Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.
03-03-2010

Políticos e medios españois cébanse nos ataques contra o actor

Arredor das palabras de Willy Toledo

XAVIER CAMPOS LÓPEZ

Evo Morales en Pontevedra na XXI Semana Galega de Filosofía


Alén do agardábel boureo insultante da caverna mediática, é merecente de comentario a especial saña con que o actor foi despachado polos medios do Grupo Prisa, e moi nomeadamente polo xornal El País. É merecente de atención, dicimos, mais non resulta sorprendente nesta altura: a súa liña editorial zoupa novamente nun dos seus demos particulares, a esquerda popular latinoamericana. A perspectiva neocolonial que adopta Prisa na zona, alicerzada nas súas importantes alianzas e intereses económicos,  ficara xa con anterioridade en evidencia  (tentativa de golpe de Estado contra Chávez no 2002, golpe en Honduras de 2009). Chega con comparar a mornura do ton e o gosto polo matiz xustificativo que as páxinas de El País e as ondas da cadena SER agasallaron aos violadores das democracias venezolana e hondureña, no seu día, coa agresiva contundencia do martelo pilón na que mudan as novas cando referidas aos presidentes Chávez, Morales, Correa ou Castro. A esixencia democrática, a lupa examinadora, o frenesí libertador que lle entra no corpo até posuíla á progresía mediática española non funciona, no entanto, nin cos mesmos efectos nin coa mesma intensidade nos casos do sionismo contra Palestina, da acción paramilitar en Colombia, da actuación internacional dos Estados Unidos e a Unión Europea en guerras e conflitos por toda a parte (lembramos Iraque, Afganistán, Ruanda?). 

A nós todo isto tócanos de perto. A tradición democrática e solidaria do nacionalismo galego aséntase na formulación, clara e contundente, do seu anti-imperialismo. O anti-eurocentrismo, a crítica ao capitalismo -sen chegar a ser marxista en Vilar Ponte ou Castelao, mais tampouco anti- e a preocupación práctica por dotar de base material ao nacionalismo foron características centrais do pensamento patriótico galego, elementos medulares da súa análise e práctica política. Non resulta difícil velos hoxe espellados, coas faces propias de cada territorio, na esquerda popular latinoamericana, que le a Marx desde Sandino, Bolívar ou Martí, tal e como na Galiza o lemos desde Castelao -e sempre, aquí e aló, coa incomprensión e o combate dos PC´s da órbita soviética, que nunca entenderon a condición nacional-. A esquerda latinoamericana é patriótica, defínese a si mesma deste xeito en oposición ao Imperio, rebélase contra o pasado colonial, atrévese a mirar a realidade con ollos propios e non a través da mirada que os despreza.  Sóanos de algo todo isto?

Hai motivos para a nosa solidariedade e apoio aos populistas que queren construír unha realidade máis xusta, máis digna, máis igualitaria para as maiorías sociais dos seus países. Para a Bolivia diversa de Evo, para o novo Ecuador de Correa, para a Venezuela social de Chávez e Farruco Sesto. E tamén para Cuba, cos seus erros e cos seus acertos, no seu dereito a facer camiño propio sen veciños poderosos convertidos en amos. Por iso mesmo nós, nacionalistas galegos, debemos ser quen de manter alta a esixencia no campo da información,  debemos saber procurar o envés do que se mostra con cacarexo unánime nos medios libres de Miami, Washington ou Madrid. Nós, nacionalistas galegos, que padecemos a criminalización até hai ben pouco, que sofremos campañas de auténtico golpismo mediático, sabemos ben por experiencia propia o que son os medios e a quen serven. Apliquemos o conto no noso día a día.