Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.
29-04-2011

O paquebote esmaltado (cartografías da cultura)

Lois Pereiro e o 17 de maio (cavilacións menores pola parte de atrás dun folio reciclado)

CARLOS NEGRO


Desde un punto de vista histórico, a decisión da Real Academia Galega de dedicar o Día das Letras Galegas á figura de Lois Pereiro pode entenderse como un paso adiante na diversificación do perfil dos homenaxeados, sobre todo en canto favorece unha visión menos ríxida das "tipoloxías estéticas" da literatura galega, e contribúe a romper tópicos sobre a heteroxeneidade dos autores e autoras máis contemporáneos. Representa, en certo modo, a aceptación académica dunha actitude inconformista que se move nas marxes do ideario nacional que adoita definir aos bos e xenerosos. Foi como se entrase aire fresco na rúa Tabernas, unhas pingas de punk e anarquismo, estética rock e pegadas de contracultura urbana, angustia existencial e dandismo monfortino.

Aínda así, a decisión da Academia non está exenta de certos riscos; un enfoque crítico apresurado da figura de Lois Pereiro podería levar a convertelo nunha icona do malditismo literario, transformando a súa imaxe nun fotograma morboso, sobre todo se a análise das súas circunstancias biográficas potencia o apetito do público polas vísceras, desprazando a un segundo plano o coñecemento intrínseco da súa produción literaria. Neste contexto inmediato dos fastos do 17 de maio, e aínda que se faga con nobres intencións, Lois podería rematar por ser exhibido como un espectro de ultratumba atrapado nunha roda de sensacionalismo en torno ás súas adiccións e enfermidades. E iso quizais sexa rendíbel desde unha perspectiva publicitaria, pero non contribúe a que se lean máis e mellor os seus versos.

A fin de contas, quizais Lois Pereiro só trataba de ser un mozo con ansias de vivir en plenitude, un poeta que procuraba a través da literatura unha forma de redención dos seus infernos particulares, dos seus medos máis íntimos; e resulta obvio que os seus poemas expresan unha intensa procura da verdade, da súa fonda verdade, escribindo coas veas abertas, mollando a pluma no seu sangue, como diría Rosalía de Castro. E iso é o que lle concede un valor extraordinario á súa obra, máis alá da bagaxe cultural que agochan (ou amosan) moitos dos seus textos: unha autenticidade plena, desprovista de artificio evanescente, que toca temas como a radical consciencia da morte, a vivencia ao límite do amor e o desexo, a enfermidade como hábitat, a ironía e o humor como antídotos contra a angustia e o fatalismo. E, sobre todo, os seus poemas transmiten algo que non abunda entre tanta literatura de catálogo turístico: furia e intensidade, enerxía existencial desde a beira mesma do abismo.

Desde outra perspectiva, non deixan de sorprender certas estratexias do sector editorial en torno á promoción da figura literaria homenaxeada cada 17 de maio, cunha especie de frenesí de publicacións que, ás veces, semella máis consecuencia dun impulso ansioso por ocupar un oco urxente no andel de novidades ca dunha análise racional da cantidade de textos que pode asimilar o público lector. Dito doutro xeito: nin sequera Lois Pereiro está libre de padecer certa inflación textual arredor da súa vida e obra, non necesariamente negativa, mais si, quizais, un chisco esaxerada.

Obviamente, non se trata de poñer en dúbida a calidade literaria de Lois, nin de negar o dereito das empresas editoras do país a beneficiárense economicamente do interese que esperta na sociedade o autor monfortino. Mais quizais resulte saudábel preguntarse se calquera escritor actual do país, incluído Lois Pereiro, precisa que, nun prazo dunhas poucas semanas, aparezan no mercado catro biografías, aínda que veñan asinadas por autores/as tan respectables como Antón Lopo, Marcos Calveiro, Mercedes Queixas ou Iago Martínez. E quizais tamén habería que cavilar se, nestes tempos convulsos para a industria cultural, podemos permitirnos o luxo de repetir análises globalmente coincidentes sobre un mesmo poeta contemporáneo, mentres moitos dos nosos clásicos (ou clásicas) seguen a agardar por unhas migallas de atención crítica que permita un coñecemento máis axustado do seu labor literario.

E, con toda a prudencia, pregunto se non nos estaremos a deixar arrastrar tamén por certas doses de euforia desmedida. Se non estaremos a usar de Lois Pereiro non en calidade de escritor, senón de espectro: como unha especie de espírito do alén que esperta en nós unha atracción sentimental que vai máis alá dos seus valores literarios, para achegarse ao esvaradío ámbito da mitomanía adolescente; porque, gústenos ou non, os cadáveres fermosos son os que máis flores acumulan nas tumbas, aínda que unha morte prematura nunca debería sumar ou restar valor no mercado dos méritos literarios.

En todo caso, non esquezan o principal: lean a Lois Pereiro, e abran ás portas ao alento da vida.