Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.
20-04-2011

O día 1 de outubro de 1873 tivo lugar na Coruña a primeira folga obreira na historia da Galiza

A estrutural galeguidade da cidade da Coruña. Sobre a superación de falsos tópicos (II)

XOSÉ MANUEL SÁNCHEZ REI


Continuándomos a liña do artigo anterior, ofrecemos aquí a súa segunda parte, igualmente destinada a verificar que as poderosas megafonías españolistas de sucesivos gobernos municipais do PSOE na cidade herculina non deron borrado a profunda galeguía da capital de que vimos falando, embora fixesen que moitas persoas pensasen que A Coruña era diferente ao resto do país do punto, menos galega e, por isto, máis españolizada.

Así as cousas, máis un tópico asociado á localidade ártabra asenta no seu presumíbel carácter burgués, en contraposición á realidade do pobo traballador. E sobre a tal trabe adoita cololcarse outra das supostas marcas diferenciadoras face ao resto de cidades ou vilas. Novamente, a verdade constata que se trata dunha impresión asaz cuestionábel. Antes de máis, pensemos que A Coruña nace do mar (case no mar a teor da súa morfoloxía como península) e que se espalla a partir dos labores das xentes do mar, de modo que foi o pobo mariñeiro o precursor do seu desenvolvemento e un dos artífices da expansión baixomedieval polo bairro da Pescaría ou Pescadaría. Mais non é preciso situármonos na Baixa Idade Media e no crecemento das cidades que nesa época se verifica tamén en máis partes da Europa: repárese, igualmente, en que as freguesías de San Pedro de Visma, San Cristovo das Viñas, San Vicenzo de Elviña e Santa María de Oza subsistían grazas a unha economía fundamentalmente mariñeira ou mixta, como nos casos de Visma e de Oza, ou mercé a unha totalmente agrícola, cal o exemplo das Viñas ou Elviña; tales demarcacións, agrupadas no extinto Concello de Oza, foron anexionadas ao termo municipal herculino no ano 1912, e durante moitos anos os medios de vida das mulleres e homes que habitaban esas zonas continuaron en grande medida a ser os tradicionais.

Isto parece corroborar, por tanto, que non só houbo camadas pertencentes á burguesía no conxunto da cidadanía coruñesa, mais tamén importantes sectores do pobo traballador, do substrato máis popular, do proletariado (peri)urbano, isto é, albaneis, artesáns, caseteiras, cigarreiras, costureiras, criadas e criados, mariñeiros, mariscadoras e mariscadores, labradores, lavandeiras, leiteiras, redeiras, viticultores (como o demostran os topónimos "Agra da Viña", "San Cristovo das Viñas", "Viña Vella" etc.), xornaleiras e xornaleiros etc., nunhas proporcións certamente importantes que harmonizan no xeral cos datos expostos en diversos traballos pensados para o resto do país: é o caso das obras especializadas que estudan a historia social dos galegos e das galegas, cal A vida cotiá en Galicia de 1550 a 1850 (dada a lume no ano 1992 por Pegerto Saavedra) ou Historia da vida cotiá en Galicia (de Xavier Castro, publicada en 2007). Como singular fito histórico relacionado con eses sectores populares, podemos lembrar que o día 1 de outubro de 1873 tivo lugar na Coruña a primeira folga obreira na historia da Galiza na loita pola reivindicación dos dereitos da clase traballadora, xornada reivindicativa xurdida na Fábrica de Tabacos.

Outrosí, as máis das importantes institucións para a cultura galega naceron xustamente nas vilas e nas cidades. O Rexurdimento e toda as súas demandas de rexeneración cultural, económica, lingüística e política xorde no século XIX como un movemento fundamentalmente urbano, desenvolvido por grupos sociais ilustrados. Non é de estrañar, por tanto, que entidades nucleadas á volta dese movemento, lateral ou centralmente, aparecesen tamén na Coruña, conforme xurdiron noutras localidades da nación. Con independencia da cor política de cada unha delas, non podemos esquecer que a sociedade El Folk-Lore Gallego se fundou en 1884 na cidade ártabra por iniciativa de persoas comprometidas dalgún xeito coa literatura ou coa cultura tradicional, como Salvador Golpe, Francisco María de la Iglesia, Andrés Martínez Salazar, Juan M. Montes, V. López Seoane, José Pérez Ballesteros etc. Outrosí, tamén no Rexurdimeno, a libraría de Carré Aldao, situada na Rúa do Rego da Auga, acollía a famosa tertulia coñecida como A Cova Céltica, a que acudían varios dos protagonistas do movemento cultural, político e reinvidicativo da época, como Eduardo Pondal, Manuel Murguía, o propio Uxío Carré etc.

Por outro lado, é importante o ano de 1906, pois, como é sabido, fundábase a Real Academia Galega no local do Circo de Artesáns, na Rúa de Santo André, que tivo o propio Manuel Murguía como primeiro presidente. E xa por volta de 1916, grazas á iniciativa de Antón Vilar Ponte, tiña lugar a creación da Irmandade da Fala da Coruña, a primeira, moito vinculada inicialmente ao coro Cántigas da Terra. Como efemérides culturais máis próximas dos nosos días podemos traer á memoria as datas de 1965 e de 1976, anos en que se constitúen, respectivamente, as asociacións culturais O Facho e Alexandre Bóveda. Aquela, unha das decanas no asociacionismo cultural de base no país xunto á compostelá O Galo, leva consigo unha longa itinerancia de promoción e internacionalización da cultura galega que chega até aos nosos días, conforme se pode ler na obra colectiva A Coruña na cultura galega. A agrupación cultural O facho (1991). A segunda, cunha media anual de 80 actividades destinadas á proxección e á defensa dos valores culturais e lingüísticos galegos, ben como á figura e ao pensamento nacionalista de Bóveda, sinálase hoxe como talvez a máis activa das asociacións existentes na nación, a teor dos datos recollidos no libro de Begoña Álvarez Bravo Máis de trinta anos de semente cultural nacionalista na cidade da Coruña. Historia da Asociación Cultural Alexandre Bóveda (2008). E fieis ao compromiso co país e ao asociacionismo da cultura de base, ambas as entidades están adheridas presentemente á Federación de Asociacións Culturais da Galiza (GALIZA CULTURA), que comezou a súa singradura en Compostela o día 11 de decembro de 2010.

Onde se verifica tamén con suma facilidade o estrutural carácter galego da cidade é na súa toponimia, asunto sobre o cal xa falamos aquí noutros traballos e que por este motivo non imos reiterar aquí: tanto os nomes de lugar da costa canto os do interior serven como perfectas testemuñas para valorizaren a cerna galaica da localidade. É lóxico, pois, que as autoridades municipais doutros gobernos, obsesionadas con acabaren con todo aquilo que puidese ter algún mínimo recendo a galego, destinasen unha boa parte dos seus esforzos e dos diñeiros públicos a trataren de lapidar eses sinais identitarios que representan os nomes de lugar. Sen ánimo de aprofundarmos de novo nestas cuestións, acaso non resulta ridículo nacer nun sitio chamado O Regueiro, que denota unha vella (hoxe subterránea) corrente de auga que baixaba dos lugares de Cances e da Fontenova, e que agora unha parte deste sitio sexa coñecida como Rúa Gambrinus? Non explicita cando menos ciclópea burremia denominar as proximidades da zona da Infesta co nome Rúa Pasteur? E non queremos comentar noutra ocasión o potencial cultural, histórico e lingüístico para sabermos máis de nós como pobo galego que representan nomes como As Eiriñas, As Regas, Codesal da Aira ('aira', como no leste do país), Horta de Espiñeira, Hortelo, Marzán, Seveiriña, Torre da Fonte, Viña Vella... hoxe practicamente descoñecidos para a maior parte da cidadanía mercé aos escuros ideoloxemas doutras corporacións municipais. Interesa aquí salientarmos que algúns destes topónimos poden atestarse ocasionalmente en obras da literatura galega contemporánea, como é o caso de Abellas de ouro (1930), de Xosé Lesta Meis, Memoria de ferro (2005), de Antón Patiño Regueira, ou mesmo Os libros arden mal (2006), de Manuel Rivas.

Outro dos pólos que din respecto ao carácter galego da Coruña é a importancia dalgunhas das súas manifestacións de cultura tradicional. Estamos a pensar, por exemplo, na música. As expresións musicais transmitidas de xeración en xeración principian a ser reivindicadas en finais do século XIX e ben se pode afirmar que desenvolveron un papel fundamental na cidade para os escasos momentos de lecer dos nosos devanceiros. Talvez unha das mostras máis representativas en que callou esa herdanza musical sexa a agrupación coral Cántigas da Terra, fundada en 1916, a cal, seguindo o modelo do primeiro coro galego Aires d'a Terra (aparecido en Pontevedra en 1883 grazas ao boticario e ilustre gaiteiro Perfecto Feixoo Poncet), serviu durante moitos anos como máis unha eficaz embaixada da música galega polos lugares en que actuou, a reivindicar a dignidade da música e do canto tradicionais e mantendo importantes vínculos coas Irmandades da Fala; músicos e compositores para gaita desa entidade foron, entre outros, Mauricio Farto, Adolfo Anta Seoane, Manuel Fernández Amor etc., cuxas composicións enforman unha boa parte do repertorio considerado actualmente estándar da música galega.

E falándomos deste ámbito, existe a idea de que na cidade non se produciu unha cultura da gaita equiparábel á que abrochou en diferentes rexións do país. Máis nunha ocasión, non é certo que non houbese unha tradición gaiteiril: nomes hoxe case míticos como o do gaiteiro Farruco de Montrove, Os Tempranos de Eirís (cuarteto fundado aló polo ano 1923), Emilio Corral, Francisco Paradela e Miguel Anxo López Paradela, Xosé Casal, a familia dos Ambite (gaiteiros e tamborileiros) e, xa máis recentemente, Carlos Real, Ricardo Santos, Raúl Galego, Grupo Asubío, Os Gaiteiriños, os irmáns Vaamonde, Brais Maceiras, Mercedes Peón, Agustín Sánchez, Os Fiúzas, Os Fontesuairas etc. corroboran a importancia que a gaita representou na cidade e no seu contorno. Tamén hai constancia, aínda que faltan datos máis precisos, de que no primeiro cuartel do século XX tiña na Rúa do Orzán o seu obradoiro un construtor coñecido como O Tintureiro, o cal moito posibelmente se ocuparía de elaborar cornamusas aos intérpretes dos arredores; décadas despois faría tamén o mesmo o artesán Bao, cuxas gaitas, feitas no bairro de Eirís, ao lado do lugar das Perdiceiras, foron particularmente famosas nas décadas de 70 e 80 do pasado século pola súa particular potencia sonora e polo seu característico timbre brillante.

Por outra parte, algún gaiteiro ilustre xa ten comentado que a hoxe arquicoñecida "Marcha do Antigo Reino da Galiza" era na verdade unha melodía conservada e interpretada inicialmente polos gaiteiros da zona, particularmente polos Tempranos de Eirís, os cales a chamaban "Marcha de procesión"; a tal peza non resultou familiar para outros músicos do país até que foi gravada xa na segunda metade do século XX. Coa necesaria cautela a este respecto, certamente si que houbo un forte desenvolvemento da música de gaita na localidade e na súa área de influencia, o cal favoreceu que repertorio hoxe moito famoso mesmo internacionalmente proveña do legado musical dos gaiteiros coruñeses: é o caso da "Foliada de Elviña" (interpretada entre outros polo magnífico gaiteiro irlandés Liam O'Flynn), a "Muiñeira de Mordomo" (da cal fixo unha versión o grupo Milladoiro), a "Foliada de Cántigas da Terra" (gravada por varias formacións e intérpretes, cal Rodrígo Romaní), a "Xota de Paradela" (composta polo gaiteiro Miguel Anxo López Paradela e recollida en varios discos, como nun traballo do escocés Gordon Duncan) etc.

Nestes medios, e até non hai moito, o xeito de tocar a gaita na Coruña tamén se diferenciaba do do resto do país, sen que por isto obviamente se queira significar mellor. Na actualidade, un forte proceso de homoxeneización atinxiu as técnicas de interpretación da música de gaita, o cal, en certa medida, supón un avanzo no que isto puido ter de unificador e de norma modelar para o aprendizado deste instrumento. Mais hai algúns anos non acontecía o mesmo, de modo que había unha relativa variedade nos recursos interpretativos e nos gostos dos gaiteiros por certas tonalidades ou polo número de elementos sonoros; trazos non completamente exclusivos mais si característicos dos gaiteiros coruñeses eran, por exemplo, o de teren antigamente só un bordón no instrumento, o de preferiren tonalidades redondas (en confronto con tons grileiros de diferentes áreas da nación), o de tocaren normalmente  coa técnica de "ao ar" ou da "man aberta" (en contraposición coa "man fechada" doutras zonas do país, como as serras orientais), o de usaren un sistema de reiteración de notas asentado fundamentalmente no uso de picados no quinto grao da oitava e de batementos, o de empregaren con normalidade o modo menor unha vez que o instrumento foi mellorado na segunda metade do século XX (o que non se daba coas gaitas antigas, que non coñecían as notas alteradas conforme as modernas escalas cromáticas) etc.

Moito relacionado coa música popular están a lírica e o canto tradicionais, dos cales A Coruña volta a pasar con boa nota o exame da galeguidade. Así, desde as compilacións decimonónicas (Casal Lois, Fermín Casares, Pérez Ballesteros, Saco Arce etc.) até ao traballo de Xurxo Souto Contos da Coruña (2001, 1ª ed.; 2007, 3ª ed.), libro en que se inclúen algúns textos de transmisión xeracional, achamos que cando o pobo coruñés tivo de cantar fíxoo maioritariamente no idioma propio, á marxe, como resulta lóxico, da influencia da música culta, normalmente afastada da tradicional, importada desde diferentes partes da Europa. Varias das estrofes colixidas por estes autores aínda se cantan na comarca e dalgunhas mesmo se pode localizar onde foron colixidas no século XIX, como é o caso de Pérez Ballesteros, quen, en nota a rodapé, sinalaba normalmente o lugar de procedencia da cantiga; así as cousas, quer nos propios versos, quer en apuntamentos ao pé da páxina, aparécennos nomes como a propia A Coruña, A Palloza, A Pasaxe, Agrela, Campo da Leña, Elviña, Nostián, Monelos, O Areal, O Xuncal, Palavea, Pastoriza, Pedralonga, Rego de Auga, Río de Quintas, Rúa Real, San Cristovo etc., os cales parecen dar boa conta da relevancia deste tipo de manifestacións artísticas e a intensa relación que a lírica e o canto tradicional tivo coa cidade a teor dos topónimos que se achan.

Imos ficar por aquí. Moito máis se podería sinalar sobre cuestións referidas á galeguidade da cidade que nos ocupa. Rematamos tal e como comezabamos na primeira parte deste artigo, isto é, sobranceando a lóxica e profunda galeguía da Coruña. E dicimos "lóxica" porque non podía ser doutro xeito, xa que, mal que lle pese a alguén, a localidade atlántica foi asentada na Gallaecia (non o fixo nin na Baetica nin na Tarraconensis), desenvolveuse histórica, demográfica e socialmente no marco do reino galego (onde se non?), conservou os sinais identitarios do país (cultura tradicional, lingua, música, toponimia etc.) e aspira, aspiramos, a que todo ese legado galaico consiga saír da doenza que o afecta e que dea sandado definitivamente. En síntese, a cidade de que falamos non é nin máis nin menos galega que outras, embora as políticas levadas a cabo polo españolismo militante nas últimas décadas conseguisen non sen certo suceso apenumbraren a súa galeguidade. Será tarefa futura dos poderes públicos e das persoas comprometidas co país recobraren esa identificación estrutural, non conxuntural, que tan ben caracteriza a capital do Mar Ártabro.