Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.
13-04-2011

Consecuencia da combustión e do quecemento planetario

Ameaza ao ciclo do carbono

ALFREDO LÓPEZ FERNÁNDEZ

Carbono


A incorporación do lume como ferramenta na cultura humana foi un avance decisivo na evolución cultural e na transmisión de coñecemento.

Tendemos a non esquencer unha idea ou un descubrimento que funcionou, así, mediante a acumulación de ideas que funcionan construímos as civilizacións que as comparten.

Funcionamento planetario e ciclos. O funcionamento do planeta Terra confórmase pola combinación de diversos ciclos dos elementos principais, o ciclo do carbono, no que se basea a vida no planeta, o do nitróxeno, o do osíxeno, etc.  

O ciclo do carbono defínese como o sistema de transformacións químicas e intercambios de compostos que conteñen o elemento carbono. É un ciclo bioxeoquímico de grande importancia para a regulación da vida e do clima do planeta.

O carbono é un compoñente esencial para os vexetais e animais. Forma parte fundamental dos seus tecidos e dos procesos biolóxicos, entre eles a respiración. O seu equilibrio é fundamental para permitir a vida sobre o planeta.

A reserva fundamental de carbono, en moléculas de anhídrido carbónico cun átomo de carbono e dous de osixeno (CO2), é a atmosfera e a hidrosfera (todo tipo de auga do planeta).

Unha parte do ciclo do carbono é o ciclo biolóxico, que afecta aos seres vivos interrelacionados pola respiración, como aporte de CO2 ao medio, e a fotosíntese, como fixador de CO2 polo medio. Este gas está na atmosfera nunha concentración de máis do 0,03% e renóvase cada 20 anos.

Outra parte deste ciclo, é o ciclo bioxeolóxico, que afecta a disponibilidade de carbono entre a atmosfera, os océanos e o solo. O CO2 atmosférico disólvese con facilidade na auga, formando acedo carbónico e ións bicarbonato. Estes ións disoltos na auga son asimilados polos animais, que, unha vez mortos, deposítanse nos sedimentos dando lugar ás rochas calcareas ou tamén aos hidrocarburos fósiles. O retorno á atmosfera prodúcese, logo da fusión das rochas, é mediante as erupcións volcánicas, este ciclo é de longa duración, ao verse implicados os mecanismos xeolóxicos. Outro aporte, moito máis rápido é mediante o uso de combustibles fósiles.

A aceleración dos tempos

A intervención humana reduciu os tempos nalgúns procesos naturais. Por exemplo, os cambios no ciclo do carbono aceleráronse polo uso do lume e da combustión, sobre todo dende a revolución industrial, polo que o aporte de CO2 a atmosfera é moi superior ao ritmo natural, o que ocasiona cambios.

Cambio principal e secundario

O cambio principal como consecuencia do exceso de aportación do CO2 á atmosfera é o efecto invernadoiro que ocasiona o quecemento da atmosfera e provoca o cambio climático. A súa vez provoca outros secundarios, como cambios en cadea nos seus ciclos, entre eles o ciclo do carbono.

Atenuantes

O exceso de CO2 na atmosfera ocasiona maior incorporación de CO2 no océano, que actúa como atenuante, é dicir, como regulador do exceso do gas na atmosfera, mais esta incorporación tan rápida non é facilmente asumida polos seres vivos mariños o que a súa vez pode provocar a acidificación paulatina dos océanos e o bloqueo dos procesos de fixación do carbono. Esta situación non é nova nos procesos xeolóxicos, foi xa identificada hai 55 millóns de anos, mais posiblemente nunca foi tan rápida.

Os primeiros indicios

A destrución dos bancos coralinos, pequenos invertebrados que se fixan ao substrato mediante a construción dun esqueleto cálcico, son os primeiros indicios dos cambios oceánicos, mais este fenómeno pode afectar a todos os seres vivos que incorporen carbono, dende o plancto ata os grandes vertebrados, polo que veremos consecuencias en cadea dun proceso que aínda que con solucións no laboratorio, será imposible de frear na súa magnitude planetaria.

A idea xa non funciona, só hai unha solución: mudar a idea da combustión como proceso básico na cultura humana eliminando así o aporte de gas carbónico á atmosfera. Moi doado, mais é posible?.