03:55 Mércores, 06 de Xullo de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

13-09-2010

A vertedura de petróleo do Golfo de México afectará dun xeito gravísimo ás tartarugas mariñas, todas elas nunha delicada situación de conservación a nivel mundial, ao bordo da extinción

Golfo de México: tartarugas e chapapote

ALFREDO LÓPEZ FERNÁNDEZ



As novas publicadas indican que do 20 de abril ao 21 de xullo, en tres meses, foron rexistradas 709 tartarugas mariñas varadas, das que 184, o 26%, presentaban síntomas visíbeis de afectación por petróleo, aínda que poden ser moitas máis xa que non chegan a varar todas as que morren no mar. 

Sabemos de boa tinta que significa isto xa que, cunha media de 300 exemplares ao ano, as nosas costas rexistran o maior número de varamentos de fauna mariña ameazada, tartarugas e mamíferos mariños, do sur de Europa. Tamén porque entre novembro de 2002 e marzo de 2003 foron rexistradas case 100 tartarugas mariñas varadas, cando nese período normalmente aparecen 3 ou 4 cada ano. Daquela o Prestige supuxo o primeiro desastre ambiental no quese rexistraron cetáceos mortos polo impacto directo da vertedura, golfiños e baleas, e o primeiro no que se comprobou o impacto sobre as tartarugas mariñas, estimando a mortalidade nese período nuns 700 exemplares.

O investigador americano Epperly, estimou que varan nas praias entre o 7 e o 13% das tartarugas  mortas no mar (http://www.seaturtle.org/PDF/Epperly_1996_BullMarSci.pdf), este dato non é específico no Golfo de México, mais nas súas costas, área de alta densidade de tartarugas mariñas, prodúcense capturas accidentais en palangre e en arrastre de camarón, debido a que existe un esforzo de pesca das 24 h do día, e como consecuencia acontecen varamentos de moitos deses animais mortos nas faenas pesqueiras. Un informe específico sobre a diminución das tartarugas mariñas (http://books.google.es/books?id=mlzhX0c7nbkC&printsec=frontcover#v=onepage&q&f=false) así o recolle, indicando que se estima que a captura accidental de tartarugas no Golfo de México acada a cifra de 47000 exemplares ao ano, cunha mortalidade do 23%, polo que o varamento anual de tartarugas na área será de entre 800 a 1430 exemplares, iso sen chapapote ningún.

É por iso que facer circular cifras de mortalidade sen a súa relación coa mortalidade crónica non significa demasiado e forma parte da estratexia de comunicación dos grandes emporios ambientais.

Impacto da vertedura no Golfo de México

O impacto da vertedura sobre as tartarugas é en todo caso gravísimo. No Golfo de México non afectará aos lobos mariños, xa que a foca monxe das Caraibas hai tempo que está extinguida. Afectará ás baleas xibartes e tamén aos golfiños, mais afectará moi profundamente ás tartarugas mariñas, pois ademais de matar algunhas das que están varando cheas de chapapote vai afectar ás praias, aos lugares naturais de posta.

As augas do Golfo de México son o reservorio de cría das tartarugas mariñas do Atlántico, sen dúbida a área de posta, aínda que non única, de mayor importancia. De alí saen as tartaruguiñas na súa dispersión atlántica, din que tardan entre sete e quince anos en chegar ás nosas costas, ninguén o sabe, mais o que si sabemos é que algunhas nais tartarugas de coiro veñen directamente cara a Galiza (http://www.conserveturtles.org/seaturtletrackingmap.php?page=satlb_jamur2) e tardan menos dun ano.

Galletas viaxeiras


E logo que pasará coas galletas de chapapote?. O groso do petróleo quedará no propio Golfo de México, a dimensión da vertedura é enorme. Logo de disolverse unha parte, a parte pesada ocupará os fondos, mais outra fracción quedará aboiando entre augas, tal e como vivimos nas nosas costas coas famosas galletas. O petróleo que queda aboiando é moi perigoso pois pode ser identificado como alimento polas baleas, pode afectar a moitos seses vivos que o identifiquen como protección e mesmo pode trasladarse a áreas moi afastadas por mor do desprazamento das correntes.

Volvendo ás tartarugas, ao igual que se describe na película de debuxos animados NEMO, as tartarugas viaxan polas autoestradas de auga formadas polas correntes mariñas superficiais, a que chega as nosas costas é a Corrente do Golfo, e nela viaxa a fauna asociada. Cando temos vento do sur no verán e a principios do outono, chegan os augamares, ou medusas, e atrás delas as tartarugas, pois tamén son o seu alimento. Desta volta teremos que estar atentos a ver en que rolda chega o chapapote, este outono non será, mais, igual cando chegue xa non temos memoria dese desastre, por iso teremos que deixarlle o recado á seguinte xeración, por se acaso.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña