01:54 Domingo, 29 de Novembro de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

22-10-2010

Por unha lectura desprexuizada de Álvaro Cunqueiro

De Mondoñedo a Elsinor

Valorar (6)

MANUEL LÓPEZ FOXO


Ilustración do "Mago Merlín" (Personaxe da obra de Cunqueiro)


Se nos adentramos na obra de Álvaro Cunqueiro completamente libres de prexuízos ideolóxicos e literarios -e vai sendo hora de que o fagamos así- atoparemos un escritor verdadeiramente xenial, na poesía, na prosa e no teatro. Non hai na nosa literatura, nin antes nin despois do mindoniense, un autor coa súa capacidade fabuladora. Ninguén o superou na maxia e na marabilla da palabra.

Consciente de que os soños son unha parte esencial do ser humano, de que incluso en moitas persoas as horas máis felices son as do soño, e dotado el desde moi neno para a fabulación, Cunqueiro dedicou toda a súa obra ao xogo da imaxinación, mais non por ser o seu propósito nun determinado momento da súa vida elaborar unha literatura de evasión, senón porque a fantasía e o humor era o seu universo máis íntimo, máis seu,  e porque no fondo el foi desde os seus tempos mozos unha persoa cunha concepción idealista da realidade, que entendía a vida como un soño gozoso ao que non se podía nin debía renunciar. Iso explica, por exemplo, que tantas veces falara con absoluta naturalidade con amigos, xornalistas ou editores de fermosos títulos de libros que disque tiña moi avanzados, rematados ou mesmo no prelo e que en realidade só existían na súa imaxinación. E é moi probábel que a fabulación fora tamén a súa maneira máis persoal de resistir como ser humano fronte á escuridade e á miseria intelectual do seu tempo.

Cunqueiro non podía vivir sen cultivar o territorio do soño. E, certamente, atopou no realismo máxico un mar aberto para a súa fantasía desbordante. Desde o seu regreso a Mondoñedo en 1947, despois de que Juan Aparicio lle retirara o carné de xornalista, alonxado xa da exaltación do franquismo, invadido por un sentimento de fracaso, polo desánimo, a soidade e a preguiza, e tras o emocionado reencontro cos vellos amigos galeguistas como Francisco Fernández del Riego, Cunqueiro inicia unha fecundísima etapa como escritor en lingua galega, á marxe das correntes literarias do seu tempo, sempre apoiado, iso si, polo piñeirismo, que non era pouco. Xusto no momento no que nace a "nova narrativa galega" con Gonzalo Rodríguez Mourullo, Xosé Luís Méndez  Ferrín e o malogrado Xohán Casal, baixo a influencia  de autores como Kafka, Joyce ou Faulkner, Álvaro Cunqueiro refúxiase nun cuarto do faiado da súa casa, na praza da Catedral, e cunha vella máquina de escribir instálase nos tempos antigos, nos temas fantásticos, no amor cortés, na temática da literatura románica, no lirismo... E así  van nacendo, entre o recendo das mazás e das peras que estende polo chan, as súas prosas, o seu teatro e os seus novos poemas en galego. Fronte á realidade política e social deses anos, que seguramente tampouco a el lle agrada, Cunqueiro crea un mundo fantástico con raíces profundas no seu universo de Mondoñedo.

Efectivamente, as vivencias de Álvaro Cunqueiro no seu Mondoñedo natal e as diversas lecturas que el realiza á marxe de programas académicos están na base da súa obra literaria. Cunqueiro nace á literatura antes de escribir o primeiro poema ou o primeiro relato. Na súa mente viven xa desde neno personaxes, mundos máxicos e fantasías que logo poboarán todos os seus libros. No plano estritamente  vivencial non podemos ignorar que Álvaro Cunqueiro nace e medra nun ambiente rural, nun tempo onde o fillo do boticario vai ás festas de Riotorto a cabalo dun burro e atravesando fragas que o fascinan, nunha cidade propensa á  fantasía, onde aínda se celebran as feiras das San Lucas como na Idade Media, nunha vila na que viven xentes de todos os oficios tradicionais e na que o futuro escritor descubre mundos máxicos na botica do pai ou escoitándolle á nai historias, cancións e romances, nun Mondoñedo no que o fascina tamén un personaxe como O Pallarego,  que rexenta unha barbería na que se fala de todo o divino e o humano e na que o pequeno Alvariño se sente plenamente feliz. Nese universo nace o noso grande escritor mindoniense. Aí están as raíces máis profundas da súa obra e da súa personalidade.

E logo, naturalmente, están as lecturas. Aos oito anos le a Verne e a Víctor Hugo, e veñen logo Dickens, Dante, Homero, Balzac, Shakespeare, Rilke, Stevenson, Alberti, Lorca, Rosalía, Gonzalo de Berceo, Manuel Antonio, Vicente Risco, Paul Éluard, Valle-Inclán, Villon, os nosos cancioneiros medievais... Lecturas e lecturas que o marabillan e que, tempo despois, cando a vocación de escritor se apodera del, el mesmo transforma, moitas veces, en novos textos, conservando só o recendo dos textos lidos por el anteriormente nos anos de estudante en Mondoñedo, en Lugo ou en Compostela.  Méndez Ferrín, que sempre tivo unha profunda devoción por Cunqueiro, ten escrito que el non coñeceu na súa vida a ninguén que tivese uns coñecementos tan universais da poesía nin que fose capaz de incorporar á súa propia poesía tal cúmulo doutros textos que el lía en castelán, en italiano, en francés, en inglés e mesmo en alemán. E tamén, cando Cunqueiro traducía ou citaba de memoria a outros autores, incorporaba imaxes, palabras e versos seus aos textos orixinais transformando así o poema ou a cita de Dante ou de Paul Éluard nun novo texto. Así era Álvaro Cunqueiro: xenial na literatura, a súa mente un xardín de fantasía e unha fonte inesgotábel de cordialidade e xenerosidade o seu corazón.

Poeta monolingüe até a Guerra Civil (Mar ao norde, Cantiga nova que se chama riveira e Poemas do si e non); escritor de novo en galego nos anos cincuenta, cando había que restaurar e prestixiar o noso idioma para que o galego vivira mil primaveras máis (Dona do corpo delgado, Merlín e familia, As crónicas do Sochantre, O incerto señor don Hamlet, Príncipe de Dinamarca, Escola de menciñeiros e Si o vello Sinbad volvese ás illas); cultivador, no seu estilo, dun certo realismo social cando escribe dos menciñeiros, da Xente de aquí e de acolá ou de Os outros feirantes; poeta que aínda nos deslumbra nos anos finais da súa existencia cos versos de Herba aquí e acolá, tal vez os seus máis belos poemas, entre os que están, sen dúbida ningunha, algúns dos mellores poemas da nosa literatura; e si, tamén escritor bilingüe en varias etapas da súa vida, mais proclamando que unha persoa nunca era verdadeiramente bilingüe, porque sempre había un idioma no fondo, o idioma da infancia, da vivencia máis íntima e da emoción. Esas foron as palabras que eu lle escoitei nunha súa conferencia en Ferrol á que eu asistín aos meus dezasete anos. Desde entón son lector apaixonado de Álvaro Cunqueiro. Aínda lembro cando descubrín a súa poesía naquel primeiro volume da súa Obra en Galego Completa. Viaxei moi feliz aquela tarde de Ferrol a Ortigueira no tren da Costa, marabillado co niño novo do vento, coa dama que ía no branco cabalo, co cabaleiro da pruma na gorra e coas señoras donas pintadas no ouso do Vilar: "De todos os amores o voso amor escollo:/ Miñas donas Giocondas, en vós ollo/ todas as damas que foron no país,/ unhas brancas camelias, outras flores de lis". Xa nunca eu esquecería aquel gozo tan grande de ler versos como "Alma miña, coma no concerto de Vivaldi / con violino principale e altro violino per eco...".  Ou "Ese vento de seda é o tempo que pasa". Aínda que só fora por este único e brevísimo verso hai que ler a don Álvaro Cunqueiro. Quen de verdade ame a poesía non pode renunciar a tan alto pracer.

Cunqueiro vai facer posíbel, así mesmo, que no verán de 1959 se poida representar nada menos que no Teatro Colón da Coruña unha obra en lingua galega, o seu Don Hamlet, con asistencia das principias figuras da cultura galega, desde don Ramón Otero Pedrayo a un moi mozo Francisco Pillado Maior, e, por certo, despois de grandes atrancos da censura, que se inician cunha coñecida exclamación de Serrano Castilla ao ver o texto teatral: "Voy a llevar a Don Hamlet al paredón", como nos lembrará décadas máis tarde o poeta Avilés de Taramancos ao facer memoria dese emocionante acto histórico,  acto que remata coa xente en pé e co canto, por primeira vez en público despois da Guerra Civil, do Himno Galego. Velaí tamén a Cunqueiro, comprometido de novo co galeguismo, coa súa lingua e co seu país, abríndonos unha porta ao albor en plena longa noite de pedra.

A época da camisa azul, os anos da Falanxe, o poema a José Antonio, o seu feroz antimarxismo e outras historias que todos coñecemos non poden opacar a brillante prosa, as magníficas obras de teatro e o altísimo canto lírico do escritor mindoniense. E eu debo confesar que podería escribir un longo artigo sobre Cunqueiro en Ortigueira nos anos 1936-37, aquel fugaz momento da súa vida no que tivo tempo para impartir leccións de francés e latín no Colexio "Santa Marta", para dirixir Era Azul e exercer o cargo de  xefe de Prensa e Propaganda da Falanxe, para ser actor no meu amado Teatro de Beneficencia, pronunciar conferencias e conquistar o corazón dunha moza da vila que logo abandonaría aproveitando unha chamada de Jesús Suevos para incorporarse en Vigo á redacción de El Pueblo Gallego, e podería falar con detalle e anécdotas de todo iso porque xa falei desta historia antes de que algunha biografía e outros libros nos ilustrasen sobre o tema. Mais o que a min me interesa aquí e agora como lector de literatura galega é a obra espléndida de Álvaro Cunqueiro, non as sombras da biografía daquel home alto, xeneroso e falangueiro que sen renunciar nunca ao optimismo e ao soño levou sempre -estou seguro diso- unha certa tristeza no seu interior.


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña