21:46 Sabado, 24 de Outubro de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

14-09-2010

Boa parte das chamadas clases medias son cada vez máis conscientes da súa proletarización

A crise económica simplifica a estrutura de clases

Valorar (37)

DUARTE CORREA PIÑEIRO


Cartel da CIG


Diante dun albanel que cobre 1.300 euros ao mes a ninguén se lle ocorrería dicir que este non forma parte da clase traballadora, pola contra a un funcionario cun salario de 1.000 euros algúns teñen dúbida de que poidamos consideralo parte da mesma clase que o albanel, e ademais moitos deses funcionarios non se consideran clase traballadora e pensan que son clase media pois teñen un traballo fixo e salario garantido a final de mes.

En plena crise ábrese unha vez máis o debate sobre a existencia ou non das clases sociais, desde os altofalantes do sistema como é lóxico pero tamén desde algúns ámbitos que din loitar contra o poder establecido négase a existencia das clases sociais; pero digan o que digan as clases están aí e teñen intereses enfrontados, intereses que dan lugar á loita de clases, sendo esta loita unha realidade que se manifesta con maior forza unhas veces que outras e que en épocas de crise como a presente adquire unha maior virulencia. Calquera que aspire a modificar a actual situación e edificar unha alternativa ten que estudar as clases socias e a correlación de forzas existentes en cada momento, pois de non facelo así amosará que simplemente está a xogar.

As palabras LOITA e CLASE teñen significados que están presentes no noso día a día pero en moitos ámbitos pronuncialas soa a vello, e incluso as persoas que buscamos unha transformación da sociedade e acusamos aos xestores do actual sistema de agachar a realidade baixo un manto de propaganda, mentiras e conceptos desemantizados, moitas veces cometemos o erro de evitar empregalas na nosa conversa ou intervención pública por medo a transmitir imaxe de atrasados e de estar fora de tempo. É polo efecto que aínda que as veces nos resistamos a crelo tamén sobre nós teñen as machaconas mensaxes do sistema. 

Durante anos tentaron facernos ver que na sociedade occidental calquera persoa pode chegar a ascender social e economicamente coa simple combinación de esforzo persoal, sorte e bo comportamento, pero iso non é real e tampouco é real o exemplo que sempre nos poñían do magnate financeiro ou do grande empresario feitos a si mesmos que saíndo dunha familia sen recursos chegaban ao cumio do prestixio social, un exemplo modernizado hoxe coa historia do preto que chegou a presidir o país máis poderoso do mundo enfrontándose ao sistema.

Os que espallan ese discurso da desaparición das clases sociais no mundo da globalización xogan cun importante elemento ao seu favor, é a cultura da apariencia que está firmemente instalada desde hai tempo na nosa sociedade,  un mal que fai que a maioría da xente teña vergoña de asumir a súa propia realidade e busque sempre imitar ao que está por riba seu na escala económica e social; un mal que fomenta o individualismo para que cada un considere que debe atopar a súa propia saída, unha saída persoal que lle garanta un lugar á beira dos que moven os fíos. O mesmo individualismo que predica a inutilidade das organizacións políticas ou sindicais na defensa dos intereses, pois se os intereses son individuais non poden ser defendidos colectivamente.

Se nos anos sesenta do século pasado sobre todo na Europa occidental irrompeu coa forza do estado do benestar a chamada clase media que co seu poder adquisitivo e as súas condicións laborais facía de separadora entre a clase traballadora no sentido estrito e a clase alta, o século XXI semella que vai supor unha simplificación da actual estrutura de clases;  pois a crise do sistema económico neoliberal na que estamos inmersos está a facer que esa mal chamada clase media sexa cada vez menos numerosa e por tanto cumpra cada vez con máis dificultade o seu papel de amortiguadora de contradicións.

Os chamados traballadores de luva branca (funcionariado de niveis medios, bancarios, oficinistas, etc...) que polo xeral ollan por enriba do ombro ao resto da clase traballadora amosando unhas grandes doses de corporativismo e insolidariedade, ao considerarse xa parte dun estadio superior en ascenso imparábel cara outra clase, están sendo uns dos máis afectados pola actual situación. Eles adoitan ser os que teñen un maior nivel de endebedamento, nos últimos anos perderon unha importante porcentaxe de poder adquisitivo e sobre todo son os máis contaminados por esa cultura da apariencia. A degradación da súa situación económica e laboral fai que obxectivamente pasen a formar parte da ampla masa dos máis prexudicados polos efectos da crise aínda que a meirande parte deles sigan resistíndose a recoñecelo e en non poucos casos busquen culpábeis na inmigración, no excesivo custe que supoñen para o estado aquelas prestacións sociais das que eles non fan uso ou na tan manida falla de  produtividade dos demais, que sempre son culpábeis de que o país non vaia ben.

A progresiva proletarización e o retroceso nas condicións de vida, ou falando máis correctamente, o retroceso nunha capacidade de consumo que consideraban garantida até que se producira o seu ascenso na escala social, fai que desapareza o que os alonxaba do resto da clase traballadora pero pode ser  o propio sistema, ao igual que aconteceu noutros momentos históricos, o que os converta na munición que dea corpo a propostas políticas seudofascistas agochadas baixo discursos de mantemento da orde, rematar coa corrupción e o despilfarro, recuperar a economía, etc..., propostas creadas co claro obxectivo de evitar que se acade un nivel superior na loita de clases.

A nova situación consecuencia do enmagrecemento desa chamada clase media ten os perigos antes sinalados pero ao mesmo tempo pode aportar novos brazos á edificación de alternativas transformadoras. É certo que non vai ser doado incorporalos á loita, pois seguen contaminados pola ideoloxía dun sistema que os anima a atopar unha saída individual, pero é función dos sectores progresistas facer ver que sairían favorecidos coa implantación das alternativas políticas e económicas que defendemos para Galiza, e que pola contra as medidas adoptadas polos xestores do actual sistema, chámense PSOE ou PP, supoñen afondar na degradación da súa situación e na perda de dereitos.


1 2 3 4 seguinte

[16-09-2010 02:19] Sr. Domingo comentou:


Ben , Lois, vexo que superache o prexuicio doutros comentarístas que gobernan todo con decir que a estructura social é complexa ou que o discurso é atrasado, sen aportar nada.Non se pode nin se debe seguir adiando debates como este. Comprre ter a valentía do autor e abordalos na tería e na práctica.

[15-09-2010 20:08] maribel comentou:

Gustoume o artigo e que razón tés, falábao o outro día cunha empregada de caixa galicia que me dicía que eles van pagar a mala xestión dos xefes que xa están todos colocados eu dicíalle que se tiñan que mobilizar e ela contestábame que era imposible. Saúdos.

[15-09-2010 14:12] Stalis comentou:

Concordo plenamente con LoisPC

[15-09-2010 12:38] Stalis comentou:

O lio é considerábel amigo CMM.

Non se pode xungir a conciencia de clase á presenza sindical, é a organización política a que a define.

E agora mesmo na CIG a situación é moi problemática, co triunfo do sindicalismo sen ataduras, e cun reforzamento destas teses que levan mesmo a condicionar a política do BNG e a UPG, o mundo e a racionalidade ao revés.

1 2 3 4 seguinte
Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña