Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.
07-03-2010

Mulleres e homes temos que ser e exercer de feministas, porque segue a ser necesario, e porque é unha loita común na que as dúas partes son necesarias para transformar esta sociedade

Eu tamén son feminista

LUÍSA GONZÁLEZ RODRÍGUEZ


Temos e debemos seguir reafirmándonos e reivindicando o exercicio dos  nosos dereitos e sermos quen de utilizar esta data para facermos memoria histórica de todo o que temos avanzado, mais tamén do que nos queda por avanzar, que sexa un día de celebración  mais tamén de denuncia. As datas teñen que ser útiles e non caer no simbolismo e mera celebración baleira de contido.  

A revolución das mulleres, non só está en marcha, senón que é unha das grandes propostas revolucionarias do séc. XIX  que triunfou e que foi quen de deixar constancia explícita da falta de equidade das normas, de cuestionalas  e de evidenciar a inxustiza que implicaban. Neste  novo século de escaso percorrido, enfrontámonos a novas loitas, pasarmos do recoñecemento formal ou normativo da igualdade ao recoñecemento fáctico, á asunción e cambio das mentalidades, proceso de maior complexidade.  

Cómpre concienciármonos da necesidade de expandir o ideario feminista como movemento de transformación social para acadarmos esa sociedade igualitaria, e libre de ataduras e sometementos para as mulleres. Que é ser feminista hoxe na Galiza?  

Sermos feministas hoxe en día pode ser, a xuízo dunha parte da sociedade, unha idea desfasada en canto que a igualdade xa existe, tanto polo seu recoñecemento explícito no Dereito positivo como pola súa suposta asunción na sociedade, agás casos illados de discriminación.  

A sociedade galega cambiou e o traballo feito polas institucións fíxonos crer  e sentir que vivimos en igualdade, que a nosa sociedade é igualitaria. Mais desde a nosa análise somos conscientes de que o sistema patriarcal é unha realidade e que esa suposta igualdade é unha forma que tivo o sistema para asimilar o feminismo e o movemento feminista.  

Logo, hai que facer mención a aqueles/as que fervorosamente sen sutilezas manifestan a súa oposición con lindezas como estas “a ideoloxía de xénero substituíu ao marxismo na esquerda. Esta ideoloxía trata de introducirse de forma «sixilosa e subrepticia» en todos os ámbitos. Así ocorreu no maior disparate xurídico que viviu España, que é a sentenza 58/2008 do Constitucional na que se define a parella humana como un ámbito de poder no que a muller está en desvantaxe.” Chegan a facer comparanzas entre esta ideoloxía e outras como o nazismo. Falan de feminismo radical, e animan as mulleres a recuperaren o orgullo de ser muller e ser nai”. Un dos precursores e defensores destas teses, Jesús Trillo-Figueiroa acaba de publicar un libro, presentado en compaña de Esperanza Aguirre. 


Cabe mencionar a un terceiro grupo, formado por persoas progresistas e que teñen  entre as súas prioridades acadaren unha sociedade con equidade de xénero, definíndose como feministas. Mais non deixa de ser unha postura que resposta ao que é o politicamente correcto mais que a unha convicción ou crenza real. Un exemplo clarificador e controvertido polos debates que suscita é o da paridade. Se ben isto, agrávase no caso das forzas conservadoras (e así se manifestou co incumprimento por parte de Feijóo na designación do goberno galego) non deixa de afectar ás progresistas.  

A problemática ponse en evidencia cando chega o momento de confeccionar as listas electorais, suor e profanacións contra as feministas por meteren ás formacións políticas nesa encrucillada de difícil saída. As contas non dan. E por outra parte, as mulleres, novamente son humilladas e golpeadas e infravaloradas na súa dignidade. Cando se vai  falar con elas para formar parte desa lista, o primeiro que se lle deixa claro, é que a súa presenza é necesaria para cumprir os criterios de xénero. A súa valía, a súa contribución como parte da metade desa humanidade non importa, hai unha parte que historicamente leva facendo e desfacendo todo á súa medida. Coido que deberamos preguntarnos por que as mulleres non participan máis e actuar dunha forma responsábel.  

De igual xeito, que afirmamos ser nacionalistas e que ese concepto leva aparellado unha forma de pensamento e de actuación,  e na que é indispensábel a fala do idioma de Galiza, tamén ser feminista  implica  unha actitude práctica ante a vida, unha forma de actuar, e non só é un nome.   Somos feministas para movermos ideas e pormos a circular conceptos, para deconstruír vellos discursos e narrativas, para desmontarmos os mitos e estereotipos, derrubarmos os roles prescritos e imaxinarios emprestados...   Todos os días do ano, nós, mulleres e homes temos que ser e exercer de feministas, porque segue a ser necesario, e porque é unha loita común na que as dúas partes son necesarias para transformarmos esta sociedade.  

E a nosa loita individual, non deixa de ser insuficiente, polo que semellan recomendábeis iniciativas como o Observatorio da Mariña pola Igualdade que nos seus dous anos de traballo conseguiu aglutinar un centenar de persoas activas ao seu redor, achegando a persoas do sexo masculino, e facéndose un espazo na comarca da Mariña.   Na recente asemblea xeral, exprésanse neste termos “Agárdanos un longo camiño e obstáculos difíciles de superar, pero desde a nosa xuventude organizativa seguiremos a loitar para crear a Mariña, a Galiza, a sociedade  que soñamos. A loita feminista hoxe en día é necesaria e nós como feministas galegas sabemos que ese é o camiño.”  

Como diría a feminista italiana Alesandra Boticelli: "Porque ser muller hoxe é rachar cos vellos modelos esperados para nosoutras, é non recoñecerse no xa pensado para nós, extraviarse...”. Non declaramos a guerra a ninguén, queremos mudar as nosas vidas, e por iso eu tamén son feminista.