08:53 Domingo, 02 de Outubro de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

02-10-2010

Mulleres en crise, bye, bye igualdade

Valorar (17)

ANA BELÉN PONTÓN MONDELO


Mulleres lendo o manifesto redactado pola Marcha Mundial das Mulleres, en Vigo


A recente folga xeral puxo de manifesto o amplo desacordo coas políticas que se están aplicando para enfrontar a crise económica. Políticas antisociais que, escudándose no delicado momento económico, aplican un serio recorte as dereitos sociais e laborais da clase traballadora. Recortes que non supoñen unha saída real aos problemas que atravesa Galiza e que para nada redundarán na creación de emprego, na mellora das condicións de vida do noso pobo ou nunha maior xustiza social. Mais ben son sinónimo de todo o contrario.

Neste proceso, de ataque aos dereitos, son aqueles segmentos sociais que xa partían dunha posición social de maior debilidade, quen verán agudizadas a súa desigualdade. E como non, aí entran as mulleres e o obxectivo de acadar unha sociedade realmente igualitaria. Se os indicadores de partida eran negativos, esta crise e as políticas que están aplicando PSOE (a nivel estatal) e PP (na Xunta de Galiza), barren ás fráxiles bases asentadas para ir erradicando a discriminación das mulleres.

A inserción laboral das mulleres dista moito de ter sido igualitaria. Maiores  taxas de desemprego, menor acceso ao traballo, segregación horizontal e vertical, diferencial salarial ou a elevada incidencia da precariedade, son realidades que dan mostra dunha discriminación estructural. Mais esta reforma, non só consolida esta posición e ignora medidas para enfrontala, senón que consolida e facilita continuar por esta senda. Cun agravante, a destrución de postos de traballo convértese, na práctica, nunha rémora para que as mulleres incremento o seu grao de inserción laboral.

O outro grande sacrificio desta crise son as políticas sociais. Ensino, sanidade ou servizos de benestar son obxecto de recortes; xusto no intre en que o seu funcionamento e mellora constituían elementos básicos para frear as desigualdades. Mais non podemos obviar, que os servizos públicos teñen un efecto directo nas posibilidades de ir mudando os roles de homes e mulleres pola vía dunha asunción colectiva das tarefas do coidado e reprodutivas. Sabemos que por cada praza de ensino infantil que non se crea, hai unha muller que ten que atender esa situación. Por cada centro de día que non se abre, hai unha muller cubrindo ese déficit. Por cada comedor escolar que non existe, hai unha muller que abandona a súa carreira profesional, porque os nenos e as nenas teñen que comer todos os días. Non hai no noso entorno, política real que promova a igualdade de xénero que obviara o desenvolvemento dos servizos públicos. Os recortes que se aveciñan non auguan nada positivo para as mulleres. Non nos levemos a enganos, nisto coinciden PP e PSOE. Os orzamentos do estado diminúen notabelmente os fondos neste ámbito, converténdose na escusa perfecta de Feijoó, á hora de culminar o seu proxecto desmantelador do público. Son as dúas caras da mesma moeda.

A austeridade volveuse a palabra fetiche para xustificar o seu programa ideolóxico. Feixoó acuñouno como signo do seu mandato, o goberno central xa presentou as "contas máis austeras da historia de España". Austeridade que vale tanto para xustificar un roto, como un descosido. Hai poucos días, debatíamos nunha comisión do Parlamento de Galiza, o Proxecto de Lei polo que se suprime o Servizo Galego de Igualdade. A idea central que utilizou o PP para xustificarse non foi nada orixinal: a austeridade. Iso iso cun alarde da súa (ir)responsabilidade por recortar o gasto público e adelgazar a administración. Mais retomemos o seu argumento central: a austeridade;  neste caso concretase en suprimir un organismo autónomo -que creou o PP- e aforro dun salario. Sen embargo, a realidade é que non hai tal aforro. O suposto gasto que van suprimir non existe, dado que é a mesma persoa quen ocupa o cargo de Secretaria Xeral de Igualdade e Directora do SGI. É fácil pois deducir que non é esa a razón real. A realidade e que hai un cuestionamento do papel das políticas de igualdade e a súa necesidade. A crise é a escusa perfecta para levar adiante un programa no que se recorta aqueles aspectos que son considerados superfluos. A lóxica lévanos a concluír que para o PP a igualdade é unha política da que se pode prescindir.

A defensa que facemos desde o BNG pola continuidade do Servizo Galego de Igualdade non ten a ver coa valoración sobre as políticas que levou adiante ao longo dos seus case vinte anos de existencia. Sabemos ben que isto depende da vontade dos gobernos e dos recursos que se dote. Mais ten un significado político claro: ir derrubando instrumentos -neste caso coa garantía de estar creado por lei- que teñan por destino erradicar as discriminacións das mulleres. Unha labor na que se empeñaron desde o principio, vulnerando a equidade no consello da Xunta, suprimindo programas e axudas destinados as mulleres. É o síntoma máis claro de como a crise ten unha mensaxe oculta para as mulleres: bye, bye igualdade.


[04-10-2010 19:33] Stalis comentou:

Certo, moi certo, máis presente deberia estar este discurso nos pronunciamentos públicos do BNG. Ánimo Ana, teima neste camiño.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña