Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.
20-12-2010

A sobrevivencia do idioma pasa en boa medida por ese emprego consciente, digno, harmónico, capaz de se adaptar a múltiplos rexistros e contextos

Un modelo de lingua digno

XOSÉ MANUEL SÁNCHEZ REI


Non é a primeira vez que nesta publicación dixital se trata un tema que desenvolve algún aspecto relacionado coa lingua. Varias levan sido as colaboracións que, desde prismas diferentes e con obxectivos igualmente distintos, centraron a súa atención nas problemáticas que sacoden o idioma. É, en parte, normal (e louvábel) que así sexa, pois vivimos nun contexto sociopolítico certamente difícil para os sinais identitarios do pobo galego e nun ambiente ideolóxico virado cara aos máis escuros ideoloxemas do lobo neoliberal disfarzado de inocente año democrático. Nesa mesma liña de atención á lingua, queremos desde aquí contribuírmos para os asuntos de temática lingüística co noso particular gran de area, neste caso facendo fincapé na necesidade de utilizarmos un galego de calidade, libre de interferencias foráneas e identificado coa súa tradición histórica. A sobrevivencia do idioma pasa en boa medida por ese emprego consciente, digno, harmónico, capaz de se adaptar a múltiplos rexistros e contextos (coloquiais ou cultivados, especializados ou divulgativos, populares ou elevados etc.). E o tal uso, na nosa opinión, debe levarse á práctica destonado da españolización que padece e que, infelizmente, se proxecta con poderosa megafonía desde medios públicos de comunicación do país, os cales, nas súas finalidades, recollen estatutariamente o compromiso coa normalización do galego.

Os perigos que abreteman a vida da lingua son diversos e, entre eles, hai dúas ameazas que poñen seriamente en risco a súa existencia. En primeiro lugar, debemos referirnos aos procesos que aportan no peirao da substitución, isto é, no uso do español en vez do galego, con múltiplos campos de actuación: presentemente, fálase da perda na transmisión xeracional como unha das máis evidentes, ou sexa, nais e pais que falan ás crianzas en español, aínda que non o empreguen normalmente; tamén se costuma sinalar o marco das relacións laborais, en que os traballadores e as traballadoras que familiarmente se expresan na nosa lingua acoden, no entanto, ao español no desenvolvemento das súas responsabilidades como persoas asalariadas, en non poucos caos por presións dos órganos directivos da empresa ou institución; igualmente, o ámbito das relacións afectivas é outra esfera en que se verifica como individuos desenvolven vínculos amicais ou de parella no idioma foráneo, a pesar de que na familia ou con outras amizades continúen a utilizar o galego; etc. Todo isto é adubiado co prebe estrutural e preconceptual da diglosia, que se ocupa de lexitimar eses comportamentos, mesmo desde instancias oficiais, con nomenclaturas acientíficas e carentes de rigor xurídico do tipo "bilingüismo harmónico", "bilingüismo cordial", "liberdade de elección de idioma" ou "liberdade de escolla lingüística": é cordial, harmónica ou proxecta liberdade individual de escolla esa coñecida "recomendación" da xefa de produción, do encarregado do armacén ou dos membros do consello directivo segundo a cal é preferíbel a utilización do español? Parafraseando a poliédrica pluma de Otero Pedrayo, ben diriamos que son bocas gandideiras...

E en segundo lugar, a outra grave ameaza para a sobrevivencia do galego é a constituída polos diferentes procesos de hibridación, ou sexa, pola mestura entre as dúas linguas empregadas na Galiza. A este propósito, non partillamos a inocente idea de que os dous idiomas resultaron mutuamente influenciados como produto natural da historia, por que xa non é natural nin democrático que unha sociedade se desenvolva no pétreo corsé da colonización. Tamén non secundamos a hipótese de que as influencias do español no galego non son tan importantes, pois a nosa experiencia como docente pondera máis ben que afectan todas as compoñentes da descrición gramatical: a fonética e fonolóxica, a morfolóxica, a sintáctica, a semántica, a lexical ou mesmo a pragmático-textual. É certo que ao compararmos cada unha destas esferas non se presentan os mesmos niveis de hibridación ou de españolización, e vira tamén verdade que en moitos casos o que determina esas maiores cotas de mesturaxe asenta, no que se coñece nos estudos de variación lingüística, como o factor idade: a mocidade, por exemplo, é capaz de se expresar en galego cun léxico menos beliscado de españolismos, mais do punto de vista prosódico, sintáctico ou fraseolóxico, o influxo do castelán tórnase máis evidente; contrastivamente, a xente idosa pode utilizar léxico de orixe española en maiores proporcións que case se non detecta nas faixas etáreas máis novas, mais as súas características entonativas, fraseolóxicas e sintácticas recoñécense máis xenuínas.

Así pois, cómprenos non unicamente como galegas e como galegos, mais como simples utentes dunha lingua, que neste caso é a nosa, usármola con dignidade e, na medida das nosas posibilidades, utilizármola libre de hibridacións. Ao se empregar un outro idioma (como o francés, o inglés, o gaélico etc.), seriamos capaces de vermos con normalidade que se introducesen palabras, xiros e expresións procedentes do chinés, do árabe, do ruso ou do sardo, poñamos por caso? Alguén é quen de imaxinar un deputado do parlamento, unha ministra, unha portavoz política, un xornalista ou unha directora de informativos expresándose en italiano perante as cámaras de televisión da RAI e facéndoo con abundante léxico do armenio, do portugués ou do neerlandés? Por que, daquela, percibimos con normalidade que correspondentes personaxes públicas galegas falen galego con abundante léxico e xiros sintácticos procedentes do español ou influídos por esta lingua? Ten de ser o galego unha lingua-esponxa capaz de absorber todos os líquidos lingüísticos procedentes do castelán? Ou, dito con outras palabras, debemos ter unha lingua-maseira a que teñen de ir converxer inexorabelmente todos os restos culinarios para así saciarmos unha ben precaria fame de galeguidade? As respostas a tales cuestións son obvias e só é necesario que, desde a reflexión, se apliquen consciente e consecuentemente na praxe diaria comportamentos destinados a eliminaren ese tipo de fenomenoloxía lingüística.

Na verdade, este é un debate que abrocha con relativa facilidade, tanto en conversas coas amizades canto con especialistas na materia: prodúcese nos cafés, na saída dos teatros, dándomos un paseo ou nas salas do ensino. Mesmo tamén orienta eventos universitarios norteados non cunha desexábel estrutura dialóxica, mais organizados á volta dun modelo monolóxico, sen capacidade de réplica pública. E, como é de esperar, nunhas e noutras situacións, a actitude con que se desenvolven tales asuntos non é coincidente. Recentemente, nos libros Lingua de calidade, de X. R. Freixeiro Mato (Xerais, 2010), e Nos camiños do entusiasmo. Calidade da lingua e planificación, de G. Sanmartín Rei (Xerais, 2009), abórdanse, co brillantismo estilístico e co rigor a que nos teñen costumados ambos os autores, temas como este e aínda outros que inciden na calidade no uso da lingua, razón pola cal non imos reiterar aquí todos os preconceptos que se combaten nesas obras e os contraargumentos con que se desmontan doadamente eses xuízos de valor. Porén, non queremos deixar de sinalar aquí varias das opinións que se ouven na rúa coas cales se trata de xustificar ou explicar ese desleixo na utilización do idioma.

Así as cousas, do mesmo xeito que hai persoas que din que cando se recolle canto tradicional galego en español é porque sempre se cantou desa forma, conforme tratamos no noso anterior contributo, neste caso existe xente que sostén que os galegos e as galegas sempre se expresaron así e que non se debe mudar o modo de falar por outro estraño, aprendido ou adquirido. Nótese, no entanto, que o feito de que hoxe se utilicen habitualmente españolismos no galego ou mormente estruturas sintácticas coincidentes case en exclusiva coa lingua da meseta non é sinónimo de que sempre se empregasen con normalidade. Usándomos unha lingua dignificada, cunha consciente recuperación de léxico e de construcións sintácticas, non resulta raro ouvirmos a algunha avoa ou a algún avó afirmacións do tipo Ai, así é como falabamos antes ou Esa palabra é moi vella, xa a dicía a mamá ou Antes esa frase usábase moito. Trátase, por tanto, dunha situación digna de nota: a praxe lingüística doutras xeracións, en moitos casos menos contaminada polo español do punto de vista semántico-lexical, fraseolóxico e sintáctico, adoita coincidir coa práctica propositada dunha lingua de calidade. Non é certo, pois, que sempre se falase así, con españolismos, xa que con notábel frecuencia abonda un rastrexamento de unha ou de dúas xeracións para verificarmos outro tipo de situacións e de atestacións lingüísticas.

Outro argumento que se esgrime quizais con cándida inocencia é que o que retrotrae os trazos lingüísticos ás ligazóns afectivo-xeográficas de variedades locais: Así se dixo sempre na miña aldea, poñamos por caso, é unha sentenza especialmente recorrente para lexitimar certa caste de hábitos idiolectais. Varias consideracións merece tal argumento: a primeira parte da base de que un modelo lingüístico estritamente local, como acontece en todos os idiomas do mundo, non pode servir como xustificación individual para (a) negarse a acrecentar ou a ampliar a praxe lingüística con variedades modelares diferentes e (b) superar o localismo e confluír nun modelo de lingua común, sen que por isto se renuncie aos trazos propios da rexión ou zona para determinados rexistros ou localizacións contextuais; en ningunha lingua se promociona unha fala minoritaria para tratar de xustificar que non se queira empregar ou que non se saiba unha variedade supralocal. A segunda das consideracións asenta no feito probado de que non se fala igual en todas as "miñas aldeas", de tal forma que unha estrutura morfosintáctica ou diversas palabras provenientes do español utilizadas de modo cotián nun sitio poden non ser detectadas noutro lugar; neste sentido, xa Marcial Valladares dicía en finais do século XIX que na zona da Ulla non se escoitaban certas unidades léxicais, das cales, porén, había (e hai) constancia do seu emprego noutras rexións da Galiza, como na comarca coruñesa das Mariñas, onde moitos cantares tradicionais compilados e publicados por Pérez Ballesteros entre os anos 1885-1886 no seu cancioneiro atestaban o tal uso: así, Marcial Valladares sostiña que vocábulos como cabaleiro, doce, fogo, froita ou igrexa non se achaban no galego da Ulla, e, polo contrario, nas estrofes coleccionadas polo folclorista compostelán si que se detectan. E a terceira das consideracións estea na necesarísima vontade de "rexeneración" do país, como diría Lamas Carvajal, mais neste caso aplicada á lingua; ao se ter un organismo infeccioso que pode provocar máis complicacións ou mesmo acabar xerando algunha patoloxía, o lóxico é que unha persoa especialista da medicina se ocupe del e trate de solucionar ese problema, e o que non é lóxico é caermos no abandono e permitir que ese tal organismo continúe a medrar. Pois ben, do punto de vista lingüístico, debemos levar á práctica todos os esforzos que puidermos para extirparmos esas marcas de españolización, tanto as que levan algún tempo no organismo do galego (abandeiradas por predicacións do tipo Sempre se falou así na miña aldea), como aqueloutras máis recentes e de máis doada eliminación (á sombra do estandarte Así falabamos antes): por que nun caso, no clínico, se ve con total normalidade esa actuación de acudir a unha persoa especialista e no noutro caso, no lingüístico, se permite ao ciste a capacidade de tumorización?

Por outra parte, algunhas persoas exprésanse en galego constante e conscientemente e afirman que o máis importante é faláreno, aínda que sexa mal, secundarizando así a necesidade de continua mellora común a todos os membros dunha comunidade lingüística. Parece que todas as linguas, excepto o galego, deben aspirar a seren empregadas dun xeito que as gramáticas tradicionais identificarían como correcto ou modelar, ao paso que a nosa, en confronto, ten de pagar unha alcabala extraordinaria na alfándega da autenticidade idiomática. Todos os idiomas son empregados dun modo considerado pouco ortodoxo nos momentos iniciais en que comezan a se usar e todos eles, para seren falados con propiedade, teñen primeiro de ser utilizados con dubidosa validade; pensemos na fala das crianzas (facín por fixen, sabín por sei etc.), na aprendizaxe de segundas linguas, na mellora e ampliación vocabular por medio da poderosa ferramenta que é a literatura etc. Mais condenarmos o galego a ese constante estado embrionario canto á calidade non parece adecuado, sobre todo para a restauración do uso e para a restauración do status: é certo que unha persoa neofalante vai empregalo dunha maneira hesitante e en ocasións mesmo impropiamente, mais esas vacilacións enforman procesos equivalentes en todos os idiomas e tales procesos non poden ficar aquí, mais teñen de ir mudando para esa persoa neofalante perfeccionar a súa praxe lingüística. Outra vez parece vir a comparación da maseira: vale todo? Non se pode aspirar a que o galego sexa empregado, dun xeito progresivo, cada vez máis e mellor? Obviamente, o primeiro chanzo ten de ser o uso, mais o segundo degrao debe ser a mellora constante que todos os utentes da lingua debemos interiorizar.

Por isto tampouco serve como argumento estoutra sentenza de auto(des)afirmación: Eu sempre falei así. En primeiro lugar, estudos especializados na adquisición da lingua por parte da crianza teñen demostrado que a interiorización do idioma comeza coa aprendizaxe da gramática básica (0-4 anos), continúa a través da interacción con outras crianzas (5-12 anos) e chega aos primeiros tempos da adolescencia (14-15 anos) coa sensibilización cara á significación social da lingua: Eu sempre falei así, pois, só ten un valor momentáneo, deíctico, particularmente anafórico, que secundariza todo ese proceso que vai desde os primeiros anos até ao principio da adolescencia e que se proxecta na vida como persoas adultas e logo na vellice. Por iso unha outra perspectiva, a da dialectoloxía de corte máis ou menos tradicional, ocúpase de examinar as marcas lingüísticas interxeracionais para proporcionar información sobre a evolución da mudanza ao longo do percurso vital do individuo. E en segundo lugar, unha posibilidade diferente é a desenvolvida por psicolingüistas, que orientan as súas pesquisas cara aos estereótipos asociados á idade e cara á comprobación de se as alteracións na linguaxe, conforme avanzar o tempo, son capaces de seren estudadas en termos de redución de competencias (na liña dos procesos de gradual deteriorización física e neurolóxica das persoas) ou de se, polo contrario, non se poden percibir desde este punto de vista; e, ás veces, acontece que diversos recursos e trazos lingüísticos adquiridos durante a infancia reaparecen nos anos finais da vida, como se o cérebro, que lembra con maior nitideza situacións e vivencias de hai moito tempo mais que ten problemas para traer á memoria o máis recente, protagonizase unha viaxe cara a ese mundo inicial de referencias vitais do ser humano. En definitivo, Eu sempre falei así non parece afirmar a vontade lingüística do indiviudo, mais, antes ben ao contrario, semella infirmar as continuas aprendizaxe e variación a que está permanentemente suxeita a lingua.

Finalmente, quereriamos facer un último comentario ao tan complexo concepto de lingua popular. En ocasións, escóitase dicir que o galego popular é o máis xenuíno e que esas variedades agrupadas á sombra do adxectivo popular, nun sentido digno do nome adxectivo, coñece unha recepción de españolismos máis xenerosa que outras variedades, de forma que, como se trata dunha variedade coloquial ou popular, non ten demasiada transcendencia esa caudalosa chegada de mesetarismos. Máis unha vez, a carga preconceptuosa vai proxectarse contra a dignidade da lingua. En todas as linguas existen diferentes rexistros dependentes da localización contextual, mais unha cousa é esa natural diversidade e unha outra ben distinta é lexitimar a presenza de barbarismos nos modelos de lingua populares. Repárese, a este respecto, nos seguintes dous exemplos: (a) O Gorecho 'táchevos estumballadiño no sofá despois de lle mangar tódolos filetes e d'acabar co bandullo ben cheo; (b) O Sr. Gregorio Andrade áchase a repousar no sofá despois de saborear uns filetes e após acabar satisfeito co xantar. Os dous son galegos, mais o primeiro non precisa de marcas de españolización para denotar ese sabor popular ou coloquial. Ambos son lexítimos e poden ser proferidos por calquera falante. Mais non son intercambiábeis en todos os contextos: o primeiro pertence a un rexistro coloquial e popular, o segundo a un estilo algo máis cultivado, e en ningún deles vira necesario acudirmos ao español para aprofundarmos nunha variedade de linguaxe popular. Que non se faga como un home público da TVG (que cobra dos nosos impostos por falar (ben?) nese medio de comunicación), o cal, hai uns meses, logo de declarar que tivera un fillo, respondeu hominidamente, á pregunta doutro coñecido presentador, que el nunca cambiara ningún cueiro, mais que pañales si que levaba mudado uns cantos...

Non sirvamos de axuda, por tanto, ás persoas que planexan desde a Xunta o linguicidio do galego. Practiquemos, cada cal desde as súas posibilidades, a continua mellora no uso do idioma, tanto nos rexistros orais canto nos escritos. Que gaña o galego con isto? Primeiramente, gaña lexitimación e dignificación e, por extensión, tamén os seus falantes resultan atinxidos. En segundo lugar, contribúe para marcar diferenzas co español, que é, como se viu, a principal ameaza, tanto pola substitución como pola hibridación. E en terceiro lugar, achéganos á nosa evolución máis coñecida internacionalmente, que é o portugués, pois unha priorización de trazos lingüísticos hoxe en día identitarios do galego mais escasamente atestábeis pola presión do español (uso do infinitivo flexionado, utilización do futuro do subxuntivo, preferencia por determinadas estruturas sintácticas, léxico sen interferencias etc.), implica unha necesaria aproximación e reencontro con esa variedade máis espallada do galego e cos 200 millóns de persoas que a utilizan universalmente polos cinco continentes.