Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.
06-02-2011

Todos son iguais; se non se pode confiar en ninguén, que ninguén tampouco me represente

Quen vai ao muíño volta enfariñado

XON COLAZO PAZ

Blas Lourés (sestiña-1979)


Todos son iguais; se non se pode confiar en ninguén, que ninguén tampouco me represente.

Postas a circular na sociedade determinadas máximas sinxelas, renden unha grande utilidade de desmobilización e desestruturación que serve para evitar contestación social ao poder. Os diferentes altofalantes levan décadas espallando aquilo que un poeta vangardista sintetizou en "o descoñecido é unha excepción, o coñecido unha decepción". Quérese sementar a idea de que isto é o que hai, que é inútil a procura de alternativas, e que debemos resignarnos a un individualismo paralizante. Venden frustración, para que todo siga igual.

A frase do encabezamento foi proferida por unha persoa no contexto do proceso de corrupción que se vive no concello de Gondomar. Como defensora dos postulados da dereita, collida na difícil posición de enfrontar as probas irrefutábeis de lixo que salpicaban aos seus concelleiros, o que pretendía era xustificar os delitos demostrados dicindo que todos son iguais. Triste, pero efectivo para desviar a atención, e con predicamento por desgraza en moitos sectores da sociedade.

Estes días, por mor dos novos casos en concellos da Costa da Morte vólvese coa mesma cantilena. É certo que o PSOE ten contribuído moito en desenvolver un labor político que forzaba a legalidade en moitas ocasións, con casos de corrupción pouco diferenciábeis dos do PP. E, sobre todo, as políticas desenvolvidas polo PSOE teñen derivado tanto á dereita que nese sentido debéramos darlle a razón a quen di que eses partidos son iguais e intercambiábeis.

De porparte, con motivo da última reforma das pensións e da idade de xubilación, os sindicatos maioritarios no estado confluíron coa dereita política e económica, dando unha vez máis pé a que se tente seguir espallando o lema de "todos iguais, non hai nada que facer".

Pois, si, se o mundo comezar e rematar en Madrid, si, o panorama é ben triste. Un bipartidismo político, sindical, mediático que serve en definitiva as ordes dun só amo. Pero en Galiza, por sermos nación diferente, temos estruturas de defensa modestas pero actuantes. A nosa realidade política e sindical é máis rica e por iso fomos quen de abandeirar a confrontación ás decisións antisociais que se está a impoñer. A repercusión da folga convocada en solitario polo nacionalismo, con todos os condicionantes contrarios, dá conta dunha clase traballadora galega que non comunga cunhas medidas totalmente atentatorias cos seus dereitos nin con máximas reaccionarias. Non todos somos iguais, hai outras vías e xeitos de facer as cousas. Non cabe resignación senón loitar polo que nos corresponde.

A desideoloxización, o individualismo, a mentira sistemática son precisos para manter a xente a raia. Quizais isto explique a falla de contestación das maiorías sociais prexudicadas a unhas reformas que significan, necesariamente, empobrecemento e maiores desigualdades. Tamén pode ser que haxa capas sociais que ante a crise estean dispostas a renunciar a unha parte dos dereitos conqueridos durante décadas para tentar manter un estatus e nivel de vida que pode que estivese por riba das súas posibilidades reais. En calquera caso é preciso que co paso do tempo se poidan fornecer novas claves para entender cal é a situación, cales as causas de termos chegado até aquí, e cales as posibilidades de futuro. O nacionalismo político e sindical debe amosarse como alternativa diferente, combativa, resolta a enfrontar os problemas e a crise doutro xeito por completo diferente á resignación e á perda de expectativas. En Galiza existe un espazo no que conflúen a loita polos dereitos nacionais e sociais, e só o nacionalismo é quen de dar satisfacción ás súas demandas.

Desideoloxización, individualismo, mentira sistemática son ingredientes tamén que conducen ao totalitarismo. Até o de agora ao sistema lle está a resultar doado dar volta tras volta de parafuso, con pouca contestación social e mantendo un formalismo democrático máis descarnado e cínico, pero instalado na rotina da xente. Enfronte só teñen a un nacionalismo que, no noso contexto estatal e europeo, é minoritario. De momento, esta democracia diminuída na que vivimos válelle ao poder. Cando non lle sexa útil e vexan os seus privilexios perigar botarán man do feixismo, sen dúbida. Daquela, o "todos iguais" revoltos no caldo que se cociña nos muíños enfariñados será entón o que nos fagan tragar en sete cuncas.