Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.
07-03-2010

O control caciquil de Caixanova e Caixa Galicia posto ao descuberto por Carlos Príncipe

As caixas en coiros

XOSÉ RAMÓN ERMIDA MEILÁN

Gaioso e Méndez


Os silencios, as frases entrecortadas, ou a risa nerviosa dos seus contertulios, son todo un reflexo do control dos medios de comunicación pero tamén amosan a liña vermella do que é posíbel discutir abertamente na sociedade galega e do que é territorio non transitábel. A ausencia de ningún tipo de referencia nos grandes medios de comunicación de ámbito galego aos temas suscitados no debate, con acusacións grosas, non só é clarificador de que este segue a ser un tema tabú, senón que pon de manifesto que a liberdade de prensa é unha falacia que remata onde comeza a dependencia económica.

As palabras do ex rexedor vigués non fan máis que sacar á luz pública, o que era un segredo a voces sobre o control caciquil das nosas entidades de crédito polas equipas directivas, ou a utilización das caixas por parte dos seus dirixentes para os seus negocios particulares, ou o nepotismo que as rodea, concretado na presenza nas súas cúpulas ou nas sociedades participadas de apelidos que se repiten. Non se trata dun tema novo, posto que foi obxecto de denuncia desde fai máis dun ano desde o campo do nacionalismo e tamén desde certos sectores académicos. Neste sentido o noso amigo, o Profesor Antonio Grandío Dopico, no seu exhaustivo informe sobre a situación das caixas galegas, repasaba algunha destas situacións e fornecía  información de moito interese sobre as vinculacións empresariais dos membros do Consello de Caixanova e Caixa Galiza coas mesmas.

A sociedade galega ten dereito a unha explicación por parte das equipas directivas das caixas galegas. Explicación que debe aclarar a situación de insolvencia das nosas caixas, explicación que debe aclarar os manexos que garanten as eleccións de impositores, explicación que debe aclarar dúbidas sobre a xestión das nosas entidades de crédito, explicacións que debe aclarar os criterios da política de créditos e riscos, explicacións tamén que debe aclarar os supostos tratos de favor entre as entidades e os membros dos consellos directivos e de administración. Explicacións dunhas equipas directivas, que non están nin para quedar e moito menos para decidir, e que deben asumir as súas responsabilidades dimitindo.

A Xunta e o Parlamento de Galiza teñen tamén a súa parte de responsabilidade na situación na que se atopan as caixas galegas, por ter renunciado ao papel de fiscalización que lle recoñecía o actual marco estatutario e por non dar os pasos en reforzar a tutela publica. Nun e noutro caso foi determinante o papel de centralidade que as entidades de crédito xogaban/xogan na estrutura de poder de Galiza, a convivencia entre o poder económico e as forzas do sistema e unha correlación de forzas desfavorábel no político e no ideolóxico. Asumamos logo a nosa responsabilidade en reverter esta situación, defendendo, fronte as rebaixas, a Lei de Caixas aprobada no Parlamento, na medida que garante entidades de orientación pública, suxeitas ao control dos galegos e galegas, comprometidas co desenvolvemento do País e que nos sitúa en mellor posición para evitar a absorción definitiva do noso sistema financeiro. Sigamos publicitando o debate, que a nos non nos importa que haxa roupa tendida.