20:15 Mércores, 20 de Novembro de 2019
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

07-10-2010

Un médico co seu instrumental pode salvar moitas vidas, pero nas mans do doutor Mengele xa sabemos tamén o que pode facer

Que pasa cos transxénicos?

Valorar (8)

JOÁM LUÍS FERREIRO CARAMÊS


Dr. Mengele

En todos os lugares podemos ver opinións, cartaces e pronunciamentos en contra e a favor dos transxénicos, son malos e perigosos!, ou por outra banda son  a salvación e o futuro da humanidade!, pero en que consiste a transxenia e que é o que ocorre realmente.

Aínda non hai 50 anos que Watson e Crick descubriron a molécula do ADN, antes sabíanse xa moitas cousas sobre a herdanza, mais non cal era a estrutura física que a sustentaba, a partires de 1953 comeza un proceso cada vez mais rápido desde o coñecemento do xene até o mapa do xenoma humano e a manipulación xenética.

Para comezar polo principio, o ADN é unha molécula composta por un ácido (Ácido fosfórico) un azucre (Desoxirribosa) e catro Nucleótidos (adenina, guanina, timina e citosina). Unha molécula orgánica que forma unha dupla hélice enfrontada, que enrolada en espiral, e que se enrola e prega até formar os cromosomas (no caso humano 23 pares), isto sería o ADN dunha maneira moi simplificada. Pero ten dúas particularidades:

-A primeira a ter a capacidade de se replicar exactamente igual (aínda que ás veces con erros e grazas a iso existe a evolución)

-A segunda tan importante como a primeira, conter toda a información que permite a existencia do ser vivo a o que pertence, e dicir toda a información (organización, relación, alimentación, reprodución...) relativa á vida dun ser vivo determinado está contida nela.

Do total da cadea de ADN, o "paquete" onde se conten cada secuencia de información é o xene, e dicir un anaco de ADN que vai determinar un carácter (a cor dos ollos, a cor da pel, a diabetes conxénita...).

Como todos os seres vivos estamos emparentados a estrutura do ADN é igual para todos (evidentemente un organismo mais complexo necesita mais información e polo tanto mais xenes). Desde un virus a un elefante, e desde un repolo á raíña de Inglaterra, comparten os mesmos xenes, é dicir sería posíbel intercambiar e/ou introducir xenes dun organismo noutro. Na realidade non é exactamente así pero si moi parecido.

Espero que despois desta breve e simple explicación quedara algo claro o que é un xene, para que cando fale del se entenda a que me refiro.

Os seres humanos desde o neolítico, cando se crean as primeiras sociedades que comezan a cultivar vexetais e domesticar animais, comezamos o proceso de modificar a natureza. Non só a paisaxe ao deforestar, construír encoros..., senón tamén aos seres vivos que comíamos, todos os animais domésticos e os vexetais que comemos son o resultado da modificación xenética (a base de cruces) das especies salvaxes previamente existentes, nalgúns é moi evidente por exemplo os "cans" (todos teñen a súa orixe no lobo), noutros non tanto, pero todo o que cultivamos e criamos para comer foi modificado e alterado por nos.

A xenética ofrécenos a posibilidade de acelerar este proceso e poder determinar ademais o que queremos. Non só na alimentación senón tamén na medicina, por exemplo introducir o xene que produce a insulina no páncreas dun diabético ou meter nel bacterias modificadas xeneticamente que o produzan. Isto é así na teoría, a práctica é un pouco mais complicada.

É a tranxenia de por si boa ou mala?, pois como ocorre na maioría dos casos nin unha cousa nin outra, todo depende de como se faga, do control e do uso. O que si é certo e que non é unha tecnoloxía sen importancia, ten un grande potencial, tanto para ben como para mal e polo tanto é necesario establecer uns controis moi estritos do seu uso e utilización.

Pódese elaborar un organismo modificado xeneticamente con relativa facilidade, é unha tecnoloxía bastante simple, só se necesita ter identificados os xenes, un vector de introdución na célula obxectivo e logo o mais importante, e aí radica a primeira parte do problema, que unha vez na célula obxectivo dea o resultado esperado. Xa que vai interaccionar cos distintos xenes previamente existentes e pode que quede enmascarado, que se potencie o seu efecto, que non apareza ou que produza un efecto non desexado.

Desde algúns sectores científicos (algúns monetariamente interesados), deféndese a tranxenia como a solución definitiva a todo, o fin das enfermidades e o fin da fame no mundo. Pola contra desde algúns sectores que van desde a ecoloxía á relixión dise que é desde inmoral (non se pode modificar o deseño divino), a intrinsecamente perigoso ( vai contra as leis da natureza). Cada un xoga coa falla de información xeral sobre este tema para dicir barbaridades de todo tipo. Algúns apoiándose na súa ampla titulación e cargos fálannos desde as alturas para explicarnos que eles que todo o saben poden asegurar a bondade dos produtos elaborados pola súa empresa, e se alguén solicita probas a respecto diso é poñer en dúbida a reputación dos que alí traballan. Aínda que desde o mundo do ecoloxismo é incríbel ver e oír ás veces as barbaridades que se chegan a dicir e escribir con respecto aos transxénicos, amparándose nunha militancia que en calquera caso non nos vai dar coñecementos mais alá dos que tiñamos antes de "sacar o carnet".

De todo isto si hai dúas cousas reais, e son a grande capacidade que ten a tranxenia para poder acelerar determinados procesos, mellorar e axudar na medicina e na agricultura e gandería, mais iso implica un moi grave perigo.

É polo tanto necesario que a tranxenia sexa controlada polo estado, como ben de interese público debe  de ser este o que se encargue do control e deseño dos transxénicos.

É inconcibíbel que a día de hoxe sexan as empresas privadas as que deseñan, controlan e executan a realización de novos seres modificados xeneticamente. Grandes empresas multinacionais que o que buscan evidentemente non é o fin da fame no mundo senón encher os seus petos (como calquera empresa), ou é que agora o capitalismo vai renunciar ao lucro e redimir á humanidade polo mal que nos fixo?. Empresas como Monsanto véndenos o paquete completo, Soia modificada xeneticamente para ser resistente a un herbicida que eles tamén producen, seméntase a soia, énchese de herbicida (matamos todo menos a soia), a produción é moi elevada claro, e a contaminación por herbicida tamén, producindo mortes en animais e humanos. Como este hai outros moitos exemplos.

O problema como ocorre outras moitas veces non é o coñecemento, nin a tecnoloxía para desenvolvelo, senón o sistema capitalista que o utiliza dun modo perverso na procura do enriquecemento sen fin explotando todos os recursos en todos os recunchos, sen medir as consecuencias das súas accións, xa o amañarán os estados se poden (como na crise económica actual).

A transxenia non é en si unha tecnoloxía mala, pero si que necesita dun control serio que non pode ser alleo ao estado, non poden ser empresas privadas as que realicen a modificación xenética dos individuos xa que seu fin non é o interese comunitario.

Antes de introducir un organismo modificado xeneticamente hai que garantir:

-Que del se obteña unha mellora significativa que xustifique a súa modificación

-Que sexa estéril, impedindo a súa hibridación con individuos da súa especie ou afíns que dean resultados non controlados.

-Que antes de introducilo no medio ou usalo con humanos estea suficientemente probado. Non podemos ser nos os que sirvamos como "cobaias", como xa ten ocorrido nalgún caso.

En calquera caso non podemos demonizar unha tecnoloxía porque se lle dea un uso inadecuado. Un médico co seu instrumental pode salvar moitas vidas, pero nas mans do doutor Mengele xa sabemos tamén o que pode facer. Hai que quitarlle as ferramentas a Mengele e darllas ao estado, e por suposto controlar estritamente o seu uso.


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña