950, empate a cero, sendo o adestrador español Benito Díaz. Formaron así:  Ramallets; Murillo, Antúnez, G. Alonso; Ontoria, José Hernández; Juncosa, Arza, César, Silva e Chao. Finalmente Ramallets iría ao mundial e Chao non.

Antón Villar Chao era fillo dun dos principais líderes do nacionalismo galego, Antón Villar Ponte, e curmán do pintor José Ramón, tamén Villar Chao pois os dous fundadores das Irmandades da Fala, Antón e Ramón, estaban casados con sendas irmás: Micaela e Teresa Chao Maciñeira.

Antón Villar Ponte (1881-1936), o autor do Mariscal e deputado en 1936 polo Partido Galeguista (dentro da Fronte Popular) non chegou a sufrir a barbarie franquista pois morreu o 4 de marzo de 1936 e xa non puido tomar posesión da acta de deputado. Diversos xogadores deportivistas da época téñenme comentado o mal que o pasara Chao pola guerra e a represión franquista, ademais de non poder cursar a carreira de medicina que tanto ansiaba. Abondaba no mesmo a súa prima Teresa Villar Chao (falecida no 2008) filla de Ramón Villar Ponte relatando o desasosego que lle provocaban incluso os xerifaltes do fútbol da súa época.

Ben sabía Chao que Cheché Martín, que coincide con el no Deportivo na súa última temporada 1948-49, era  fillo dun fusilado polo franquismo, o secretario do concello da Coruña Joaquín Martín Martínez. Cheché Martín xogaría no Deportivo en 1948-49 e 1949-50 sendo despois traspasado ao Barcelona e despois xogaría tamén no At. de Madrid e Valencia. Ben sabía que Augusto Bebel García, xogador do Deportivo sería asasinado cos seus irmáns Anatole France e Jaurés "os da lejía" por defender a República. Ben sabía quen era, cando se funden nun abrazo en Riazor, Zubieta, xogador vasco exiliado, que viña como capitán do mítico San Lorenzo de Almagro (onde estará trece temporadas) en 1947. Chao exerce de capitán do Deportivo. Zubieta volverá máis tarde para xogar no Deportivo entre 1952 e 1955.

Antonio Villar Chao (1921-2000) comezou xogando na Unión Sportiva de Santa Lucía e en 1939 debuta xa co Deportivo sendo campións de Galicia. Comeza a temporada en Segunda División; xogan a promoción de ascenso a Primeira contra o Celta, que será finalmente o que ascenda por un gol do celeste Nolete. Ao ano seguinte si conseguen o ansiado ascenso nun partido en Vallecas contra o Murcia, 2-1 para os deportivistas onde brilla o extremo esquerdo galeguista Chao. A formación coruñesa foi Acuña; Novo, Pedrito, Muntané; Molaza, Reboredo; Breijo, Guimerans, Elicegui, Chacho e Chao

Xogou pois no Deportivo dez anos consecutivos dende 1939 ata 1949. Non era un gran goleador, aínda que na última temporada no Deportivo marcou 10 goles, pero si moi bo pasador, sobre todo en carreira. En 1949 foi fichado polo Málaga. Aquí estará dúas temporadas (1949-50 e 1950-51) ata que se vai ao fútbol mexicano.

Ao seu regreso e antes de retirarse atende a solicitude do adestrador Rodrigo e reforza ao filial deportivista o Xuvenil de Terceira División, conseguindo o ascenso á Segunda División nesa temporada 1954-55.

Tiña o título de adestrador estatal dende 1953, exercendo en diversos equipos como Juvenil, Fabril e sobre todo na selección galega de xuvenís onde levou a Amancio, Domínguez, Jaime Blanco, etc...

En 1958 márchase para Venezuela onde refacerá a súa vida, levando algunhas memorias de seu pai, que algunhas tamén se perderon en baúis de naufraxios. Contaba o propio Chao, a primeira vez que voltou a Coruña (agosto 1970), despois de doce anos en Venezuela como fora unha odisea a viaxe pois xa pouco despois de partir de Curaçao ao barco (Montserrat) comezou a fallarlle o sistema eléctrico, as caldeiras e as comunicacións, pasando catro días a deriva sen luz e sen auga. Os 600 pasaxeiros finalmente puideron facer transbordo a outro transatlántico: o Begoña. O sábado 22 de agosto de 1970, ao mediodía chegaban a Vigo.

Despois dunha breve estancia na Coruña, seguían sen gustarlle as cousas como estaban e regresou á patria de Bolívar. A peña deportivista de Caracas fíxolle en 1997 unha merecida homenaxe.

Antonio Villar Chao, extremo esquerdo galeguista que fixo ala con Chacho moitos anos no Deportivo  morreu con 78 anos en  EE.UU., a  onde fora tratarse dende Venezuela onde vivía. Creo que xa tiña amputada a perna esquerda, aquela que tanto cautivara nas súas galopadas elegantes por Riazor.