17:55 Martes, 23 de Abril de 2019
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

28-02-2010

Para poder cambiar o camiño tan ben diseñado polo capital, é preciso coñecer que outro xeito de producir é posible

Sustentabilidade, unha opción para a Consellería?

Valorar (11)

IRIA VILLAR RODAL


Corte abandonada


A crise de prezos á que se enfronta a agricultura e gandeiría deste pais, non é de agora. É unha consecuencia do sistema productivo potenciado polas políticas europeas, no que o importante era a produción. Para ser competititivos en Europa, dicían, temos que producir máis e máis barato. Pero pouco a pouco os productores e productoras do pais, ven como este sistema os volve máis dependentes e vulnerables. Os consumidores e consumidoras estan a recobrar a necesidade de consumir alimentos producidos baixo sistemas máis respectuosos tanto dende un punto de vista medioambiental coma social. Por suposto, este sistema "competitivo" é moi viable para as grandes industrias agroalimentarias, para as multinacionais dos agroquimicos, e por suposto para a grande distribución.

Para poder cambiar este camiño tan ben diseñado polo capital, é preciso coñecer que outro xeito de producir é posible. Un modelo, no que non prime a produción por riba de todo, senón unha produción equilibrada, menos dependente de insumos externos, que manteña o entorno. Para acadar este modelo é básico un factor de produción co que contamos, ainda que con deficiencias estructurais.

A TERRA

En galiza contamos con superficie agraria multiparcelada, e en moitos casos abandonada. As explotacións gandeiras galegas polo xeral contan con parcelas pequenas, alonxadas unhas de outras, o que imposibilita a utilización eficiente da terra, sendo a utilización máis eficiente o aproveitamento en base ao pastoreo.

O abandono de terras de cultivo e o bloqueo no mercado das mesmas fai que as parcelas abandonadas non poidan ser aproveitadas polas explotacións que ainda se manteñen.

Como resposta a estes problemas de distribución da terra naceu, coa anterior consellería, o Banco de Terras de Galiza. O que se busca é mobilizar as terras improductivas e poder ofrecer un mellor dimensionamento territorial das explotacións, ademais da posta en valor das terras con vocación agraria. Este instrumento, dende a chegada da nova consellería liderada por Samuel Juarez, está paralizado. Non semella interesarlle a esta consellería explotacións ben dimensionadas, nin loitar dun xeito racional contra os incendios forestais. Tampouco parece importante facilitar o acceso á terra ás persoas mozas que queren incorporarse á agricultura. En resumo, o obxetivo deste primeiro ano parece ser desfacer o camiño marcado para acadar a sostibilidade das explotacións. Neste camiño tamén atopamos un instrumento para favorecer o cambio, o Contrato de Expltoación Sustentable.

CES

O contrato de explotación sustentable nace no ano 2008 co fin de axudar económicamente ás explotacións que decidan dirirxir o seu modelo productivo cara sistemas máis sustentables de produción. Así, as explotacións perciben unha prima por basear a alimentación do gando en base a forraxes producidas na explotación ben co pastoreo ou co aproveitamento mediante sega, e reducir o consumo de piensos. Nas producións agrarias, prímase a redución en fitosanitarios e adubos de síntese. Prímanse as producións en base a razas autóctonas e variedades en risco de erosión xenética,  e o apoio a agricultura e á gandeiría ecolóxica. Este instrumento tamén ofrece a posibilidade de que as explotacións conten con asesoramento técnico integral. Coa chegada do novo goberno, este pareceu ser outro instrumento a eliminar. Cambios na interpretación da orde, reducións nas axudas, oscurantismo na información aos productores e productoras, e en moitos casos "anulación" de axudas aprobadas e notificadas. Parece ser que o obxetivo da nova consellería é apartar o CES, e a única forma que teñen de facelo é pola técnica do aburrimento e disuasión, xa que estas axudas non poden eliminalas por estar recollidas no programa de desenvolvemento rural.

Estes dous exemplos non son os únicos, temos máis. A axuda de razas autóctonas en extensivo, queda pechada a novas solicitudes; a indemnización compensatoria de zona desfavorecida e de montaña, a cal favorece a actividade agrogandeira en zonas con dificultades para a produción, aplícanlle neste ano reducións; as axudas para paliar os danos producidos polo xabarín non se pagan e o teléfono de aviso de danos está inoperativo... temos moitos datos xa para comprender que as producións sustentables non son unha opción para a consellería do medio rural.

Para o mantemento do noso sector productivo, achéganse tempos de loita e cambios e debemos esixir políticas efectivas para acadar unhas rendas dignas para productores e productoras, un manexo racional da nosa terra, e unha produción de alimentos sans e de calidade.


[03-03-2010 ] MEDIOS comentou:

Coincido contigo; Iria na meirande parte da túa análise. Pero creo que vai sendo hora de camiñar cara a explotación sustentabeis, pero non so ecolóxicamente, senón económicamente. Nunha das zonas de meirande producción leiteira da provincia de lugo, o banco de terras apenas sí deu bos resultados, debido á enorme demanda é a escasísima oferta de terras para alugar. Esta zona coincide tamén, con unha zona de explotacións ultraintensivas, onde a meirande parte das explotacións apenas teñen terra suficiente adscrita as súas gandeirías para poveelas de forraxes. O tema é ben complexo, coincido plenamente na túa crítica ao actual modelo productivo. Pero ¿Como cambiar este modelo, con unha administración que pecha o grifo das axudas, sen que isto supoña unha traumática reconversión para aquelas explotacións que agora mesmo funcionan con eses parámetros?

[28-02-2010 ] Lois Foucellas comentou:

Entramentas, gastandose cartos en programas tipo Froita Escolar (cun alto investimento e minima acollida) ou convertendo a Conselleria , en palabras dun militante do PP, no camarote dos Irmans Marx.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña