21:29 Sabado, 06 de Xuño de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

16-09-2010

O pasado día oito fixemos un recorrido, xunto aos compañeiros da Irmandade que se honra de levar o teu nome e o da Terra Chá

Carta ao amigo Manuel María

Valorar (8)

RAÚL RÍO DÍAZ


Penas de Rodas


Prezado Manuel María: Xa fai tempo que non nos escribimos e xa sabes que eu nunca fun moi dado a escribir cartas. Sempre fun mais partidario de utilizar o teléfono para comunicarnos entre nós, aínda que estou de acordo contigo en que ese medio é moito menos humano, non deixa constancia desa relación e polo tanto vouche facer caso. Perdoa si se me queda algo no tinteiro.

O pasado día oito fixemos un recorrido, xunto aos compañeiros da Irmandade que se honra de levar o teu nome e o da Terra Chá, polos teus espazos vitais nunha serie de actos sinxelos, como a ti che gustaba, pero non por iso menos dignos e moi emocionantes. Non estaban todos os amigos que fixeches durante a túa estancia entre nós porque sería imposible xuntalos a todos e ademais era un día de traballo, pero estou seguro que todos eles delegarían nos que estábamos alí e terían tantos desexos de honrar a túa memoria coma todos nós. Despois de xantar competentemente ao lado do río Ladra, que lle entrega xenerosamente as augas ao pai Miño, encetamos a peregrinación subindo as Penas de Rodas.

Era a primeira vez que visitaba aquel espazo natural tan impresionante. Tamén era a primeira vez que asistía a este homenaxe xa que antes non podía por mor do traballo, pero... como xa cheguei a iso que chaman terceira idade teño mais tempo libre. Despois de ver aquela paisaxe case idílica non me estraña que lle tiveras tanta lei e que aquelas rochas tan ben feitas foran merecedoras de ter un espazo na túa poesía e no teu corazón.

Co profesor David Otero como mestre de cerimonias fomos recitando cada un unha poesía túa. Eu quixen lembrar a amizade que tiveches con persoeiros vascos e con Euskal Herria lendo o poema "Euskadi", agora que vivimos nun tempo de ilusión e esperanza, que agardo non malogren as trabas e o verbo provocador que utiliza o Estado por medio do seu ministro do interior. Estou seguro, como xa temos falado moitas veces, de que ti tamén te aledarías porque o conflito vasco se solucionara mediante o diálogo e chegara dunha vez a democracia a ese pobo irmán que tantos emigrantes galegos acolleu e no que tantos amigos deixaches.

Os que non estiveron foron os "asasinos de idiomas", como lles chamou David. Sei que estaban en Santiago, no casal de San Caetano, indo de Sobrado, seguramente que planificando outro decreto contra a nosa lingua para acabar de matala e enterrala, argallando o xeito de arruinar o que queda do noso agro, como amolar aos gandeiros baixando o prezo do leite ou como privatizar o ensino público; "farfallando, mentindo e ofendendo a nosa intelixencia", como ben dixo Valentín Arias, que se dirixiu a ti en nome da Irmandade con un precioso texto da súa autoría.

Emocionaba oír a Iago Santalla recitar os seus propios versos, a pesar da discapacidade, ao ver o empeño que poñía, a súa dignidade e o seu fervor patriótico. Xa ves, algúns poñen todos os seus posibles para facer Patria mentres outros desalmados con moitas mais posibilidades fan todo o que poden por destruíla.

Despois, como xa sabes, dirixímonos a Outeiro de Rei para honrarte na túa campa depositando nela unha rosa e recitando outros poemas teus. Recibíronnos os amigos Mini e Mero, que acompañados de Tino Baz, Miro Casabella, Antón Valcarce e Anxo Rei interpretaron o teu poema "O Carro". Alí David Otero, na presencia de Saleta, fixo unha acendida defensa do noso idioma e da túa personalidade, denunciando a desaparición de Chuza, Vieiros e A Nosa Terra, que non é mais que a crónica dunha incompetencia anunciada. Dixo que non lles daremos acougo até que podamos decidir por nós mesmos a estrela da liberdade. Como podes ver tes moitos amigos e é moito o cariño que che profesamos, porque ti, como tamén se dixo alí, es unha labarada incontinente de amor á Patria.

Rematamos cantando o himno Galego e collemos o camiño da carballeira de Santa Sabel para que Xulio Xiz lle fixera entrega da navalla a Avelino Pousa Antelo e Alfonso Blanco recibira un fermoso retrato teu que a pintora Esperanza Lema lle doaba a Irmandade, pero antes tivemos o pracer de escoitar a Miro, Antón Valcarce, Anxo Rei, Tino Baz e rematando co poema "Penélope" do noso amigo común, Xosé María Díaz Castro, cantado por Mini e Mero.

Tamén era a primeira vez que estaba nesa carballeira que me fixo entender o título do teu libro "O Miño canle de luz e néboa". Por alí pasa o río todo calmo e maxestoso abrindo unha canle de luz entre as árbores das dúas orelas: ¡Que sensación de placidez e mansedume!

Para o ano que ven volveremos a visitarte porque nunca esqueceremos a túa amizade nin a débeda que temos contigo. "Gogoan zaitugu", diríache o amigo Gabriel Aresti para asegurarche que te lembraremos sempre.


[16-09-2010 02:26] felix comentou:

gracias que o investigador ramon piñeiro se lle ocorreu facer a fotobiografia sonora de manuelmaria, senon iamos aviados.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña