23:43 Venres, 15 de Novembro de 2019
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

30-10-2010

Pero o papa ven coma un xefe monárquico que exerce a súa autoridade na Igrexa de xeito antidemocrático

Bieito XVI, un peregrino que nos sal moi custoso e non ven aportarnos nada

Valorar (12)

VITORINO PÉREZ PRIETO



Bieito XVI, o papa de Roma ven a Compostela. Se viñera realmente coma un humilde peregrino, como tantos miles que fixeron tal desde hai séculos pola rota das estrelas, crentes relixiosos ou non, que viaxaron até tumba do Santo Xacobe ou a de Santo Prisciliano, sería benvido nesta terra, porque os galegos somos xente acolledora. Se viñera mesmo como humilde pastor da comunidade dos seguidores de Xesús, o Mestre Nazareno axustizado por ser un home libre e comprometido cos máis febles, tamén sería benvido. Pero este persoeiro non ven coma un humilde peregrino ou un humilde pastor, aínda que se autoproclame "servidor dos servidores".

Bieito XVI ven como xefe de Estado do Vaticano a un estado autónomo formado por unha sociedade pluralista, que foi gañando con sangue e suor a autonomía moral e o respecto ás conciencias; un estado laico no que conviven diferentes credos, opinións e culturas, unha  sociedade multicultural e multirrelixiosa. Pero o papa ven coma un xefe monárquico que exerce a súa autoridade na Igrexa de xeito antidemocrático: marxinando a homes e, sobre todo, mulleres que discrepan da súas ideas e dos seus feitos, e mesmo atacando aos membros disidentes desa autoridade exercida autoritariamente, no canto de escoitar as súas propostas. No caso das mulleres, á marxinación do disidente xúntase a violencia de xénero e unha visión infantilizadora que non lle da nin voz nin voto na institución; até o punto de que ordenar sacerdote a unha muller -única canle para ter capacidade de decisión na Igrexa- é considerado no mesmo nivel de gravidade moral que o exercicio da pederastia.

A nivel relixioso, Bieito XVI representa a figura autoritaria na cúpula dunha Igrexa piramidal; aínda que pretenda ser a comunidade de crentes que recoñecen como fundador a Xesús de Nazaret, e din seguir o magnifico programa do seu Evanxeo. Neste senso, o que representa a súa visita está en aberta oposición ao Evanxeo: fomenta máis unha papolatría -culto a unha figura cun acontecemento de masas folclórico e político- que a atención preferente aos máis pobres e máis febles, aos máis desfavorecidos, aos que máis padecen a inxustiza deste mundo, como facía o Mestre Nazareno. Xesús dixera: "Xa sabedes que os xefes dos pobos os tiranizan e que os poderosos os asoballan. Pero entre vós non pode ser así" (Mc 10, 42-43).

Os gastos desmesurados da súa visita (entre unhas cousas e outras, o que imos pagar os galegos pode ser arredor de seis millóns de euros: un millón por cada hora de estancia en Compostela!) manifestan unha insensibilidade verbo dos sectores populares que loitan por sobrevivir, padecendo máis que ninguén as consecuencias da crise inxusta que vivimos; unha crise xerada por un sistema inxusto e mesmo perverso: o capitalismo liberal de marcado.

En troques do compromiso cos máis pobres, a visita do papa expresa unha  "santa alianza" cos máis ricos; para ratificar os privilexios da Igrexa, que, no canto de fortalecer a mensaxe evanxélica que debe transmitir, fortalecerá a crise fonda de credibilidade que padece na meirande parte dos sectores da sociedade galega e española.

Por iso, esta visita cara e inútil non ten os meus parabéns e os de outra moita xente non cristiá e mesmo cristiá, colegas teólogos xunto con cristiáns e cristiás de base.


[30-10-2010 20:17] Robert Neal Baxter comentou:

Hai dous tópicos a respeito d@s galeg@s que cabe contrastar: o seu espírito acolledor e a súa desconfianza. Creo que aínda que viñese sen gasto nengún para as acrcas públicos, cabería desconfiar deste personaxe de pesnamento escurantista que leva anos ocultando o abuso sistemático a meores por parte de sacerdotes católicos (tanto sexual como de castigo físico) e que segue a condenar millóns de persoas a morerren dunha enfermidade que se podía ter evitado mediante o uso dunha cousa tan sinxela como un anaco de goma... Hai que preguntarse que hai de bon nunha igrexa que se empeña en manter unha personaxe así ao seu mando...

[30-10-2010 17:56] xosé comentou:

Ou a igrexa da un xiro copernicano ou nao sei onde irá a parar.Que anos máis tristes está a viver.

[30-10-2010 13:52] Roberto López (Cerdido) comentou:

O governo do Sr. Feixóo, vai gastar nesta montaxe político-folclórica máis de 4 millóns de €, que sairán do peto de povo galego, e non é quen de galeguizar o nome do Papa. A grande nova é que fará parte do seu discurso en galego, ousexa, que a pesares de vir a capital de Galiza, por conta dos galegos, o Papa vai dirixir o groso da súa mensaxe en español. así se explica que a Xunta use o nome de Benedicto e non Bieito para os anuncios da visita. Seguramente se perguntamos por isto no Parlamento Galego contestarán que o Papa vén a Compostela como lugar de culto ao patrón de España e que os nomes proprios non se traducen (respostas istás moi posíbeis da lóxica intelectual do PP). Ao que, coido, cumpre respostar que o nome oficial do Papa non é en castelán senón en latín, Benedictus XVI. Polo que cumpre que a hora de traducir o nome, o Governo Galego se refira ao Papa como Bieito XVI e non Benedicto XVI. E que se a visita é a unha vila española o custo da viaxe debe ser asumida por todos os españoliños e non só polos galegos e galegas.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña