23:33 Domingo, 29 de Xaneiro de 2023
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

05-11-2010

Unha visita que non deixa indiferente a ninguén.

Vale o que custa a visita de Bieito XVI a Compostela?

Valorar (35)

RUBÉN CELA DÍAZ


Bandeira do Vaticano


Escribo estas liñas na véspera da chegada do Papa Bieito XVI a Santiago de Compostela. Unha visita que non deixa indiferente a ninguén.

Un dos elementos sobre os que está a xirar o debate público é o que encabeza este artigo: vale o que custa a visita de Bieito XVI a Santiago?. Custe e posíbel beneficio, son o epicentro de debates, tertulias e reflexións de columnistas e representantes políticos e sociais.

Especúlase (porque o goberno non dá os datos reais en sede parlamentaria, nun exercicio claro de falta de transparencia e desprezo ao Parlamento Galego e ao que representa) sobre o gasto a cargo do erario público e suposto retorno, tanto directo a través das e dos visitantes como indirecto mediante a proxección internacional de Compostela e Galiza.

Este tema daría -dá- moito do que falar. Son moitas as interrogantes que se teñen formulado:  é moito ou é pouco o que supostamente nos vai custar aos galegos e ás galegas? Que se computan e -sobre todo- que non se computa dentro das cantidades das que se falan? Que baremos se empregaron para calcular o valor económico da prensenza de Santiago na prensa internacional? É xustificábel o importante sobrecusto da visita a Santiago -de oito horas- a respecto da de Barcelona, bastante máis longa?

Unha visita exclusivamente relixiosa

Nin cabe dicir, que o Papa Bieito XVI ten todo o dereito do mundo a visitar a nosa Terra e de difundir as mensaxes que estime oportunas para a comunidade católica galega e do resto do mundo.

Respecto escrupulosamente as crenzas e manifestacións relixiosas de todas as persoas, como gosto -e esixo- que se respecten as miñas. Sen embargo, para min, o principal problema desta visita non é a visita en si mesma, senón o modelo de financiación da mesma.

O Papa ven a Santiago exclusivamente  en visita pastoral. Tal e como se encargou de salientar o Vaticano, supostamente "coma un peregrino máis". O Papa ven a Compostela como cabeza visíbel da igrexa católica e non como xefe de estado. Non se trata  dunha visita institucional, senón dun acto exclusivamente relixioso.

As aportacións públicas empregan o diñeiro de todas e de todos: dos católicos e dos que non o son. Por ese motivo, os poderes públicos deben garantir nunha visita deste tipo, a seguridade, a limpeza, etc. pero non deberían ser o soporte básico de financiación nin de promoción.

A Igrexa Católica goza dun status privilexiado no estado español a respecto de calquera outra confesión relixiosa. É un feito indiscutíbel. Conta cun inxente patrimonio, ao que anualmente se lle suman importantísimas sumas de diñeiro procedentes do estado. É unha institución que conta con medios de comunicación propios, cunha importantísima cantidade de fieis entre eles múltiples grandes fortunas. Polo tanto, a Igrexa católica ten capacidade sobrada para financiar un evento deste tipo -se houbera vontade real- (incluída a posibilidade de como fixo na súa visita ao Reino Unido, os fieis tivesen que pagar entrada para poder asistir aos diferentes actos, e así corresponsabilizarse do conxunto dos gastos ocasionados).

Non serei eu que lle dea leccións á Igrexa sobre o que ten que facer e como o ten que facer. Agora ben, si que podo -e debo- opinar sobre en que se gastan os meus impostos.

As e os nacionalistas estamos afeitos ao uso sistemático da Constitución Española coma unha arma arroxadiza. Unha especie de texto sagrado e inmutábel ao que se invoca cando convén. Evidentemente, nesta ocasión falta o primeiro "especialista" en Dereito Constitucional falando sobre a vulneración sistemática do principio constitucional de aconfesionalidade do estado do español.

As crenzas non se poden impor a quen non as comparte. Un estado español que non é laico, pero si aconfesional, debería cumprir escrupulosamente coa separación igrexa-estado e ser especialmente vixiante en non favorecer a ningunha crenza relixiosa sobre outra ou sobre que non ten ningunha.

Unha visita non moi "austera"

Hai poucas semanas, coñeciamos a proposta de Orzamentos Xerais do Estado. Hai poucos días a Xunta de Galiza, trasladaba a súa proposta de orzamentos para o ano 2011 ao Parlamento Galego. En ambos casos, moi malas novas para Galiza e un denominador común: un recorte sen precedentes na prestación de servizos públicos básicos escudándose na grave situación económica. Unha palabra de orde nos dous proxectos de lei: "austeridade".

Poucas palabras se teñen repetido tanto no último tempo. En moitas ocasións, é a palabra comodín do goberno central e do executivo Feixóo que vale para tapar a incompetencia, a súa falta de compromiso real cos servizos públicos básicos e co desenvolvemento produtivo do país e falta de modelo de combate contra a crise económica.

Non deixa de ser chocante que ao tempo que se debate a conxelación das pensións, a reducción dos salarios públicos, o abaratamento do despedimento, a ampliación da idade de xubilación, a redución do gasto en sanidade e educación, etc. coincidan na prensa con noticias como que o equipo de son da misa do Papa será máis potente que o empregado por AC-DC nun concerto, vexamos como no Obradoiro se constrúe unha edificación sen precedentes ou que a Xunta encha todos os balados publicitarios, mupis, marquesiñas e farol e coa cara do Papa "Benedicto" (que non Bieito..) por todas partes por se a alguén non lle quedara claro que viña o Papa. Mellor nin falar da TVG.

As formas si que importan. Gastos tan desmesurados mostran falta de sensibilidade ante o momento que vivimos. Estou convencido de que se podería realizar unha visita do Papa máis austera, e financiada fundamentalmente cos fundos da Igrexa católica, que non desmerecese en absoluto á que se vai realizar.

Creo que o gasto é tremendamente desproporcionado e que a Igrexa debería predicar co exemplo nun momento moi difícil para unha parte moi importante das sociedade galega. Estou convencido de que unha visita deste tipo podería manter a súa solemnidade sen facer un estrago tan grande de fundos públicos, sen crear tantos prexuízos na veciñanza, nin caer nunha instrumentalización da visita por parte de ningún partido político. Evidentemente optouse por outro modelo.

Neste caso, como ultimamente en tantos outros, o PP e o PSOE van da man. As e os nacionalistas galegos, respectando sempre as crenzas de todo o mundo, sempre defenderemos a separación nidia entre igrexa e estado e que a Igrexa católica (ao igual que o resto de confesións relixiosas) se autofinancien.


1 2 3 seguinte

[08-11-2010 15:34] Se o BNG quere remontar comentou:

Esperemos que os dirixentes do BNG timoratos e preocupados polos seus postiños tomen medidas no futuro defendendo a lista de temas da esquerda social. E non agachándose, como fixeron coa visita do papa.
Despois dirán que non entenden a decepción da cidadanía e a súa abstención nos procesos electorais. Se o BNG quere remontar o vóo -descendente desde hai dez anos- necesita saír un pouco do sistema, ser máis valente e deixar de pensar tanto no benestar e privilexios dos seus cargos públicos que queren como partes integrantes do sistema partitocrático. Máis exemplo, máis valentía, máis limitación de mandatos e máis traballo progresista nas cuestións esenciais. Este é o único camiño de recuperación da esquerda social.

[07-11-2010 13:36] Manzano comentou:

Parabens Ruben. A maioria dos comentarios son coma sempre. Os "iluminados" que están no BNG, que todo o saben o todolo entenden, pero cando hai que traballar por Galiza ou polo partido non estan de acordo e recurren a súa "filosofia"., filosofia barata, caduca e de ILUMINADOS.

[07-11-2010 11:00] Macho Cabrío comentou:

Benquerido Rubén:

Pasa á acción¡¡

Xa ninguén dubida, despois do visto e escoitado onte en Compostela -incluída a coversión en "territorio vaticano" de parte da nosa cidade-, de que este Papa veu facer POLÍTICA. Alguén o dubidaba? Sempre fixo política, el e os seus predecesores.

Rubén, és ti o líder que lle cómpre a Compostela? De verdade queres ser alcalde e líder político na cidade?

Actúa como tal. Lidera. Hai miles de compostelamos que agardamos que o BNG local perda o complexo de comparsa dun PSdG domesticado e entregado.

[06-11-2010 17:17] Por un laicismo real, non pasador de lista comentou:

Era polo laicismo? É que lendo a algún machote laico, parece que era contra o BNG! Cada vez me dá menos ganas de ir a nada no que estean os pasadores de lista...

1 2 3 seguinte
Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña