Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.
03-04-2011

É indispensábel que berremos a nosa indignación contra a pobreza crecente e a xustiza minguante

Indignádevos

MARICA CAMPO


Stéphane Hessel, o derradeiro autor vivo da Declaración Universal dos Dereitos Humanos, acaba de presentar en Madrid Indignaos, unha obra de sesenta páxinas na que convida á xuventude a se rebelar pacificamente contra o poder económico e financeiro. (Hai versión galega en Faktoría K con limiar de Manuel Rivas). Di o escritor nado en Alemaña que a forza destes poderes  impide que os gobernos poidan loitar contra lacras coma o paro, e pide  un maior compromiso dos cidadáns e que  se mobilicen "para que os seus dirixentes mostren maior coraxe". José Luis Sampredo, prologuista do libro, sumouse ao seu pedimento e, a poñer o dedo na chaga, falou de cómo o deus desta civilización son os cartos e de que os culpábeis da crise saen  inmunes dela,  mesmo máis enriquecidos.

Son cousas que xa sabiamos. A novidade é a chamada á rebelión. Non deixa de ser paradoxal que teñan que ser dous homes case centenarios (Stéphane Hessel ten 93 anos,  José Luis Sampedro, 94) quen alcen a  voz no intento de derrubar a indiferenza da xente nova, a peor das actitudes segundo o autor do libro.

Tamén Esteban González Pons convidaba interesadamente hai pouco á xuventude española a se manifestar, a semellanza dos países africanos que están a derrubar réximes totalitarios, para botar a Zapatero do goberno. "Quítate de aí para que nos poñamos nós", que sabemos moito mellor como se defende o capital. Como se o presidente do goberno non estivese a xogar, convenientemente guiado pola titora Angela Merkel, coas mesmas cartas con que xogarían eles.

Mais, claro que nos temos que manifestar. É indispensábel que berremos a nosa indignación contra a pobreza crecente e a xustiza minguante. Petar, non tanto nos ouvidos dos políticos dos dous partidos maioritarios, canto nos dun pobo disposto a lle dar a maioría a un partido inzado de corruptos. (E non porque a venalidade xurda exclusivamente entre eles, senón porque a toleran e a encobren). Clamar por ese outro mundo posíbel en que o ser humano e as súas necesidades básicas sexan o centro da acción política.

O nacionalismo galego historicamente, e diso nos deberiamos orgullar, indignouse e así o demostrou. Tanto nos refregaron na cara que eramos os do non, que debiamos moderar o noso discurso, que nos tiñamos que "homologar", que nalgún momento esquecemos que era o vento da liberdade o que movía o noso barco. Pensamos que para chegar antes ao caladoiro dos votos era preciso poñerlle un motor de importación e tirar lastre. Ser boíños, vaia. E así nos foi.

Agora, mentres outros calan coma cucos, o BNG di non. Non a todas as guerras. Non á perda dunha Caixa de Aforros galega. Non ao desmantelamento dos sectores agrario e pesqueiro. Non ao calote das eólicas impulsado polo partido no goberno da Xunta. Non ao retroceso programado da lingua galega. Non á emigración  forzosa da nosa mocidade. Non...

Sigamos a ser os do non,  porque este non é o mundo que queremos. O si reservámolo para todo o que nos faga máis nós e, por máis humanos, máis solidarios.