13:25 Mércores, 10 de Agosto de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

20-10-2010

Observamos como diante de catástrofes naturais observamos a presenza militar como xustificante do negocio bélico

A (Des) militarización da sociedade

Valorar (7)

XURXO ÁLVAREZ PÉREZ



Na década dos 90, tocounos vivir unha loita contra a incorporación forzosa ao exército, moitas eran as razóns e había debates profundos, pero o que non deu nunca lugar a discusión era o que representaba a nivel ideolóxico, o militarismo como dogma de fe, era a castración do pensamento individual e colectivo, era o "mando y ordeno".

As cousas "mudaron" en parte, xa non obrigan pola forza a incorporarse a filas, aínda que moitos fillos/as de traballadores/as nunha época de crise como estamos atravesando teñen necesidade (obriga) de alistarse no exercito ou a Garda Civil (na vida militar), polo que foi un éxito a medias.

O militarismo segue cravado no pensamento dos dirixentes /gobernantes, e así observamos como diante de catástrofes naturais (terremotos, inundacións) xa observamos presenza militar como xustificante do negocio bélico (pistolas, fusiles, tanques,...) nunca ou escasamente comida, material médico e diñeiro para a reconstrucción das zonas devastadas.

A pregunta é, porque se xustifica o gasto militar en detrimento doutras opcións como é a Protección Civil? Para min está claro canto menos te deixen opinar mellor, unha persoa civil, di, ou pode dicir o que pensa, un militar non (e obriga acatar o "mando y ordeno").

Un exemplo aconteceu no remate do incendio de Laza este verán, coa "clausura" da Ministra de Defensa, acompañada por militares e tropa, con grande despregue mediático fixo acto de presenza o militarismo, e insisto no de "acto de presenza", dado que non participaron na extinción das lapas en ningún momento (disque non é o seu cometido), pero as medallas de rematar co lume foron para o exercito, e tanto o goberno central (PSOE) como o da Xunta (PP) minusvaloraron o traballo das brigadas de extinción, que si se partiron o peito para aplacar o lume.

Actos coma este veñen a tentar de xustificar a inversión económica nos corpos de carácter militar en detrimento dos servicios de carácter civil, cousa que o pensamento españolista  non está disposto a mudar, pero si o nacionalismo.

Cando na Galiza baixo goberno nacionalista na Consellaría de Medio Rural puxéronse en práctica métodos e mecanismos para combater o lume, métodos de carácter civil (insisto), o primeiro que gusto de citar e o voluntariado en defensa do noso monte coa creación de 100 agrupacións de vixilancia forestal vinculadas aos propietarios forestais, implicándose a máis de 1.200 persoas ademais do voluntariado do monte que coordinaba a outras 3.000 persoas, onde aparte de colaboración creábase conciencia do noso e sensibilidade polo problema do lume.

En segundo lugar, as brigadas de investigación forestal (BIF) feitas con funcionarios da administación (civil), profesionais todos/as  eles/as que fixeron un traballo notábel, incrementándose en máis dun 300% as detencións de pirómanos e ao mesmo tempo analizando os porqués do lume. Ou sexa, na práctica a involucración da sociedade civil no problema e concienciar á xente ten os seus froitos, pero hai quen pensa diferente: o PP, desmantelando o voluntariado e as BIF pásanlle a responsabilidade novamente a un corpo militar, a Garda Civil.

Voltamos ao pasado, hai que xustificar o innecesario, en detrimento da participación civil, e por este camiño non imos mal...


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña