00:14 Mércores, 05 de Outubro de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

03-11-2010

A visita pon de manifesto a subordinación do poder político a unha relixión, como falacia da aconfesionalidade no Estado Español

A utilidade da visita de Bieito XVI

Valorar (24)

ANA BELÉN PONTÓN MONDELO



A visita de Bieito XVI é presentada polo Goberno do Partido Popular como a guinda da súa xestión no Xacobeo. Un grande "éxito" que mesmo motivou o traslado de Feixoó á Santa Sede para colgarse a medalla. Mais fóra da propaganda oficial persiste unha valoración social, como mínimo contraditoria, sobre a repercusión que pode ter en termos económicos, a estancia de oito horas do pontífice na capital de Galiza.

Os máis devotos e devotas ven con bos ollos a súa presenza no país, xustificando o gasto que ocasiona pola relevancia do acontecemento. Sen embargo, unha parte importante cuestiona un desembolso de fondos públicos de tal calibre. Supoño que até existirá, dentro do gremio, quen pense que tres millóns de euros estarían mellor empregados en axudar a aquelas persoas que non teñen recursos. Imaxino, que os voluntarios e voluntarias de ong´s integrantes da propia igrexa católica, sentirán algo de rubor e botarán contas dos proxectos que se poderían impulsar con eses recursos. Non en van, o dispendio contrasta cos valores que na teoría afirma defender a igrexa católica.

Teño a percepción de que unha parte moi importante dos galegos e galegas ven con indiferenza a presenza do Papa en Compostela e consideran un despropósito o patrocinio da Xunta de Galiza. Sobre todo, cando asisten a un recorte sen precedentes das prestacións e servizos públicos aludindo a escaseza de recursos. É este o talón de Aquiles da visita. Sábeo ben o PP. Pasou do anuncio dun gasto de 6 millóns de euros a dicir que eran tres. Pasou de fachendear de transparencia, a negar a información en sede Parlamentar. Mesmo axilmente encargou un  informe á medida para xustificar a rendibilidade da inversión.

Con todo, a visita pon de manifesto un aspecto que é de maior gravidade: a subordinación do poder político a unha relixión, a falacia da aconfesionalidade no Estado Español e a difusa liña que separa as relacións estado- igrexa. Problema que tamén aparece no enfoque da Xunta de Galiza en relación co Xacobeo. A inversión de fondos públicos para promover o Camiño só pode ter xustificación en termos de promoción turística. O obxectivo deben ser o turismo, non a peregrinaxe. Sen embargo, tal diferenciación non existe e a propaganda das institucións públicas alenta o carácter relixioso da ruta. A visita do Papa é o cumio desta política.

Por responsabilidade política é necesaria a pregunta sobre cal é o rédito da presenza do Papa en Compostela. Cantos turistas vai atraer? Cal é a repercusión internacional deste feito? Podía facerse destinando menos fondos públicos?

A estas alturas sabemos que a ocupación hoteleira en Santiago está no 75%, lonxe do desbordamento que se anunciaba. Non hai evidencias de que vaia supoñer un repunte do turismo no que resta de Xacobeo, nin no ano próximo. A repercusión semella ser máis forte no propio país que fóra das nosas fronteiras. Sobre o custe, é incontestábel que non se precisaba tal gasto público. O goberno catalán vai gastar a metade, a pesar de que vai pasar máis horas en Barcelona.

O que realmente promove esta visita é a propia igrexa católica. Está claro que ten necesidade de promoción, é notoria a perda de clientela e o descrédito da súa cúpula dirixente, capaz de xustificar e ocultar crimes como a pederastia. A cuestión é que isto, señor Presidente da Xunta de Galiza, non debe facerse a cargo dos recursos públicos.


1 2 seguinte

[09-11-2010 21:50] Quen somos comentou:

47 millóns de euros (17 para Galicia) directos, e máis de 200 millóns (66 para Galicia) indirectos en publicidad da nosa terra, xenerou la visita de este señor, non me agrada, pero fíxose unha boa inversión. Ademáis de nacionalista e laico, hay que ser moi parvo para non velo.

[07-11-2010 21:19] Antonio Das mortes comentou:

No Irán non se practica a lapidación desde 1983, abolida polos aiatolás.
No Irán non se condena á pena de morte a ninguén por adulterio; sí se aplican outras penas por esa causa.
No Irán hai unha muller condenada a pena de morte -pena que se executaría por aforcamento- por cumplicidade nun asasinato.
Non ten merito que non te cortes, a iñorancia é moi atrevida!

[06-11-2010 03:15] Polo laicismo comentou:

A ver cando hai defensa dun laicismo auténtico no BNG. Menos retórica e máis feitos.

[04-11-2010 08:36] Robert Neal Baxter comentou:

Hai quen confunde o cu coas témporas, pois, para alén de coincidirmos como grupo no mesmo lugar público, non lle vexo similitude algunha entre a expresión popular da sociedade civil autoorganizada reivindicando un dereitos lingüísticos básicos e unha visita institucional dun patriarca dunha igrexa. Por moito que os réditos para a economía da Galiza serán supostamente enormes (maior ocupación hoteleira puntual, maior influxo de pelegrinos…), facendo de Santiago una especia de parque monotemático católico talvez para facerlle competencia á charramangada de Lurdes ou de Fátima, sigo a pensar que iso non se debería financiar con diñeiro público, ao se tratar dunha visita pastoral, nin tampouco se lle debería render os honores que corresponden dun xefe de estado por ser o seu o estado menos democrático e máis misóxino do mundo (para alén de ser un regalo do réxime fascista de Mussolini para agradecer o apoio da igrexa católica…) e sigo a pensar que esta personaxe debería ser persona non grata até que corrixir a ensinanza oficial, irresponsábel e criminal, da igrexa acerca do uso do preservativo que condena á morte millóns de persoas contaxiadas innecesariamente pola SIDA, o menosprezo para as mulleres e persoas non heterosexuais, e tamén até que recoñecer publicamente ante os tribunais terreais aos que el e os da igrexa tamén están suxeitos a real envergadura do horror do abusos sexual e físico a menores por sacerdotes e outros membros da igrexa que os tiñas ao seu cargo.

1 2 seguinte
Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña