20:12 Martes, 12 de Novembro de 2019
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

24-09-2010

Resulta incríbel a dificultade de moitos intelectuais cosmopolitas para argumentar e razoar con coherencia, abandonando os prexuízos e reservas mentais

A peor construción do home

Valorar (45)

FRANCISCO RODRÍGUEZ SÁNCHEZ


Roger Casement


É o nacionalismo. Así de rotundo expresouse Vargas Llosa, nunha entrevista en El País (29, agosto, 2010), co gallo da aparición da súa novela, El sueño del celta, inspirada na vida de Roger Casement, un irlandés, diplomático británico, convertido ao nacionalismo, após comprobar os horrores do colonialismo en África e defender os dereitos humanos contra a barbarie colonial. Pasou, en palabras do novelista cosmopolita, de ser un anglófilo imperialista e anglicano a ser un independentista irlandés católico. Conspirou contra o Reino Unido durante a Primeira Grande Guerra, participou no levantamento do Ulster en 1916, sendo aforcado após tres meses en prisión. Tres anos investigou Vargas Llosa sobre esta personaxe histórica e a súa obra, chegando á conclusión de que é un dos primeiros europeos que tiveron conciencia clara do que é o colonialismo. Perante tanta evidencia, o xornalista pregunta se, entón,  hai "un buen nacionalismo". O interrogado concede que en certos pobos esmagados polos colonizadores, que aspiran a se liberar do ocupante, o nacionalismo ten un valor positivo. A personaxe da súa novela, Casement, tería vivido, pois, segundo el, a parte máis idealista do nacionalismo. Esta é a forma de salvalo e de non contradicir as evidencias do mundo real.

Resulta incríbel a dificultade de moitos intelectuais cosmopolitas para argumentar e razoar con coherencia, abandonando os prexuízos e reservas mentais. Se se asume que o combate contra o colonialismo, desde o económico ao cultural, toma forma no nacionalismo dos pobos oprimidos, como se pode definir este como a peor construción do home? É que Casement cometía un pecado de lesa humanidade facéndose, como irlandés, nacionalista para combater a opresión do Reino Unido sobre Irlanda? É que non tiña o mesmo dereito Irlanda que o Congo a facérense independentes?  É que non ten este mesmo dereito calquera pobo ou nación sometido a calquera das formas de opresión colonial ou imperial? Pretender aceptar e comprender algúns casos particulares, negando validez á teoría xeral en que se sustentan, conduce á lóxica da discriminación, segundo conveniencias, intereses ou criterios morais ou nacionais. Non se poden cometer abusos tan grosos contra a lóxica argumental. Seguramente Vargas Llosa está leado nesa teoría tan incoherente como proveitosa para a confusión mental de denominar tamén nacionalismo a movementos fascistas, expansionistas e chauvinistas de pobos con Estado propio. Xustamente o que, en boa lóxica, constitúe o imperialismo.

E será posíbel que un escritor non entenda o dereitos dos pobos a empregaren a lingua de seu con enteira liberdade, sen verse sometido a un proceso de asimilación forzada pola opresión e o dominio? Porque Vargas Llosa chega a afirmar que o caso máis extremo de nacionalismo é o cultural. Non en certas circunstancias, senón na maioría, por non dicir en todas, o nacionalismo representa valores "libertarios", por empregarmos o adxectivo que Vargas Llosa concede restritivamente. Alén das imperfeccións e deficiencias de toda teoría e acción humana, non se pode facer condena tan rotunda, absoluta e interesada, do nacionalismo, pretendendo ao mesmo tempo aparecer como un paladín moral do combate contra a barbarie colonial e imperialista en África ou reducindo esta ao caso irlandés, na Europa. Bo é, con todo, que comece por comprender casos que derruban o seu esquema xeral. A comezos da década dos oitenta, publicou unha novela intitulada Historia de Mayta. Estaba destinada a atacar, como deformes psiquicamente,  individuos dirixentes da  guerrilla de Perú, de extracción pequenoburguesa. Entre os "defectos" da personalidade do protagonista figuraba unha larvada tendencia homosexual non asumida. Afortunadamente, o mundo novelesco triunfaba sobre a intención. Era tal a barbarie, a crueldade, a destrución e o sufrimento caótico que mostraba sobre a sociedade peruana, que o lector acababa por ver como lóxica a resposta guerrilleira e terrorista. A única resposta posíbel no medio do caos infernal. Entre intención evidente e resultado literario, produciuse involuntariamente un espazo nos lectores para a comprensión.

O protagonista da última novela de Vargas Llosa, Casament, homosexual tamén na vida real, foi sometido polo imperio británico, unha vez encarcerado e aforcado, a unha campaña de desprestixio e difamación, publicando uns diarios "escandalosos" (non se sabe con certeza se manipulados ou non) sobre a súa vida privada. Esta condición, como calquera outra sexual, non invalida o feito obxectivo de que foi asasinado por defender pobos sometidos e por, como irlandés, identificarse co combate contra a opresión máis próxima, a que padecía o seu pobo. Veremos como se move o novelista, entre o seu cosmopolitismo antinacionalista e a contundente evidencia da lexitimidade e xustiza das causas que Casament asumiu.

Que dicir de nós, do noso país? Limitareime a unha experiencia recente. Teño comprobado que na Galiza resulta máis fácil e aceptábel denominarse "mapuche" que labrego galego. Perto da miña casa, hai leiras cultivadas, con destino ao autoconsumo, por un grupo de persoas, galegas de nación, moi ben intencionadas, radicais nalgúns casos, que se autodenominan "Los mapuches", en evocación dos indios sen terra de Chile. E será que a peor construción do home é recoñecerse a si mesmo como o que é, facendo parte do pobo ao que pertence? E será que, na Galiza, o proceso de colonización, incluída a auto-negación da nosa lingua é unha construción ideal, que nos libera da opresión? Non invertamos a realidade e como funciona. Como Casament, os galegos se recoñecemos a opresión de outros pobos, só a colonización pode impedir que a descubramos ao noso arredor.


[26-09-2010 19:37] Carlos comentou:

Grazas, Paco

[26-09-2010 01:31] scally comentou:

execelnte artigo francisco parabéns!!! simplesmente xenial

[24-09-2010 14:46] Eu comentou:

O Vargas Llosa xa hai tempo que perdeu o norte, se é que o tivo algunha vez. E o artigo ese del é tan disparatado e delirante, o título sobre todo, que xa se descualifica só. Pensades que hai moitos inimigos do nacionalismo que pensen que é "a peor construción do home"?

[24-09-2010 10:38] Stalis comentou:

Descrito o problema. Busquemos a solución (entre tod@s os nacionalistas, non?)
Se os instrumentos, métodos e actitudes empregados até o de agora non serviron para facerlles ver aos nosos colonizados e oprimidos compatriotas. Non deberíamos probar novos camiños?
Se a nosa teima para facerlles ver a realidade da explotación que sofren non serve, se a confrontación directa e frontal non dá resultados e non só non se acumulan forzas senon que se debilita o nacionalismo. Non deberiamos tentar novos camiños?

A ocultación da realidade que nos vemos é a grande arma do sistema, non é nova mais cada vez máis sofisticada, sutil e efectiva. A xente vive inmersa nun xeito de matrix sen veren a cruel realidade. A recreación que fai o sistema do que se percibe como máis real que a propia realidade material blinda calquera posibilidade de debilitar aos poderes cada vez mellor maqueados.

A nos mesm@s, aos nacionalista construironnos un "traxe" no que nos insiren, e do que non damos saido ou non queremos saír. Construenos trampas nas que caemos sen resistencia: @ nacionalista radical extremista e entolecido, que fala de cousas que non interesan a ninguén mais que a el/ela e que está fóra da realidade. Non deberiamos resisitirnos e sairmos del?
Non deberiamos dar a loita de xeito lateral e mesmo polas costas, o factor sorpresa e a imaxinacíón, sen aceitar límites nin barreiras máis que a utilidade para o nacionalismo galego.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña