13:19 Mércores, 23 de Outubro de 2019
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

12-10-2010

O seu patrimonio arqueolóxico dé demasiado descoñecido pese aos seus numerosos e importantísimos restos

O potencial arqueolóxico de Lugo

Valorar (5)

ADOLFO DE ABEL VILELA


Mosaicos de Batitales


Para o ano que vén, cúmprense 25 anos do inicio de escavacións sistemáticas na cidade de Lugo que comezaron no ano 1986 debido á construción de tres aparcadoiros. A Xunta e o Concello ditaron normas que obrigan a escavar antes de dar licencia para unha obra no recinto histórico e nunha área do contorno da muralla. Creouse un Servizo Municipal de Arqueoloxía e unha rede de centros arqueolóxicos, hoxe formada pola Sala Porta Miñá, a Casa dos Mosaicos, e o Centro Arqueolóxico de San Roque, ao que se incorporará en breve a Domus do mitreo.

Estas actuacións foron posibles grazas á colaboración entre institucións que permitiu a musealización de achados in situ, dando lugar á creación dun produto cultural indispensable para a contextualizar a muralla na súa época e para o desenvolvemento do turismo. Estas accións vanse a complementar coa apertura dunha fiestra arqueolóxica na Praza de Santa María para mostrar a piscina aparecida no ano 1960 que está baixo o chan.

O Centro da Romanización

Pero aínda queda moito por facer. Os descubrimentos achegaron moitos materiais e coñecementos sobre a cidade romana, a maior parte aínda sen catalogar, restaurar e estudar. Recentemente fallouse o concurso de ideas para transformar o Cuartel de San Fernando no Centro de Interpretación e Museo da Romanización de Galicia, un edifico que previamente se declarou BIC, coa categoría de Monumento, premiando o xurado unha idea que é moi dubidoso que se adapte aos requisitos esixidos para a intervención neste tipo de edificios.

Comézase mal e ao revés. En Mérida fixeron un colector, o Museo Nacional de Arte Romano, para albergar unhas pezas determinadas. O mesmo se está facendo en Santiago co Museo das Peregrinacións. Aquí primeiro faise o colector e despois xa veremos que se pon. Nestes momentos xa terían que estar traballando os equipos para desenvolver as fases de catalogación, restauración, consolidación e selección das pezas a expor, o cal non só require unha dirección e persoal especializado, senón tamén diñeiro e locais para desenvolver este traballo previo. Porque se non se fai así, teremos un edificio baleiro durante moitos anos supondo que comecen as obras para o ano que vén, e que se fagan nos prazos que se din, que como é habitual non o será.

As Termas

No Balneario consérvanse dúas salas das antigas termas, unha posiblemente o vestiario, e outra que quedou cortada polas escaleiras do establecemento que vén funcionando desde o século I ata os nosos días.

As escavacións desenvolvidas fai once anos, seguindo o Plan Director aprobado en 1998, con motivo das obras de ampliación do establecemento, puxeron ao descuberto unha parte dos antigos baños públicos que estiveron en funcionamento ata que o cristianismo destruíu todo vestixio que atopou nelas de paganismo, como se deduce dos restos das catorce aras dedicadas ás ninfas que demostra, segundo os arqueólogos, o uso relixioso e terapéutico dunhas instalacións que tiñan máis de 2.500 metros cadrados cunha piscina de 150 metros cadrados, sendo cualificadas como as máis grandes de Hispania.

O 29 de xaneiro de 1999, o arqueólogo da Consellería de Cultura Gonzalo Meijide, dicía que o balneario sería un espazo arqueolóxico único en Galicia, e o propietario do Balnerio, Antonio Garaloces, reclamou que se crease nas instalacións un pequeno museo coas pezas atopadas, é dicir, un centro de interpretación. A actuación ata agora limitouse a expor nunha pequena sala unhas aras, cunha breve información e un vídeo. A importancia dos restos requiren algo máis.

O castro da Piringalla

No mes de decembro de 2007, descubríronse os restos dun castro, non catalogado a pesar de que se coñecía a súa existencia antes do XIX, ao instalar unha condución de auga nas inmediacións dos depósitos da Piringalla. No lugar coñecido como Agra do Castro, apareceron os restos do foso defensivo, muros de edificios, cerámica e algunha peza de ourivaría.

A escavación deste xacemento debe de ser un obxectivo prioritario das administracións. Dispor en plena área urbana, sen saír da cidade, dun xacemento arqueolóxico destas características, con vestixios castrexos e do século I, é un elemento de singular importancia non só para o coñecemento do Lugo romano, senón tamén un atractivo turístico excepcional. Debería considerarse ademais, como unha sección externa do futuro Centro da Romanización.

Os mosaicos de Batitales

Descubríronse en 1842, e foron recuperados e musealizados nunha ínfima parte na Casa dos Mosaicos, aberta ao público o 20 de decembro de 2005. Posteriormente levantouse unha parte do pavimento da rúa do Doutor Castro onde e atopan as partes máis espectaculares do mesmo. Pero continúan por baixo das casas polo que sería preciso un plan de recuperación de todo o conxunto.

A cidade de Lugo ten un patrimonio arqueolóxico e monumental que hai que rescatar, consolidar, restaurar, catalogar, estudar, difundir e exhibir. E estes deberían ser os fins principais dunha posible Fundación, o seu Patrimonio Arqueolóxico e Monumental. Fai anos que se decataron disto na comunidade de Castilla y León que debería de ser un exemplo a imitar. As quince exposicións de Las Edades del Hombre, iniciadas en 1988, ademais da de Anveres e Nova York, foi un dos inventos de recoñecido éxito na recuperación, consolidación e divulgación do patrimonio das dioceses desa comunidade feita a través da fundación que leva o mesmo nome, con sede no Monasterio de Valbuena, que tamén recuperaron das súas ruínas.

Pero tamén contan coa Fundación del Patrimonio Histórico de Castilla y León, da que son entidades fundadoras, ademais de la Junta, seis caixas, as de Burgos, Ávila, Segovia, Caja España, Caja Círculo e Caja Duero, ás que se unen distintas entidades que colaboran economicamente para cada proxecto de restauración e recuperación do patrimonio moble e inmoble.


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña