21:38 Sabado, 19 de Setembro de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

15-09-2010

"As maiúsculas da política"

Quo Vadis, Galiza?

Valorar (35)

ALFREDO SUÁREZ CANAL


O parlamento Galego


Seguramente non é por acaso que nos últimos tempos tense producido unha escalada de deterioro da credibilidade política. Precisamente no momento histórico que hai que definir modelos alternativos no plano económico, precisamente no momento en que sería necesario cambiar paradigmas na estruturación institucional, precisamente no momento en que fai augas por todas partes o modelo capitalista neoliberal, precisamente, en fin, no momento en que a política tiña que ter o protagonismo principal para definir o horizonte, os novos espazos de convivencia, e os modelos económicos; non é casual que existan fortes correntes de poder destinadas a presentar á política, toda, como totalmente desacreditada. É un paso máis para tentar lexitimar definitivamente a subversión das normas máis elementais do sistema democrático: os marcos de convivencia, os modelos económicos, os horizontes de futuro, as relacións sociais teñen que ser "orientadas" e "decididas" polos "gurus", a "gran materia gris" do sistema: o fondo monetario, as grandes corporacións financeiras e mediáticas e as grandes corporacións transnacionais. Os parlamentos, os gobernos, as organizacións políticas e sociais, teñen que converterse en meras executoras, "correa de transmisión" daquelas decisións. Para iso é moi importante que haxa un deterioro da política, e sobre todo deteriorar unha concepción transformadora da política tentando equiparala con aquela outra que defende o "status quo", para que sexa moito máis difícil a acumulación de forzas para modificar de raíz o actual modelo.

Estamos en tempos de encrucillada en moitos ámbitos e onde a política, con maiúsculas, tiña que ser a actividade principal, a política que define marcos institucionais, que define modelos económicos e sociais, que define relacións entre pobos, que define horizontes de igualdade social e benestar para todos, que crea proxectos. Tería que ser así porque a reflexión, consecuencia e actuación lóxicas que se deberían derivar da crise económica tería que ser rescatar para o primeiro plano as MAIÚSCULAS da política.

É certo que hai que darlle solución ás situacións de conxuntura graves, pero o gran asunto en cuestión é ser capaces de ir ás causas do fracaso do modelo e ter a valentía de levantar outro. Esa é hoxe unha das maiúsculas da política, esa debería ser a prioridade principal. E temos que ter presente que esa tarefa de definición do escenario a onde debemos ir, ten hoxe poderosos inimigos que xa teñen decidido que de transformación do modelo nada de nada, e para iso foi necesario tamén producir un deterioro da actividade política transformadora, mesmo ridiculizándoa.

Estamos, pois, en tempos de definición de modelos de futuro, de camiños para recorrer, de definición de marcos económicos e políticos. Esas son, entre outras, as maiúsculas da política actual.

No caso de Galiza, entre esas maiúsculas, está a articulación e definición dun novo marco político e de relación institucional co Estado. O Estatuto da Nación é tamén unha das maiúsculas da política galega. Cando o señor Feixóo pretende utilizar como coartada a oportunidade, para non afrontar a elaboración dun novo Estatuto, porque o que toca atender agora é a crise, está descubrindo a súa servidume á estratexia profundamente españolista do PP.

Os grandes saltos adiante na historia dos pobos téñense vinculado, case sempre, á definición de modelos estruturais, á definición das columnas vertebrais do sistema. O novo Estatuto de nación debería ser a ocasión, non só para definir un novo marco de relación de Galiza co Estado, senón tamén para sentar as bases para desenvolver un modelo económico e de benestar que permita mitigar e saír mellor da crise para que non se repita no futuro.

Nun contexto no que cada vez está máis claro que o Estado español ou é plurinacional ou non será, o debate e elaboración do novo Estatuto de Nación pasa a ser unha prioridade para ir colocando no futuro o carácter de Galiza e o seu pobo como suxeito político de soberanía. Para todo, mesmo para orientar o modelo económico para saír da crise. ¿A onde imos?, ou mellor dito, ¿a onde queremos ir?. É pois hoxe unha cuestión política de primeiro orde. No nacionalismo galego hai respostas ás maiúsculas da política galega.


1 2 3 4 5 6 seguinte

[23-09-2010 00:29] Reflexiona, Catarina comentou:

Para a cara Catarina:
Vexo que non me fixeches caso entrando na páxina web do Bloco de Esquerda, porque se o fixeses abofé que polo menos dirías o seu nome correctamente e non engadíndolle un s. Teimo unha e outra vez en que a UPG e o BNG deberían seguir o exemplo do BE. Pero seguides igual de cegos que nos últimos anos e así teredes os resultados malos que van vir. A comodidade e os postiños nas institucións cegan a algúns e algunhas. E se por exemplo un incompetente do secretariado político se lle ocorre algo contraproducente ou pouco intelixente hai que seguilo como sexa até a morte e repetilo mil veces. Así pasou cando se decidiu promocionar a Quintana.
Por se non o sabes, en Portugal o cargo de presidente da República é máis simbólico que outra cousa, a diferenza do primeiro ministro. En Portugal na segunda volta das eleccións á presidencia da República van desde hai anos todos os partidos de dereitas cun único candidato e todos os do sector da esquerda con outro, incluído o PCP. Téntase neste caso evitar que volva saír Cavaco Silva, porque o BE non pode chegar a gañar cun candidato propio. Daquela PSP, BE e PCP apoiarán ao do PSP. É moi fácil de enteder. Caso moi distinto ao do BNG que sempre se pregou ás esixencias do PSOE tanto na política municipal como na autonómica, renunciando moitas veces a aspectos fundamentais do seu programa, só por conseguir para os seus algo de poder e postiños institucionais cómodos e ben remunerados.
O sistema electoral portugués para as autárquicas ou municipais é moi distinto ao vixente no Estado español e dificulta enormemente a entrada de organizacións novas e con pouca base militante nas autarquías ou concellos se non se controlan antes as xuntas de freguesía, institucións caciquís dominadas polos poderes fácticos locais e tendentes a facer perdurar o conservadurismo político da dereita, do PSP e nalgunhas localidades do Sul do PCP. O sistema electoral español facilita máis o cambios políticos.
En só dez anos o BE conseguiu grandes éxitos situándose na Assembleia da República con 16 deputados e no Parlamento Europeo, con 3, superando ao mesmo PCP.
Segues, como fan outros e outras, botando os balóns fóra, botando toda a culpa dos malos resultados do BNG nas autonómicas a causas externas, sen asumir que tamén e fundamentalmente foron debidos a unha deficiente xestión na Xunta e a unha política temerosa de facer os cambios que reclamaba o novo electorado da xeración do Prestige, que quería unha clara viraxe democrática e progresista. Ademais das causas externas que citas, coas que estou de acordo, houbo unhas internas. Se as recoñecésedes e vos enmendásedes poderían mellorar os resultados do BNG. Témome que e moito pedir. E pedir responsabilidades e facer os cambios de estratexias e dos "gurús" que se equivocaron iso xa sería tolería se temos en conta o inmobilismo existente.
Parece que aínda non entendes o que é a "esquerda verdadeira". Posiblemente aínda cres que a etapa quintanista do BNG foi de "esquerda verdadeira". Se queres coñecer o que é "esquerda verdadeira" olla a ampla biblografía da última publicación da CIG "Introdución á economía política". E sobre todo, Catarina, tenta levar esas avanzadas teorías á túa práctica diaria.
Sigo a Marx na necesidade de combinar teoría con praxe. Desde logo. Para min as persoas máis meritorias son aquelas que desempeñando un oficio ou profesión que non teña que ver co organización política nin sindical traballan socialmente para conseguiren cambios e avances na sociedade. Moito máis desde logo que aqueles que viven profesionalmente da actividade política e sindical e fan traballo cara á sociedade. E por suposto infinitamente máis que aqueles que teñen cargos institucionais, orgánicos e sindicais e teorizan e dan leccións desde un sofá. Que tamén os e as hai. E eu estou fartísimos destes últimos, nacionalistas e esquerdistas de boquilla, que practican unha esquerda e un nacionalismo litúrxicos.
Un bico e un abrazo para que reflexiones e recapacites.

[22-09-2010 00:32] Catarina comentou:

Para "A enorme diferenza entre o Bloco de Esquerda e o BNG comentou"

Eu non che son moi lida, xa o sei pero algo aínda ando de cando en vez e sinceiramente o que dis do Bloco de Esquerdas como exemplo non me casa co feito de que apoien ao mesmo candidato que o Partido Socialista Portugués para as eleccións presidenciais ou que apenas teñan presenza fora do parlamento.

Xa sei que na perda do goberno da Xunta non influiron as traicións do socio, nin os medios de comunicación, nin a xente moi guai que agora non abre a boca non se manifesta e daquela só atacaba ao BNG. Onde están agora todos eses?

E xa que te ofereces si que me gustaría algo de bibliografía sobre a "esquerda verdadeira", pero por favor que sexa xente que combina teoría e práctica. Algunhas estamos un pouco fartas de teóricos que nos dan leccións desde o sofá.
Un bico desde a discrepancia.

[20-09-2010 00:21] A enorme diferenza entre o Bloco de Esquerda e o BNG comentou:

Para "Do futuro falas ti?"

Se se fala do pasado, do Bipartito, é para que o BNG non volva cometer os mesmos erros, teimando na mesma liña fracasada.
Quen dixo que o que fai Feijóo estea ben? NINGUÉN. O problema radica en que algúns -Suárez Canal é un exemplo- seguides outra vez polo mesmo camiño. E non caedes da burra! Notase que queredes seguir a mesma política errada dos últimos dez anos, con temas paralizantes como o do Estatuto, porque vos asusta ser antisistema. Agora que a conxuntura pola destrución social do neoliberalismo e das súas políticas sería favorábel para coller a representación dunha esquerda social sen representación política e institucional, necesitada dela. Témome que ides desaproveitar esta grande ocasión con tema tanxenciais como a defensa dun estatuto e con actividades máis propias de asociación cultural como homenaxes a Rosalía de Castro e a Castelao. (E que quede clao que os dous merecen homenaxes, pero estas homenaxes non poder ser o centro da actividade dunha organización política.) Se seguides así, sen adicarvos aos problemas fundamentais dos galegos e galegas, só co apoio dalgunha base militante, o futuro electoral seguirá sendo mediocre o en descenso.

Para Catarina:
Necesitarias ilustrarte un pouco para que vexas que hai propostas de esquerda verdadeira moi serias neste momento. Se nos as coñeces douche unha bibliografía.
Pola contra, as propostas que ti defenden non son nada serias e non teñen futuro nin van ter un grande apoio social.
Supoño que os teñen que traballar máis son os liberados e os cargos institucional profesionalizados, Ou non? É a súa obriga e deben cumprila. O mesmiño que pasou cos cargos do BNG que houbo no Bipartito. Algo tiñan que facer, non? Non cobraban e esa era a súa actividade remunerada? Pois, en xeral, decepcionaron e contribuiron a desperdizar unha grande oportunidade histórica que ao mellor tarda moitísimos anos en repetirse.
As masas pódense mover se se queren mover. Ou é que somos máis parvos os galegos que os gregos? Pero para movelas hai que estar en contacto con elas permanentemente para conciencialas. Non chega con mandar ao domicilio de militantes do BNG convotarias.
A UPG e a CIG fixeron asembleas de desempregados para tentar movilizalos? Verdade que non?
Por se non queres profundizar no tema con bibliografía, recoméndoche algo máis doado: entra na páxina web do Bloco de Esquerda e le. Verás moita diferenza co BNG na política que segue, como tamén nos resultados electorais. Nos últimos dez anos o Bloco de Esquerda ascenso meteórico e o BNG declive constante.

[19-09-2010 21:52] DonGuandascalzasverdes comentou:

Seguindo co exposto na miña anterior intervención sobre os "momentos BNG" ao fío das "maiúsculas para Galiza na política" que nos propoñía o Alfredo, vou tentar darlle contido -brevemente- ao que teño comentado.

No tempo do "pre-BNG", nunha Galiza de paso entre o pre-capitalismo e a "modernidade capitalista", acadouse unha organización forte, unhas organizacións sindicais con incidencia significativa no mundo do traballo, unhas asociacións culturais con capacidade e responsabilidade, unha entrada na mocidade exemplar, unha chea de cadros políticos de primeiro orde, un predicamento sólido ao respecto da lingua e da dignidade como país, e unha batalla a prol da soberanía nacional e contra o estatutarismo constitucional. Foron tempos duros, onde moitos remataron na cadea, ou represaliados nos seus traballos, onde falar galego segundo en qué ámbitos ers visto con rexeitamento e etiqueta de bloqueiro radical, onde se nos homologaba á esquerda abertzale -cos que tivemos demasiados flirteos estériles, lembrade que daquela non se criticaba a estratexia militar de ETA-. Foi época de desunión nacionalista, cunha EG de Camilo facéndolle as beiras, como sempre, ao poder, xugando co PSOE a todo o que se poidese. Este BNG foi barrido, por non homologable, das institucións, cun mínimo apoio electoral. Había un tremendo "gap" entre a mensaxe e estratexias e a sociedade.

Co "BNG ilustrado" do Sr. Beiras, despois de Riazor, nun momento polítioc e económico diferente, cos sociatas en Madrid, ca UE esnaquizando o país, co PSOE cómplice da dereita -son uns amigos máis da clase corporativa, eles mesmos forman parte dela nalgúsn casos- no seu plan de anaiquilar os sectores productivos, e cun Fraga xunteiro -mago da política- enchendo os petos dos seus amigos cos fondos estructurais da UE. Época de cartos a manscheas que serviron para comprar e subsidiar a un país que renunciaba a un desenvolvemento económico e á converxencia ca UE e co resto do estado español. Aí o BNG, liderado polo Xosé Manuel, soubo rentabilizar un traballo institucional ben feito, xunto cunha proxeccción política no estado e un traballo das organizacións de base, que fixo visíbel ao BNG na sociedade como referente de cambio... e chegou o "sorpasso". E despois o enfriamento por esgotamento so Sr. Beiras e a incapacidade para dar continuidade a unha politica e a unha unión organizativa no nacionalismo, vital para a supervivencia do proxecto. O BNG estaba cheo de intelixencia, capacidade política, solidez ideolóxica e ilusión. O paso dese BNG ao "BNG paifoco" do Quin-Basingher foi titelado e consentido pola UPG como un mal menor -que sempre son os piores males- cun infantilismo e unha cegueira alimentada pola urxcencia de cesar ao César canto antes. Ben é certo que o Sr. Beiras non estaba para moitas batallas, mais o apoio a un tipo como Quin, do que se sabía case todo, non deixa se sorprender. Nunca até ese momento a sociedade galega considerou ao BNG unha alternativa tan sólida e fiable... cun apoio moi significativo, tanto nas clases urbanas acomodadas como en sectores das clases popular do rural e periurbanas. O BNG contaba. Era quen de execer con responsabilidade as súas tarefas políticas nos concellos e nos parlamentos. De estar onanísticamente satisfeitos do qeu eramos, pasamos a que os demais o estiveran de nós... a ser máis e mellores.

E chego ese cambio atrapallado e errado ao "BNG paifoco", e a chegada ao governo da Xunta co PSOE e perdendo votos e escanos. Tanto daba: estabamos no poder. E a xente, non se alporizou, porque eramos moi moi fiables. Claro, para a mitade da povoación, a outra nos nos quería, pero iso pasa sempre: non che vai querer todo santo dos altares!!. E velaí ao Quin e os seus amigos, repartídose o pastel. Nomeando coleguiñas para ocupar postos, facendo unha xestión de fume, e renunciando a facer política nacionalista transformadora, aproveitándose persoalmente dos cargos (hai tanto exemplos, e afectan a todos os sectores do BNG que fa vergoña citalos), pensando que se manterían no poder pasara o que pasara, que o dificil era chegar, e o fàcil manterse. Traicionando ideas, principios, modos de facer política: lembrades á Táboas repartindo unhas chaves de vivendas a unhas pobres xentes como se fora a "Gran Conqueridora"? Lembrades ao Quin-Astair de bailongo e paparotada un día si e outro tamén mentres vendía fume sobre a dependencia? Lambrades a escandalera prevaricadora da Candocia e o seu partener vigués no Consorcio? E a xestión do Director Xeral da Xuventude... alguén a lembra?. Lembrades á conselleira de Cultura renunciando a resolver a Cidade da Cultura e poñéndoa en mans do Touriño e da comisión de expertos (??)? Lembrades os sudores de Alfredo no segundo verán de governo? Lembrades canto tardou Fernando Blanco en mal-resolver o tema das eólicas? -que coño estiveron facendo durante tres anos para querer gañar o partido de penalti e no último minuto? E a quen tiña en certas DX? Que fixeron en máis de tres anos? E en Galiza Calidade... que se facía? Qué negocietes? Que se fixo alí en tres anos? Sábese? Debería o BNG e a sociedade galega sabelo?.

Non nego acertos, que os houbo, mais a sociedade galega decidiu que non. Que a experiencia de cambio e relevo do PP abondara con tres anos e medio. Non podo aceptar que factores "esóxenos", tan manidos despois da derrota, señan os fundamentais. Sempre se lle bota a culpa ao árbitro!!.

E despois o relevo, o "BNG do cacharros", tamén titelado pola UPG, que dá un golpe na mesa e di: até aquí chegamos!!!. Como se non houbera ningunha responsabilidade na desfeita previa. E agora as grandes liñas estratéxicas do BNG: caixas, lingua e estatuto de Nación. Pois veña...a prepararse para a novena das municipais. Por certo, algún día habería que falar dalgún alcalde do BNG e da súa xestión urbanística. E que se algo ten mudado no BNG nestos anos é que agora hai a "lei do silencio": dalgunhas cousas é mellor non falar, todos as sabemos, pero hai que calar, non dar pistas, deixalo correr... Noxo que me da.

1 2 3 4 5 6 seguinte
Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña