09:19 Domingo, 02 de Outubro de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

23-09-2010

O programa Cidades Dixitais tratouse dun inmenso negocio, no que se investiron cartos públicos a esgalla, cunha repercusión relativa na vida de milleiros de persoas

A estafa dixital

Valorar (9)

XOSÉ MANUEL BAÑOS GARCÍA



O proxecto das Cidades Dixitais púxose en marcha non último goberno de Aznar, alá polo 2003, e "afectou" a tres concellos galegos (A Estrada, Vilalba e As Pontes), e 36 do resto do Estado Español, que non sobrepasaran os 30 mil habitantes. O obxectivo do citado proxecto era  promocionar e implantar a sociedade da información no ámbito local.

O orzamento deste proxecto era de aproximadamente 140 millóns de euros e estaba patrocinado por importantes transnacionais da industria do software como Microsoft e outras empresas tecnolóxicas como Cisco Systems ou Hewlett Packard, a parte, claro, de importantes orzamentos públicos.

Cada concello debía desenvolver un proxecto propio e debía contemplar as particularidades culturais, sociais e económicas de cada un deles. Así por exemplo na Estrada adquiriuse unha aplicación para o sector do móbel e outra para o sector gandeiro; ademais, renovouse a páxina web do concello, dotouse á policía local de PDA's para a xestión de multas e outro tipo de servizos, instaláronse puntos de acceso a internet nas principais rúas da vila, fixéronse cursos de formación para todas as idades tanto no rural como na vila, instalouse unha plataforma de E-Learnig, subvencionouse a compra de ordenadores,  adquiriuse software para implantar a administración electrónica ... e por suposto, o plan estrela do proxecto de A Estrada Dixital foi a implantación da rede sen fíos en todo o concello.

O montante total da execución de todo o proxecto na Estrada foi de preto de 7 millóns e euros e desenvolveuse desde 2004 a 2008. O financiamento correu a cargo do Goberno Galego, o Goberno Central, a Deputación de Pontevedra, o Concello e de entidades como a Fundación Caixa Galicia, que aportou un millón de euros ao proxecto.

O proxecto rematouse hai dous anos, e despois do vendaval millonario que sufriu A Estrada, pouco quedou en pé. As PDA's da policía non se usan porque están obsoletas e xa non serven; a web do concello cambiou o xestor de contidos, que custou máis de 100 mil euros adquirido dentro do proxecto, por outro gratuíto e libre; as tele-cabinas para acceder a internet están avariadas e as que funcionan non se utilizan para absolutamente nada que non sexa estorbar aos peóns; a administración electrónica, malia estar contratada desde hai case dous anos, segue sen estar a disposición de todas as veciñas e veciños da Estrada. Con todo, unha das poucas cousas que funciona relativamente ben, logo de non poucas dificultades, e despois de gastar nesta preto dun millón de euros, é a rede sen fíos, cuxo custe do servizo é sufragado por todos os usuarios/as mensualmente.

Se o miramos con perspectiva, o doado foi gastar case 7 millóns de euros na Estrada, 140 en total de todo o programa, mais o difícil é manter todas as infraestruturas creadas, e todos os aparellos que se adquiriron co maná do programa Cidades Dixitais. Despois de gastar, os custes de mantemento, as licenzas, e a renovación tecnolóxica inevitábel nun sector onde as novidades sucédense cada mes, é un lastre difícil de soportar para calquera administración pública, pero sobre todo para os concellos.

O programa Cidades Dixitais, no fondo, tratouse dun inmenso negocio, no que se investiron cartos públicos a esgalla, cunha repercusión relativa na vida de milleiros de persoas, e sobre todo na economía local, pero supuxo unha carga insoportábel para as depauperadas facendas dos concellos.

Pode ser un tópico, pero os grandes beneficiados son os de sempre. Pensemos simplemente nos patrocinadores, Microsoft, por exemplo. O proxecto A Estrada Dixital contemplaba a subvención de dunha parte do prezo de ordenadores persoais; chegaron a subvencionarse preto de 3.000 ordenadores; todos os ordenadores vendidos levaban a súa correspondente licenza de Windows, que custa sobre 150 euros. A multiplicación é doada de facer e volume de negocio da transnacional Microsoft, só na Estrada, era o suficientemente importante como para mandar periodicamente inspectores ás tendas da localidade para que comprobaran se efectivamente estaban a vender ordenadores coa súa licenza orixinal correspondente.

Con todo o caso máis sangrante correu a cargo da Fundación Caixa Galicia. Como dixen con anterioridade esta entidade aportou ao proxecto 1.000.000 euros, que recuperaron case na súa totalidade, xa que Softgal, unha importantes empresa tecnolóxica galega, que  naquel intre pertencía á corporación Caixa Galicia, resultou ser a adxudicataria de varios proxectos de A Estrada Dixital (total 926.000 euros), entre eles o da rede sen fíos cuxo custe inicial foi de 567 mil euros. Mais isto non é o peor, en 2006 Caixa Galicia vende Softgal a Tecnocom por 20 millóns de euros, desaparecendo do mapa tecnolóxico galego unha importante empresa, que recibiu importantes contratos públicos, tanto da Xunta como dos concellos galegos.

A repercusión económica a nivel local foi máis ben escasa, agás para as tendas de informática da localidade que durante case catro anos venderon computadores con relativa facilidade; en resumidas contas, comida para hoxe e fame para mañá. Fóra diso o proxecto non serviu para sentar os alicerces dunha importante industria de base tecnolóxica, e nin sequera serviu para que empresas de fóra da localidade se asentaran no concello "dixital". O programa Cidades Dixitais non tiña ese obxectivo, o seu era simplemente gastar para que determinadas empresas fixeran o seu agosto, deixándolle aos concellos un lastre difícil de soportar, facendo inútiles o gasto de tantos millóns de euros.

Se houbera que facer un paralelismo, o das Cidades Dixitais é moi semellante ao Plan E e outros plans elaborados polo Goberno Central ás costas dos Concellos. Unha morea de cartos postas a disposición das entidades locais, con clara indicación de en que os teñen que gastar, tendo logo que soportar os importantes custes de mantemento desas obras, sen contrapartida Estatal para axudar a sufragar estes custes. O esperpéntico é que posteriormente a esta enxurrada de cartos os concellos teñan que devolver cartos ao Estado como acontece agora ca devolución dos adiantos na participación dos ingresos do Estado (PIE), que só no caso da Estrada son 500.000 euros os que ten que devolver o Concello. Pero isto xa é outra historia.


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña