Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.
13-12-2010

A cidadanía ecolóxica abre un novo escenario para o xogo político no que se propón unha intervención transcendental

Cidadanía ecolóxica, sociedade e nación

ALFREDO LÓPEZ FERNÁNDEZ


A reflexión a respecto da relación entre a individualidade social -cidadanía- e a comunidade política nun espazo aberto e ambientalmente ameazado, nunha sociedade sometida a grandes cambios e no ámbito da conformación da nosa nación, provoca moitos interrogantes aos que é preciso buscar respostas. 

O concepto tradicional de cidadanía alude aos dereitos e deberes individuais nun territorio. Entre a cidadanía e o ámbito público establécese, neste momento e lugar, unha relación contractual baseada no xogo democrático, como resultado da negociación entre a individualidade social e a comunidade política, sendo as organizacións políticas as que aglutinan intereses colectivos e propoñen alternativas de goberno ao conxunto da sociedade. Mais, nun mundo cambiante, globalizado e mesmo ameazado pola propia sobrevivencia ambiental, cómpre analizar esta relación para formalizar unha cidadanía acorde cos tempos. 

Cidadanía ecolóxica

No actual entramado social existe un sector que reclama un novo papel para a cidadanía que podería encadrar no que se dá en chamar cidadanía ecolóxica. O seu obxectivo é o ámbito público e privado simultaneamente, transcendendo o espazo e o tempo, e converténdose, dun xeito complementario, nun elemento de difusión e de aplicación da sustentabilidade ambiental. Caracterízase pola desestabilización do concepto tradicional de cidadanía, mais debería servernos como ferramenta para a promoción dunha nova relación entre a individualidade e a sociedade como conxunto. 

A proposta desta nova cidadanía ecolóxica caracterízase pola súa internacionalidade e interxeracionalidade, pola súa mensaxe á individualidade descoñecida e anónima inmersa ata no máis recóndito da sociedade, transcendendo a relación da individualidade e do estado pola complementariedade que aporta ao contrato individualidade  social-comunidade  política e pola desterritorialización substancial das súas propostas. Podemos entender logo que é unha ferramenta incompatíbel co proxecto nacionalista?. De que nos serve logo o derrube do concepto tradicional de cidadanía?. 

Apropiación indebida

Nos últimos tempos, a desafección social da política, relativa ao abano ideolóxico tradicional, deu en conformar intereses particulares ao redor de proxectos de carácter liberal onde se enxalzan os dereitos individuais. Estas propostas, que non serían un mal en si mesmas, confróntanse e mesmo negan os valores colectivos (lingua e nación) e furtan conceptos, como o de cidadanía, facendo deles unha apropiación indebida e facendo bandeira da provocación sutil, do obstruccionismo legal e do confusionismo social. Por moito que lles doa, no concepto cidadanía estamos inmersos aqueles que aínda baixo a categoría de nacionalistas, que non exclúe que sexamos tamén internacionalistas, formamos parte dunha sociedade que en esencia é común por máis que se tente a nosa exclusión da mesma. 

Novo escenario do xogo político

A cidadanía ecolóxica abre un novo escenario para o xogo político no que se propón unha intervención transcendental no ámbito xeográfico e xeracional, incorporando o lema de pensa globalmente e actúa localmente e, así mesmo, permite a incorporación do xuízo político e do activismo na xeración de propostas que sexan asumidas como obrigatoriedade, no ámbito público e mesmo privado, complementario ao contrato político entre os representantes elixidos democraticamente e o público, mais amplía o concepto á participación democrática como un elemento máis do seu exercicio e como unha proposta de xestión local. 

Cidadanía e estruturación local

É hora de abordar a desestruturación social, logo dos enormes cambios producidos no noso país a raíz da caída do sistema produtivo tradicional e rural, dende mediados do século XX. Mesmo onde este non era preponderante, como no caso urbano, esta desestruturación é patente, causada polo mesmo motivo, e viu dada polo enorme aluvión demográfico do interior cara á costa, desestabilizando máis aínda a composición da sociedade galega. Levouse como se puido, mais sen unha solución de continuidade, o que sen dúbida afectou mesmo á expresión política propia.  

Tendo o nacionalismo un proxecto para o país e propostas de solución para os principais problemas sociais e ambientais que se nos presentan, é posible adecuar a incorporación conceptual da cidadanía ecolóxica á recomposición social local como ferramenta para acadar unha maioría social que permita o desenvolvemento de políticas sostibles social e ecoloxicamente. 

Non é nada novo nos plantexamentos teóricos nacionalistas, e mesmo prácticos alí onde se puido, o da promoción da participación social e da estruturación local a través da reorganización parroquial, entendida como primeiro chanzo da organización social propia do noso país. Algúns elementos da política participativa local, como a Axenda 21, permiten xa unha incorporación da cidadanía ao debate da xestión local. O concepto do que estamos a falar permite facer propostas á xestión pública a través da participación cidadá, mais tamén da xestión do privado, que ao final remata reincidindo no ámbito público e xeral, a través das propostas de obrigas e de reestruturación ética da convivencia social, do consumo, da sostenibilidade, etc. Así que non sería máis que desenvolver e amplificar un concepto para ser incorporado ao noso deseño de sociedade e de nación.