16:32 Venres, 03 de Xullo de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

26-10-2010

A realización da iniciativa atópase na súa fase decisiva

A casa-museo de Manuel María como un proxecto galego

Valorar (15)

ALBERTE ANSEDE ESTRAVIZ



Transcorreron tres anos desde que a Fundación Manuel María de Estudos Galegos, creada por Saleta Goy, se embarcou no labor de darlle forma ao proxecto da Casa Museo Manuel María. A consciencia de que, co paso do tempo, o importantísimo legado do escritor corría perigo de perder a súa unidade e, con iso, diminuír a súa relevancia social, foi un elemento fundamental para que Saleta se entusiasmase na idea e puxese todo o seu empeño en sacala adiante. Como tamén o foi, a certeza de que con esta iniciativa se garantiría mellor a dimensión galega do proxecto cultural que terá a súa matriz na casa de Hortas de Outeiro de Rei.

O proxecto da Casa Museo pretende darlle continuidade e permanencia á obra do noso grande poeta, coa máxima fidelidade ao profundo compromiso que el sempre tivo con Galiza e coa máxima dose de xenerosidade, comprensión e humanidade que el sempre practicou en vida. Igual que a obra de Manuel María, o proxecto cultural da súa Casa Museo pretende ser un faro que, desde Outeiro de Rei, bote un pouco de luz ao País enteiro.

Felizmente, xa son importantes os apoios públicos e privados recibidos até o de hoxe o que fai confiar nunha realización medianamente próxima do proxecto. A fase na que estamos pode ser definitiva para culminalo. A Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP)  acordou asinar un convenio coa Fundación mediante o cal se crea o marco para que os concellos galegos asinen os respectivos Protocolos de Adhesión e así contribuír a sacar adiante dito proxecto, acomodándose ás características de cada un. Pola súa parte a Fundación comprométese a darlle a consideración de Entidades Colaboradoras a eses concellos e, en razón diso, a colaborar na realización de actividades culturais no seu ámbito. Así, neste momento, está a pór a disposición desas entidades locais a exposición ¡Rosalía sempre viva. Viva Rosalía! que a entidade elaborou con motivo do 125 aniversario da morte da nosa escritora máis universal.


Casa de Manuel María en Outeiro de Rei (Terra Chá)


Estou seguro que para quen teña responsabilidades de goberno no ámbito local e coñeza a obra de Manuel María, non lle resultará difícil sumarse a esta iniciativa que contou co apoio unánime na Executiva da FEGAMP. Estou certo de que non vai botar man do argumento de que "isto non é da nosa competencia", nin sequera de que "non temos diñeiro". No primeiro porque Manuel María debe ser "competencia" común e solidaria, non segundo porque sempre estamos a falar de cantidades modestas que non ocasionan ningún quebranto aos adelgazados orzamentos locais. Así o entenderon xa os concellos que decidiron adherirse ou están en proceso de facelo.

Mentres tanto, a Fundación sigue a realizar todas as xestións para ampliar eses apoios institucionais, mais tamén o de particulares. Por iso se está a presentar publicamente por toda Galiza o proxecto de Xan Casabella e Xosé Díaz Vieites para que a casa de Hortas e o seu contorno sexa a Casa Museo Manuel María nun futuro próximo. Tamén de inmediato, sairá á luz a segunda obra inédita de Manuel María titulada "Galiza", onde o seu autor fai unha interpretación persoal da nosa historia e xeografía feita cunha mirada poética e acudindo a unha trama narrativa.


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña