18:11 Luns, 01 de Xuño de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

28-02-2010

Deputados do PP búrlanse do noso sinal de identidade

Desprezo polo idioma, desprezo polo país

Valorar (10)

PAZ ABRAIRA SOBRADO



As actitudes de desprezo merecen a crítica aberta. Eu non estaba presente no Parlamento cando o Sr. Pedro Arias, deputado do PP, dixo que ía intervir en galego por "deferencia cara ao grupo nacionalista", para inmediatamente continuar en castelán. Unha clara provocación que tivo a súa xusta resposta no abandono do hemiciclo por parte dos deputados e deputadas do BNG.

O Sr. Arias fixo isto na mesma semana en que o Parlamento aprobou, por unanimidade e a iniciativa do BNG, unha resolución para que todos os cargos de goberno e representantes institucionais empreguen de maneira habitual nas institucións e nas súas intervencións públicas o galego.

Tamén esta semana tivemos que escoitar como a voceira dun partido estatal, UPyD, Rosa Díez, utilizaba expresamente o termo galego cunha intencionada acepción negativa e pexorativa, para minusvalorar o presidente do goberno do Estado.

Está claro que queda moito que facer. Está claro que o noso país non se percibe como tal por moita xente, entre ela os representantes dos partidos estatais, que non consideraron a afirmación da Sra. Rosa Díez como unha ofensa a un país.

Mentalidade españolizadora

O acontecido esta semana é unha mostra evidente do ben que funciona a mentalidade españolizadora, introducida durante séculos na nosa sociedade. Hai quen escoita sen inmutarse insultos, mentiras e enganos sobre o noso país e sobre a nosa realidade, porque a imposición é tan forte que non son conscientes de que é imposición.

Levamos tantos anos tendo que escoitar que nos repitan que somos un país subsidiado, un país sen capacidade produtiva, un país de xente triste, onde sempre chove, onde falamos mal,... que hai quen pensa que é verdade.

Levantarnos contra as mentiras

Menos mal que hai xente de ben, xente humilde, traballadora, xente normal, de vilas, cidades, parroquias e aldeas, que acredita neste país, que pensa que este é o mellor dos sitios para vivir, para traballar, para estudar, para disfrutar e tamén para, cando chegue o momento, morrer. Porque os nosos sinais de identidade están aí, en moitos casos agochados no máis profundo, pero están.

Temos que sacalos á luz e facelo con orgullo. E cando sexa necesario tamén con rabia. Porque non podemos deixar que nos arrebaten o que somos: galegos e galegas con orgullo, con dignidade.

Ante o desprezo que os partidos estatais mostran polo noso idioma, polo nosos país, temos que reaxir. Porque se non o facemos imos perder a dignidade, e iso é o último que pode perder un pobo. Porque a dignidade é a que nos fai loitar cada día por ter un novo Estatuto de Nación, por non perder as nosas caixas, por non permitir que liquiden o galego, por defender o sector lácteo, pola igualdade entre homes e mulleres,...

A dignidade fainos diferentes á Sra. Rosa Diez e ao Sr. Pedro Arias. Por iso non podemos perdela, porque non queremos ser coma eles: colonizadora ela, colonizado el.


[01-03-2010 ] Xosé Augusto Gonzalez Navarro comentou:

Estou na Arxentina, e teño moita familia na Galiza, estou moi satisfeito con a paxina esta moi ben feita, as fotos da Patagonia do meu país emocionáronme, moitas grazas irmans, unha forte aperta dende a quinta provincia galega; BOA AIRES. Referente ao idioma, ni un paso atras!!!!!
Ata loguiño é moitas grazas de novo!!!! XOSÉ

[28-02-2010 ] Tasia comentou:

Síntoo moito pero a descrición que fas do noso país paréceme tan estereotipada e paternalista como a que fan outros/as. Seguro que se pode facer algo mellor porque, quen di quen é a "xente normal"? Rajoy fala moitas veces da "xente normal" pero seguro que non vos referides ao mesmo.
Por outra banda, meter no mesmo saco a igualdade entre homes e mulleres paréceme un pouco fóra de lugar, non cres?

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña