00:59 Martes, 19 de Novembro de 2019
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

25-10-2010

Galiza podería e debería dar os pasos conducentes a adquirir a condición de membro observador asociado

A CPLP: expresión económica e política internacional da lusofonía (Parte II)

Valorar (9)

XESÚS RAMÓN GONZÁLEZ BOÁN


8 nacións formán a Comunidade de Países de Língua Portuguesa (CPLP), 238 millóns de habitantes

A creación en 1989 do Instituto Internacional da Lingua Portuguesa (IILP) foi o primeiro -e máis visíbel- paso para construír unha estrutura estábel e permanente de cooperación entre Portugal e as súas ex-colonias que acabaría desembocando en 1996 na constitución da Comunidade dos Países de Lingua Portuguesa (CPLP).

Non foi un proceso fácil. As relacións económicas e políticas entre Portugal e os Países Africanos de Lingua Oficial Portuguesa (PALOP) estiveron moi marcadas nos seus inicios por revanchismos, desconfianzas, receos e mesmo odios, consecuencia lóxica dunha secular historia colonial centrada exclusivamente na explotación económica en beneficio da metrópole e da reducida caste de colonos brancos e funcionarios da administración colonial portuguesa.

A lingua portuguesa elixiuse como elemento inicial e simbólico para camiñar cara a unha relación normalizada entre estados soberanos coa pretensión -explícita xa desde o inicio- de desembocar nunha estrutura de cooperación ampla, multilateral e preferente entre os países lusófonos. Neste sentido, a decisión de situar en Cabo Verde a sede permanente do IILP, serviu para visualizar a vontade de distribuír protagonismos e responsabilidades, decisión reforzada en 2005 ao atribuír ao IILP o carácter de institución oficial da CPLP.

Nos pasos seguidos na construción e na evolución da CPLP poden verse procedementos e criterios xa utilizados no seu momento pola Organisation Internationale de la Francophonie (OIF), formada en 1970 sobre a base dunha lingua común, o francés, exportada e imposta por Francia ás súas colonias esparexidas por África, América e Asia.

A Commomwealt é unha outra organización internacional xurdida para tirar proveito da pertenza dun pasado colonial compartido. Sendo a primeira en se constituír, non foi a lingua -o inglés neste caso- a coartada xustificadora, senón a perpetuación da monarquía británica na Xefatura do Estado dos novos países xurdidos da desmembración do Imperio.

Tanto a CPLP como a OIF evoluiron, de vagar na OIF e moi rapidamente na CPLP, de asociacións  internacionais político-lingüísticas para asociacións político-económicas no que a lingua pasou a ser un ente secundario. A Commomwealt non precisou facelo, pois así se concibiu desde un principio.

De aos poucos, moi diferentes países non francófonos pasaron a integrarse na OIF con carácter de membro (Bulgaria, Cabo Verde, Canadá, Exipto, Grecia, Guiné-Bissau, Guinea Ecuatorial, Macedonia), membro asociado (Armenia, Chequia, Chipre, Ghana) ou observador (Austria, Croacia, Hungría, Letonia, Lituania, Mozambique, Polonia, Serbia, Eslovaquia, Eslovenia, Tailandia Ucraína e Xeorxia), até constituír un poderoso grupo de 70 estados -32 deles con francés como lingua oficial única ou compartida- con 870 millóns de habitantes dos que unicamente arredor de 200 son francófonos; máis da terceira parte da Asemblea Xeral das Nacións Unidas pertence á OIF; o 19% do comercio mundial realízase nestes países.

Subliñamos a presenza na OIF de Cabo Verde e Guiné-Bissau como membros plenos e de Mozambique como membro observador. Este último ten tamén a particularidade de pertencer á Commonwealt, sendo o único estado desta organización que non tivo nunca dependencia ou lazos políticos ou administrativos co Imperio Británico.

A CPLP iniciou de seguido o camiño da integración de países que non pertencen á area lingüística lusófona, posibilidade que ven recollida no artigo 7 dos seus estatutos:

"...Poderá ser atribuída a categoria de Observador Associado:

1. Aos Estados que, embora não reunindo as condições necessárias para ser membros de pleno direito da CPLP, partilhem os respectivos princípios orientadores, designadamente no que se refere à promoção das práticas democráticas, à boa governação e ao respeito dos direitos humanos, e prossigam através dos seus programas de governo objectivos idênticos aos da Organização;

2. Às organizações internacionais, universais ou regionais, aos organismos intergovernamentais e às entidades territoriais dotadas de órgãos de administração autónomos que partilhem os princípios orientadores e os objectivos da CPLP nos termos referidos na alínea anterior;

En 1998 en Praia (Cabo Verde) elaborouse un primeiro Estatuto do Observador Asociado no que se definiron "as condições de atribuição, manutenção e funcionamento da categoria de Observador Associado da Comunidade dos Países de Língua Portuguesa (CPLP)" . Sometido a varias modificacións, recibiu unha redacción definitiva na VIII Conferencia de Xefes de Estado e de Goberno da CPLP celebrada en Luanda, 23 de xullo de 2010  

Guinea Ecuatorial e a República da Illa Mauricio en 2006 e o Senegal en 2008, foron os tres primeiros estados que se acolleron á posibilidade de se converteren en Membros Observadores Asociados da CPLP. Desde entón, moitos outros países non lusófonos mostraron tamén o seu interese en formar parte dela.

Na xa citada VIII Conferencia de Xefes de Estado e de Goberno, adoptáronse varias resolucións ao respecto. Así, "tomouse nota" da petición de Marrocos, Ucraína e Suazilandia para converterse en membros observadores asociados, petición que será examinadas á luz do novo Regulamento. A respecto de Illa Mauricio e do Senegal, xa membros asociados, os Xefes de Estado e de Goberno expresaron a súa vontade de intensificar os "esforzos de aproximación" en especial no que atinxe ao ensino e difusión da lingua portuguesa.

Especialmente conflitivo é o caso da Guinea Ecuatorial. Primeiro membro observador asociado, presentou unha solicitude formal de pasar a ser considerado membro de pleno dereito, petición publicamente apoiada por Brasil e Timor Leste.  Esta petición desencadeou en Portugal un forte debate político e mediático por mor das características ditatoriais e sanguinarias do Goberno de Malabo que, en concordancia cos obxectivos declarados nos estatutos da CPLP  nunca debera ter sido admitido como membro observador e, moito menos, membro de pleno dereito.

A admisión de Guinea Ecuatorial suporía para o seu Goberno unha lexitimación internacional da que está ben necesitada, amais de reforzar as últimas aproximacións do Estado Español "orientadas (segundo o exministro Moratinos)   por un san pragmatismo". A cambio, a CPLP incrementaría aínda máis o seu carácter de "potencia" enerxética ao sumar os moi ricos xacementos petrolíferos guineanos aos xa de por si abundantes de Angola, Brasil, Sao Tomé e Timor.

Finalmente, a decisión tomada pasou por :

"...abrir negociações relativas ao processo de adesão conforme às normas estatutárias da CPLP;  nesse sentido, mandataram a Presidência em exercício e o Secretariado Executivo da CPLP para elaborar um Programa de apoio às reformas a concretizar pela Guiné Equatorial para dar pleno cumprimento às disposições estatutárias da CPLP, particularmente no que respeita à adopção e utilização efectiva da Língua Portuguesa;

Convidam a Presidência em exercício a elaborar um relatório de avaliação dos progressos realizados pela Guiné Equatorial, que será apreciado na próxima Reunião Ministerial e submetido aos Chefes de Estado."

Unha decisión que non concede de inmediato o status solicitado, pero que con rebuscada  linguaxe diplomática evita condenar ao réxime guineano e deixa as portas abertas  a unha futura incorporación.

As cláusulas estatutarias permiten a pertenza á CPLP "às entidades territoriais dotadas de órgãos de administração autónomos que partilhem os princípios orientadores e os objectivos da CPLP". É evidente que Galiza podería e -segundo o meu entender- debería dar os pasos conducentes a adquirir a condición de membro observador asociado.  

Unha petición neste sentido foi presentada durante o Goberno Bipartito, nunha iniciativa que mais pareceu de carácter voluntarista que institucional.  Desde entón nin se insistiu na petición nin, que se saiba, o goberno español deu o seu asentimento -condición necesaria por esixírllela a CPLP aos territorios non independentes.


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña