07:30 Venres, 30 de Setembro de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

14-10-2010

Aséntase o monopolio dunha interpretación falseada da Historia, ignorante das nacións e sublimadora do Estado

A invención de España

Valorar (81)

ANSELMO LÓPEZ CARREIRA



Se a invención da Idade Media comportou unha serie de prexuízos sobre todo ese período de mil anos e constitúe hoxe un obstáculo para comprendermos a historia de Europa en xeral, a invención de España afecta de maneira directa e distorsionadora a historia de Galicia; en maior medida que a calquera outra nación peninsular (incluíndo Portugal).

Certamente, o nome de "España" (escríbase como se queira, en calquera das variantes gráficas que coñeceu ao longo do tempo) é moi antigo; pero en cambio é moi nova a carga semántica con que hoxe se utiliza.

Dise que ese nome o inventaron os fenicios, hai cousa de tres mil anos. Non vén ao caso entrar no seu significado etimolóxico. O que agora importa é saber que tiña un valor estritamente xeográfico, aplicado ademais en exclusiva á estreita zona costeira sur-oriental que eles frecuentaban. Sería anacrónico pensar en ningún outro valor, nin humano ou cultural nin -moito menos- político, pois eles ben podían ver que desde estas perspectivas as xentes que habitaban na Península nada tiñan en común; eran diferentes cando non antagónicas.

Esta forma de percibir a realidade peninsular vaise manter durante milenios. Entre os séculos III a.C. e I d.C. os romanos teñen ocasión de confirmar a configuración peninsular, e mesmo a cartografían con notable exactitude (faino Tolomeo no séc. II). "Hispania" é o nome con que definitivamente se designa esta península. Non se trata de ningunha entidade nacional, nin tan sequera política, senón dun territorio xeográfico, equivalente exacto do que hoxe chamamos "Península Ibérica", da mesma maneira que, por exemplo, falamos de Escandinavia ou de Balcáns, atribuíndolle aos que alí viven unha vecindade territorial, mais nunca nacional nin política. De aí que os romanos non houbesen constituído nunca unha provincia de Hispania, que nunca existiu; é un puro ideoloxema historicista.

Esta concepción establecida por Roma vai manter a súa vixencia a través de toda a Idade Media e boa parte do Antigo Réxime, aínda que tanto os visigodos (sécs. VI-VII) como os musulmáns andalusíes (VIII-XIII) cheguen a denominar "España" o seu territorio exclusivo, precisamente para diferencialo dunha Galicia con personalidade política propia.

Por iso, ao estar o concepto exento doutra carga máis alá da xeográfica, permitía que todos os reinos existentes dentro dos seus límites se considerasen cartograficamente situados en España. A unión dinástica de Isabel e Fernando (finais do séc. XV) non comportou a anulación dos ditos reinos (non se titulaban "reis de España", senón "de Castela, de Léon, de Galicia, de Toledo, etc."), e por ese mesmo motivo non había ningunha razón para que Portugal, aínda non participando da unión, tivese que renegar da súa inclusión nunha península chamada "España", situación que ademais se vería reforzada cando, en 1580, Felipe II accedeu tamén ao trono portugués. Nese momento, efectivamente, todo o territorio xeográfico peninsular coincide cunha única entidade política, e os monarcas podían titularse con razón "reis das Españas".

A ruptura conceptual debeu producirse en torno a 1640, cando Portugal de novo se independiza. Desde ese momento deixou de formar parte desas "Españas" políticas, arrastrando consigo o concepto xeográfico de "España", invalidado desde o momento en que foi acaparado polos Habsburgo e os seus sucesores de Borbón.

O paso definitivo na fixación política do termo, no que España se identificará como un Estado-nación, consúmase ao longo do séc. XIX, paralelamente á formación do actual Estado liberal de modelo centralista francés (xacobino). O autor norteamericano Inman Fox (La invención de España, 1997) explicouno de maneira clarificadora (e nesta ocasión foi a el a quen lle tomei o título para este artigo). Resumindo: despoxado do vello e delongado valor de indicador xeográfico, o concepto de España que hoxe manexamos é un invento decimonónico, mediante o cal o Estado Español quere presentarse, non como a convencionalidade política (sempre fráxil e cambiante) que en realidade é, senón como unha Nación (histórica e resistente). Pretende impoñer vínculos indisolubles entre os seus cidadáns, de carácter orgánico e sacralizado, á marxe da racionalidade e sen opción á discrepancia, porque supostamente virían avalados por unha unidade miticamente tecida ao longo de milenios.

Mais para iso é imprescindible disolver toda sociabilidade alternativa, a que verdadeiramente identifica as nacións que compoñen o Estado plurinacional. Compre asentar o monopolio dunha interpretación falseada da Historia, ignorante das nacións e sublimadora do Estado. É a ideoloxía historicista.

¿Que nación será a primeira en sucumbir?: aquela que non poida escribir e ensinar a súa Historia.


[02-11-2011 17:05] Marcos comentou:

Roberto, para respostar a algunhas preguntas desas don Anselmo publicou dous libros: Os Reis de Galicia e O Reino Medieval de Galicia: contribución a unha historia política, ámbo-los dous de A Nosa Terra Edicións.

Os profesores de instituo, e mesmo os mestres de Primaria (entre os que me inclúo) deberiamos esquence-los libros de texto que transmiten <> e construír as nosas programacións a partir da rigorosidade historiográfica dunha bibliografía ben seleccionada.

[16-10-2010 17:27] Roberto López (Cerdido) comentou:

Hai uns días que mercamos os libros de texto de 2º de bacharelato para a miña filla máis nova. Ao rebisar o de historia, que se titula "Historia de España", atopeime cun texto no que ainda que pretende dar unha visión da historia vista dende Galiza, o certo é que pareceume unha especie de tradución literal dun texto escrito dende Madrid.
Digo isto porque, por exemplo, contémplase o comezo da historia a partir da invasión romana, sei ca antes non habia nada. Di do Priscilianismo que unha das súas caracteristicas principais foi ter un caracter anti-social. Nomea o Reino Suevo, para centrarse no Reino de Asturias como alicerce da reconquista. Sei que Galiza ficou case que na súa totalidade ocupada polo islam. Pasa tan de resfilón polos reis que un non sabe quen é fillo de quen, de que reino é rei, ou porque sendo parentes directos teñen distintos apelidos. Ocupalle moito máis espazo aos reinos musulmáns, iso si deixando ben claro que eran "reinos de Taifas"(con certo ton despectivo).
Será desconfianza, pero parece, que non interesa moito aclarar a historia do Reino de Galiza, e da evolución da reconquista, e da orde cronoloxica da creación de cada reino. E da súa importancia e peso político a cada momento historico,etc,etc.
Coido que cumpriría ter(por exemplo no Terra e Tempo) un espazo adicado especialmente a cumprimentarnos pormenorizadamente cunha visión propria e cientifica(nacionalista) da historia de Galiza, dende o principio dos tempos a hoxe, quen vivia eiqui antes dos romanos?, podémolos chamar galegos? que lingua falaban?, tiña algo que ver co Gaélico?, que quedou no Galego daquela lingua?, como se relacionaban cos outros povos da súa contorna peninsular e europea?, cal foi o estatus da Gallaecia romana respecto do Imperio e dos outros povos da peninsula?, cais foron os reis do Reino de Galiza?, cal foi o papel dos galegos na reconquista?, até cando esistiu como tal o Reino de Galiza?, ......., son moitas as perguntas das que non é doado atopar respostas e que axudarian a conformar o noso espiritu individual e colectivo de povo de seu.

[14-10-2010 22:32] ines comentou:

Moitas gracias por un pouco de cultura nun mundo tan superficial, manipulador e ignorante. !Que clase de historia nos ensinan nas escolas!

[14-10-2010 07:57] Abelardo del Caño Varela comentou:

Joder Anselmo, espero que non nos toque a nós! (e perdoa a expresión) E como sempre moitas grazas polos teus artigos, non é doado atopar intelixencia nas escritas de hoxe en día nen nos xornais nen nas supostas revistiñas de historia ¿? que abundan por ahí...

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña