14:22 Mércores, 10 de Agosto de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

10-10-2010

Auxe e decadencia do mercado inglés

Unha breve historia do viño do Ribeiro

Valorar (5)

XOSÉ MANUEL GONZÁLEZ VILAS


mapa do Ribeiro


Comentoume un coñecido elaborador do Ribeiro sobre a súa experiencia na entrega dos premios World wine awards 2010 pola prestixiosa revista Decanter no Royal Opera House de Londres como Best White Wine of Northern Spain co seu Gomariz X 2008, e no que se xuntaron cunha selección do máis exclusivo deste mundo de por si moi esixente. Este episodio, non pasaría de ser unha anécdota máis, de non ser pola ringleira ampla de distincións e mencións a moitos viños galegos en diversos certames da Península e noutros lugares e recantos do exterior mundial de acá un tempo. O rexurdimento exterior dos nosos viños favorece tamén o noso recoñecemento interior que estaba ata hai pouco, un pouco diriamos, acomplexado.

O episodio londinense leva a retrotraernos nos tempos ben atrás da denominada Baixa Idade Media, como moi acertadamente ten redefinido Anselmo López Carreira  nun artigo do Terra e Tempo, tempos en que se encetaba a creación das nacións modernas. Daquelas o viño supuña a mercadoría alimentaria europea máis prezada e estendida, da que non eran alleos ningún dos pobos comerciantes como flamengos, hansiáticos, gascóns, ingleses, venecianos, etc. Aínda que había diversos soberanos, as nacións se respectaban como tales, e seus viños eran recoñecidos polas súas diferentes cualidades e orixes, aínda que Burdeos estivera sometida ao Rei Inglés non deixaba de ser unha cidade aquitana, como pasaba na Borgoña, ou na Renania, ou na Champaña, ou na Lombardía, e tamén na Galiza.

Desde o século XIII vai subindo a poboación urbana xunto ao fervor comercial das rutas marítimas e as feiras locais de calquera índole, e como diciamos, tiña no viño un elemento central, xa que enchía as adegas dos navíos nos seus retornos e era fonte de rendas monetarias crecentes, en Londres había un bairro denominado o Vintry con peirao propio para os viñateiros. A este auxe comercial veu acompañada unha expansión do cultivo ata chegar mesmo a zonas pouco propicias, a propia complexidade dos traballos nas viñas (labras, podas, atas, desfollados, vendimas, etc.) levaba a necesitar man de obra especializada e con oficio, é polo que precisaban de relacións de produción máis complicadas que o simples señor-servo. Neste xogo participaban os mosteiros, coengos catedralicios, señores laicos e as cada vez máis poderosas monarquías.

No Ribeiro tras décadas de paseniña expansión vitícola consolidase o traballo dos Mosteiros nos que destacan fundamentalmente os do Císter: San Clodio, Melón e Oseira xunto a outros protagonistas como o Mosteiro de Celanova, Orde de San Xoán, Mitra Compostelana, etc. Significar que case o cento por cento das novas terras roturadas no século XIV eran para viña, Ribadavia foi fortificada con muralla completa e deu puxanza a un gromo de  burguesía local. En 1420 confirmase polo Rei de Castela Xoán II o Privilexio Real polo que se protexe fiscalmente á actividade comercial da Vila, a semellanza da Carta Mercatoria dos ingleses. A pesares dos conflitos armados (Guerra Civil de Castela, Incursión de Xoán de Gante), pestes (como a de 1348) e desordes sociais (abusos dos Sarmento e revolta irmandiña) a produción vitícola segue medrando ata chamar a atención dos influentes mercaderes ingleses, que polo entón tiñan excluído a gascóns e flamengos da súa concorrencia vínica.

Tras a perda de Burdeos por parte da Monarquía Inglesa en 1453 é que viran os ollos a outros viños como os nosos brancos procedentes do Ribeiro, alcumados como Rubidege. Nun famoso dicionario xeográfico editado en 1691, o Gazetters de Laurence Echaurd, asegúrase que o Ribeiro produce o mellor viño de España, que se saca para Flandes, Alemaña e outras partes de Europa. Esta puxante situación fai que en 1579, por parte do Concello de Ribadavia, se aproben unhas ordenanzas para o bo control do comercio e procedencia dos viño, o xermolo histórico das nosas Denominacións. O Correxedor de Baiona escrebe a Felipe II en 1576: Galiza non pode vivir sen os ingleses, que traen todo o que hai de mester a este reino. Mesmo nos viños que se mandaban para as Indias o Ribeiro rivalizaba en prezo cos da zona de Xerez, sendo estes máis lonxevos por ser doces. Unha boa parte da produción saía en balsas das propias beiras de Ribadavia desde o porto de Lavacoiros ata Salvaterra e Tui onde o Miño xa era plenamente navegable. Todas as grandes casas eclesiásticas ou nobiliares de importancia tiñan de ter algunha viña no Ribeiro.

Mais sae á luz o noso problema inconcluso, nunha monarquía centralizada como a española na que as actitudes antiindustriais e mercantís da Contrareforma relixiosa deron límite e traste ao auxe económico do Ribeiro. Tamén paseniñamente, os viños doces de Xerez e logo Canarias foron copando mercados xa que estes viños se mantiñan máis tempo e eran de moi boa aceptación entre os ingleses, a nosa inserción periférica e subordinada no Imperio foi agravada polas Guerras de Independencia de Portugal onde o Ribeiro se viu implicada de cheo no que respecta a aporte de soldados e cartos. Os preconceitos relixiosos e mailas guerras con Inglaterra foron impedindo as exportacións dos Ribeiros en detrimento dos viños doces do Douro e a Madeira da xa liberada Portugal. O historiador Samuel Eijan afirma que a relación comercial entre Inglaterra e Galiza se extingue case por completo no Século XVIII, en consonancia co absentismo e españolización de señores e mosteiros, o sector do viño ficaría irremediablemente encirrado case exclusivamente na xeografía do país ata hai pouco.

Cantos episodios máis temos na nosa rica historia económica de semellante destino? A industria dos panos de liño, a iniciativa do Marqués de Sargadelos, a construción naval na Ría de Ferrol, o sector leiteiro, a pesca, agora que pasará co noso sector emblemático conserveiro? Nunca poderemos progredir axeitadamente nas nosas potencialidades produtivas e creativas co actual encadre político-xurídico no Reino de España por moito papanatismo econométrico-liberal que nos tente convencer do contrario. O episodio do Ribeiro ten varias posibles lecturas, non excluíntes, Galiza desde o século XIV acompañou a onda dos grandes fitos históricos e económicos que alumearon a base do nova economía mercantilista na Europa; non hai un atavismo histórico que impedía a orientación comercial e industrial da economía primaria na Galiza, ou sexa que as relacións sociais entre señores, monxes, bispos e labregos tiñan de complexizarse nos novos contextos, e o mito dunha agricultura sempre autárquica e de subsistencia, tan arraigados entre nos, é iso, un mito.


[14-10-2010 00:36] Lhou comentou:

Vilas, sempre nos quedarán as adegas da zona vella... Unha aperta meu

[11-10-2010 16:54] Nélida comentou:

Sí que poderemos progredir Vilas; o outro día, a un artigo de César Mosqueira, unha compañeira; Luisa, respostaba airada, que mercar mobles nunha compañía Sueca era un exercicio de liberdade, e así é. Pero o consumo de produtos proprios é un exercicio liberador. Se a calidade é escasa, que non é o problema dos caldos galegos, debemos apoiar co noso consumo ao empresariado para que insira procesos produtivos que melloren as a calidade dos seus produtos. Debemos deixarnos de determinismos históricos e apoiar aos nosos sectores, no que o precisan: facendo políticas de fomento, e consumindo. Fago un chamamento dende eiquí á militancia a que adopte un compromiso de consumo responsable, de consumo comprometido co noso. Que o gosto prevaleza está ben, máis deixemos que unha pequena ou grande porcentaxe da decisión nola condicione o benestar dos nosos veciños, dos nosos amigos, dos nosos proveedores, dos nosos compradores, dos nosos. Debemos tomar conciencia de que o fluxo económico cara a fóra é moi superior do que se produce de fóra cara a nós, e iso está a ser a nosa ruina colectiva.
Parabéns polo teu artigo Vilas.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña