As caretas xa caeron. Se alguén cría no "capitalismo de rostro humano", o propio capitalismo se encarga de desmontar a súa inxenuidade. Se alguén supoñía que os dereitos os regalou o "benefactor" capitalismo, xa pode retomar a senda da loita política e sindical. Que as condicións no Centro do sistema non correspondían a ningunha vontade altruísta do capitalismo, senón a que foron concesións arrincadas con moita loita e con moito esforzo e que durarían mentres lle fosen funcionais e tolerábeis ao sistema, é unha verdade da que xa dubidan bastantes máis sectores sociais, adormecidos polo suposto "capitalismo de rostro humano".
O apoio do Fondo Monetario Internacional ás dictaduras é amplamente coñecida, pero foi unha práctica anterior ás súas actuacións nas dictaduras militares en América latina. O mesmo Fondo que hoxe dita as políticas económicas á marxe das regras democráticas, xa rescatou a dictadura franquista no 1959.
Hai poucos días o FMI deixaba ben claro que ademais de actuar, e facelo con contundencia e determinación, nos sistemas bancarios e fiscais, quere ter tamén "mando en praza" no que atinxe ao mercado laboral, ou por mellor dicir, no que afecta aos dereitos das traballadoras e traballadores. Así, o FMI, para tentar salvar un sistema económico que a cada se manifesta máis saturado e irracional, urxiu ao Goberno español a reformar o mercado laboral, ao que considera como "disfuncional".
© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal
A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web.