Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.
09-11-2010

O lento despegue do libro electrónico no noso país fréase por mor da crise económica e a ausencia dunha eficaz política cultural galega

Libros electrónicos en galego

XAVIER GÓMEZ GUINOVART


A recente popularización do libro electrónico, coa aparición de dispositivos de lectura (e-readers) cada vez máis difundidos e a coa colosal ampliación do catálogo bibliográfico dixitalizado (e-books), permite predicir cambios inminentes tanto no mercado tradicional do libro como nos propios hábitos de lectura. A pugna entre dispositivos de lectura estase a dar arestora entre os ordenadores táctiles de tamaño caderno (os ordenadores tablet) e os dispositivos de lectura con pantalla de tinta electrónica (os clásicos e-readers), sendo os principais protagonistas a nivel mundial o iPad de Apple e o Kindle de Amazon.

Esta rivalidade entre Apple e Amazon polo mercado dos dispositivos de lectura ten outra fronte no formato de distribución das obras. Nestes momentos, estase a consolidar un formato electrónico estándar para os libros electrónicos, creado especificamente pola industria para a súa creación, almacenamento e transmisión. Trátase do formato denominado ePub, un estándar libre e de código aberto adoptado en 2007 por un grupo internacional de empresas editoras relacionadas cos libros electrónicos (o International Digital Publishing Forum) coa intención de consolidar e dinamizar este mercado.

O formato ePub goza dunha boa difusión e é utilizado como formato de distribución das obras polas grandes bibliotecas e librarías de libros dixitais (Project Gutenberg, Google Books, Todoebook, iBookStore, Libranda e moitas outras) e como formato de lectura pola maioría de dispositivos de lectura (Sony Reader, Papyre, Barnes & Noble Nook, etc.), incluído o iPad de Apple. A única excepción a este consenso é precisamente Amazon, a libraría de Internet co maior catálogo de libros electrónicos e maior volume de vendas na actualidade, que decidiu non aceptar o formato ePub polo de agora nin no seu catálogo, nin no seu dispositivo Kindle de lectura.

Neste convulso e prometedor mercado, as editoriais galegas apenas teñen presenza. A única editorial que fixo unha aposta importante neste sector é a Editorial Galaxia, con máis de 70 libros dixitais dispoñíbeis no seu catálogo en Todoebook, libraría na que tamén se poden atopar os dous libros publicados en formato e-book por Edicións Xerais de Galicia. Engadirei aquí que tampouco é posíbel adquirir hoxe un dispositivo de lectura que permita navegar polos seus menús na nosa lingua.

Este panorama actual tan desolador para o libro electrónico en galego reflicte, sen dúbida, o estado xeral en Galiza do desenvolvemento da sociedade da información, da normalización lingüística, da economía, do progreso e da cultura; porén, non exime de responsabilidade aos axentes culturais e políticos implicados co país e que traballan a prol do futuro da nosa cultura e do noso idioma. A política cultural non pode seguir á marxe da cultura dixital. O fomento do libro electrónico en galego debe formar parte dos obxectivos dunha política cultural pública galega que apoie a preservación e difusión do patrimonio cultural e garanta á cidadanía os servizos culturais do presente e do futuro.