11:38 Martes, 24 de Outubro de 2017
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.
Colaboracións

XOSÉ MANUEL SÁNCHEZ REI Perfil

A Coruña, 1973

Xosé Manuel Sánchez Rei


É profesor titular na Universidade da Coruña na Área de Filoloxía Galega e Portuguesa e actual director da Revista Galega de Filoloxía. O seu campo de estudo abranxe a gramática da lingua galega actual, a variación lingüística e a linguaxe literaria contemporánea, temas sobre os cales ten dado a lume diversos traballos en publicacións especializadas de ámbito nacional e internacional: Cadernos de Lingua, Diacrítica-Ciências da Linguagem, Madrygal, Revista de Letras, Revista Galega de Filoloxía, Revue Romane, Verba etc. Entre os seus libros salientan as obras Se o vós por ben teverdes. A interpolación pronominal en galego (1999, premio Carvalho Calero 1998 de Investigación Lingüística), O fidalgo e o teatro. Tres textos dramáticos de Ramón Otero Pedrayo (1999), Os pronomes demostrativos: do latín ao galego contemporáneo (2002), A lingua literaria galega no século XIX (2005, en colaboración con outros autores), A lingua galega no cancioneiro de Pérez Ballesteros (2006, finalista nos Premios da Crítica de Galiza), O complemento preposicional en galego (2010), Lingua galega e variación dialectal (2011) ou O falar das fadas. Lingua, música e toponimia da Galiza (2016). Tense ocupado da edición de monográficos sobre aspectos da filoloxía galego-portuguesa, cal Aspectos da toponimia menor coruñesa (2014, en parcería con E. Mosquera Castro), Modelos de lingua e compromiso (2014), Novas perspetivas linguísticas no espaço galego-português (2015, en parcería con M. A. Marques); igualmente, ten traballos editoriais consagrados a vultos da nosa cultura contemporánea, como Perspectivas sobre Bóveda (2010), Ricardo Carvalho Calero: ciencia literatura e nación (2011, en parcería con C. C. Biscainho-Fernandes), Correspondencia entre Manuel María e Otero Pedrayo (1951-1974) (2014, xunto a E. Mosquera Castro) etc. É tamén o tradutor para o galego do Curso de Lingüística Xeral (2005) de Ferdinand de Saussure. Ao mesmo tempo, participa no movemento asociativo cultural de base, nomeadamente desde a Asociación Cultural Alexandre Bóveda (A Coruña), en que exerce como presidente desde o ano 2012.

© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal