01:50 Xoves, 01 de Decembro de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

24-10-2010

A única batalla perdida é a que non se dá

Concrecións e estratexias

Valorar (9)

IRIA TAIBO CORSANEGO



A concesión do Premio Otero Pedraio a Manuel Fraga Iribarne é unha nova falta de respecto dos sectores máis reaccionarios do país ante a cultura propia

Claramente, esta decisión ten moito que ver coa política e coa estratexia deste goberno e do Partido Popular para apropiarse de todo o que nos singulariza como pobo, dando ademais a volta ao significado de símbolos tan importantes como a nosa lingua propia.

Igualmente, nos pasados días o cuestionamento da toponimia oficial galega por parte de académicos da lingua española consigue sacar á palestra ese debate, que estaba máis que pechado para a maior parte da sociedade galega.

A cuestión é que precisamente esa é a estratexia do goberno galego: retirar o significado dos símbolos da nosa cultura e facernos dubidar sobre a pertinencia de reclamarmos por eles. Tal é o nivel de agresividade que todas as semanas coñecemos novas medidas, unhas de maior alcance e outras con menos percorrido, en contra da nosa cultura.

A reacción ante estas agresións é o que nos debería preocupar, en vista de que é difícil modificar o rumbo antigalego desta Xunta. Esta proliferación de medidas destinadas a restrinxir a presenza do galego parecen estar deseñadas co obxectivo de provocar un cansazo infinito entre os sectores que máis abertamente defenden a cultura e a lingua galega.

Así, temos a aprobación do decretazo, que nos afecta a todos (nais e pais, profesorado, estudantes e a toda a sociedade galega); a desaparición de medios de comunicación en galego en parte por falta de apoio público real para o noso idioma; a persecución de persoas e colectivos que traballan pola normalización da nosa lingua; os importantes retrocesos no uso do galego na administración; o cuestionamento da utilidade de investir diñeiro público en normalización lingüística, etc. Todo isto en apenas uns meses.

Ante estes cambios, a sociedade galega reaccionou, seguramente de forma non agardada polos ideólogos desta estratexia de falso bilingüismo, de xeitos diferentes e moi enérxicos. As mobilizacións dos últimos meses e a aparición de novos colectivos con novas estratexias constitúen unha importante inxección de enerxía.

Porén, non parece posíbel mantermos o mesmo nivel de intensidade reivindicativa durante toda unha lexislatura, en vista de que a actitude do goberno en contra da nosa cultura e lingua parece que se vai manter ou mesmo incrementar.

Así, seguramente sexa este un bo momento para reflexionarmos sobre cal debe ser a estratexia para combater a outra, a ideada para eliminar a protección para o galego e destruír os logros destes últimos anos.

En relación con iso, xa hai dúas visións diferentes sobre esa posíbel estratexia. Por unha banda hai unha liña máis dura e reivindicativa, que pode ser considerada como excesivamente derrotista, mentres que hai quen aposta por unha actitude máis amábel, que pode ser acusada de facer concesións innecesarias tentando evitar o conflito.

É verdade que non é humanamente posíbel manter unha posición eternamente combativa, sempre ao máximo nivel, no individual e no colectivo. Resultaría frustrante para calquera, ademais de que pode acabar creando a sensación de que non hai avances. En definitiva, seguramente aquí o importante é sabermos modular a mensaxe en función da importancia do obxectivo, tentando non perder nunca a perspectiva.

Porén, a segunda destas visións propón agardarmos un momento máis favorábel para dar determinadas batallas. Unha carta recibida nestes días na Mesa incluía unha frase que penso que é moi acaída para esta situación: a única batalla perdida é a que non se dá. No momento en que decidimos adiar unha desas loitas, é posíbel que máis que deixala para un momento mellor esteamos pechándoa definitivamente. Ademais, a proposta de tentar aparentar tranquilidade ten o obxectivo de non asustar a ninguén, para non afastar os sectores menos dispostos ao activismo. De seguirmos esa estratexia é posíbel que esteamos esquecendo que ese "ninguén" que non queremos asustar seguramente acollería con desagrado calquera tentativa minimamente clara en defensa do idioma propio.

En canto ás estratexias e as súas verdadeiras motivacións, xúrdeme unha dúbida en relación coa concesión do Premio a Manuel Fraga e as reaccións ou falta delas que poida causar: Se o fallo do Otero Pedraio entra en conflito cos valores que o premio representa, deberiamos evitar a confrontación por considerar que é un tema menor ou pola contra é a nosa responsabilidade como galegos e galegas pór en valor a nosa cultura e a importancia dos nosos símbolos?


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña