07:39 Venres, 30 de Setembro de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

14-09-2010

Acometamos a desmontaxe dos prexuízos tendenciosos que se teñen verquido sobre a propia Idade Media no seu conxunto, pois empecen a comprensión dun período que revestiu tanta importancia na formación das nacións

A invención da Idade Media

Valorar (19)

ANSELMO LÓPEZ CARREIRA



As circunstancias concretas en que a Historia se constituíu en ciencia dotaron dunha relevancia especial a Idade Media. En primeiro lugar porque iso aconteceu no momento en que o Liberalismo (como sistema político e económico) triunfaba sobre o modelo vixente no Antigo Réxime, a chamada sociedade feudal. En segundo lugar porque axiña se percibiu que foi precisamente durante a Idade Media cando se formou a Nación na súa fasquía actual, e o Liberalismo de corte xacobino (o elixido por España) pretendía presentar o Estado como se fose unha Nación.

Por unha e outra razón, a Idade Media adquiriu especial relevancia no discurso historicista oficial. Mil anos de historia europea que globalmente se entenderon como o período de sedimentación das esencias nacionais e de progreso desde a fragmentación política do feudalismo ata a meta final do estado unitario, remate supremo dun proceso cheo de dificultades.

Esta visión finalista da Historia, concebida como unha evolución necesaria ata metas superiores (no noso caso España) constitúe un pesado lastre que prexudica a súa comprensión obxectiva, pois consolidou preconceitos fondamente enraizados en nós (tras tantas décadas de repetición acrítica e invariable), con consecuencias particularmente negativas para aquelas nacións que, como Galicia, non chegaron a dotarse do seu propio Estado, e ás que por iso mesmo se lles nega a condición de nación e se presenta a súa reivindicación nacional como unha resistencia arcaizante asumida por sectores historicamente retrógrados; unha pretensión que supostamente vai en contra dos xa trazados designios da Historia.

Mais tamén o outro feito antes sinalado (o nacemento da ciencia histórica nun momento en que o Liberalismo combatía aínda contra o Feudalismo) repercutiu de forma negativa na opinión creada sobre a chamada "Idade Media", poñendo ante nós un potente escollo para resituar a Historia de Galicia.

En efecto, a orientación oficial da historiografía española terxiversa por completo a realidade histórica galega, e é preciso opoñer argumentos capaces de facer visible o país na súa realidade histórica. Mais aínda antes dese traballo laborioso e demorado cómpre acometer a desmontaxe dos prexuízos tendenciosos que se teñen verquido sobre a propia Idade Media no seu conxunto, pois empecen a comprensión dun período que revestiu tanta importancia na formación das nacións; tamén da nosa.

O concepto de "Idade Media" dotouse desde o principio dunha carga pexorativa, pois os "humanistas" do Renacemento viron neses séculos que os precederon como un período de escuridade e retroceso en todos os campos, interposto entre a época pretendidamente luminosa en que eles vivían (é certo que os lumes inquisitoriais dos séculos XVI e XVII contribuíron a esa luminosidade) e aqueloutra tamén gloriosa da Antigüidade greco-romana. Entre ambas etapas supostamente positivas interpuxérase esta idade "media", na que só se querían ver inxustizas, arbitrariedade señorial, miseria popular, imperio da forza, decadencia estética.

Unha visión tan falseada deses mil anos de Historia ten que ser relativizada na confrontación que durante boa parte do s. XIX (cando nace a historiografía actual) mantiña a emerxente burguesía liberal contra o decadente señorío feudal. Nesa conxuntura revolucionaria botáronse sobre o antagonista todas as descualificacións posibles, o cal non só xustificaba os repetidos levantamentos dese período e os excesos contra a vella elite hexemónica (a aristocracia), senón mesmo os moi abondantemente cometidos contra os sectores máis oprimidos e a frustración das súas esperanzas de liberdade e emancipación, que creron abrirse tamén para eles, violentamente reprimidas en nome da modernidade liberal.

Así, en Europa, o acceso da burguesía ao poder veu acompañado pola privación de terras para unha enorme masa de campesiños, condenados á emigración masiva; polo desamparo dos proletarios fronte a unha explotación capitalista inhumana; pola negación da participación política para a pequena burguesía. Mais todo en nome dos incuestionables designios da Historia.

A demonización da Idade Media outorgaba lexitimidade á burguesía triunfante, que se proclamaba portadora da "democracia" fronte ao despotismo "feudal", aínda que en realidade só se tratase da máis restritiva interpretación da democracia, escandalosamente reservada a unha minoría oligárquica, mentres á gran masa popular se lle negaba o acceso ao sistema político ou mesmo se sometía a unha explotación desapiadada, en nome das liberais relacións de propiedade capitalistas, características do proceso de Revolución Industrial. En cambio, boa parte das vellas elites aristocráticas do Antigo Réxime puideron instalarse comodamente no novo modelo de sociedade.

Se a utilización ideoloxizada e belixerante da Historia da Idade Media serviu aos obxectivos da burguesía "liberal", este factor tivo un efecto especialmente pernicioso sobre a propia ciencia histórica, ao darlle carta de natureza a uns prexuízos que custará moito erradicar. Un notable medievalista francés (Jacques Heers) sumouse ao esforzo desmitificador nunha obra precisamente titulada (na edición española) La invención de la Edad Media, de lectura amena, sorprendente e recomendable (e da que me permitín tomar prestado o título para este artigo). Un bó exercicio para comprender a Idade Media é pensar que nunca existiu: non é máis que un convencionalismo inventado para acoutar espazos cronolóxicos de estudo.

Liberarse deses tópicos é unha necesidade previa para sermos quen de comprender correctamente a Historia de Galicia.


[14-09-2010 12:54] xan comentou:

segue escrebendo Anselmo necesitamos xente que escreba a nsa historia. E dille aos demais que o fagan tamen, o Carballo, o Bieito, o Xan ... ainda tedes moito que dicir!

[14-09-2010 08:18] Abelardo Xosé del Caño Varela comentou:

Unha lección maxistral de historia. Graciñas polas tuas clases!

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña