06:47 Luns, 23 de Setembro de 2019
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

26-02-2010

Moitos estaban en Haití antes do tremor, porque Haití xa era un terremoto de inxustiza

A dous meses de Haití

Valorar (13)

RUBÉN ARAMBURU MOLET


Catástrofe Haiti


No prólogo co  que I. Ramonet abre o libro de Pascual Serrano “Desinformación”(Península) sinala a perversa estratexia da sobreinformación: a ditadura mediática golpéanos con tal cantidade de novas e imaxes que non nos  decatamos de nada. Os medios xogan coas emocións, e as emocións soben as audiencias e dan cartos. A dous meses da catástrofe, Haití xa non é noticia, os xornais foron reducindo xeometricamente os espazos ata o tamaño das necrolóxicas mais baratas.

Maite, é unha relixiosa do Sagrado Corazón que traballou na Galiza. Leva tempo en Haití e  aló  mantennos informados: A súa casa e colexio desapareceron, unhas monxas veciñas acolléronas xunto a centos de persoas e intentan sobrevivir e axudar. Di Maite que xantan todos os días grazas “ao mercado informal e ao traballadoras que son as mulleres haitianas.Nas rúas pódese mercar pan, plátanos e produtos básicos. Os prezos duplicáronse pero hai comida”.  Vainos contando desas cousas que ninguén nos conta, como que chegaron seis escavadoras da República Dominicana, aparcaron na rúa e alí levan días e días sen que ninguén saiba para que. Desconfían que a axuda internacional non é controlada por ninguén pois o mercado negro empezase a abastecer de produtos estranxeiros, entrementres “temos 7.000 cascos azuis e 10.000 marines USA. Para que? preguntámonos. So os vemos polas rúas en camións e tanquetas. Hai cantidade de helicópteros (lembro cando no país só había un) sobrevoando o país todo o día. Non teñen xa fotos de mais?... Non precisamos estranxeiros que paseen todo o día facendo fotos desde os camións a todas horas, precisamos que se reparta a comida que chegou de tantos países e que algunha está podrecendo porque non a deron vendido no mercado negro; que se constrúan refuxios antes de que cheguen as choivas; que todos os afectados teñan aceso aos recursos, pois os que están fóra da capital non lles chega nada. Só en Porto Príncipe desapareceron máis de 1.000 escolas e case todas as facultades. O Goberno mandou recomezar as clases o 1 de marzo, onde? Pregunta a nosa amiga. Millón e medio de persoas viven en campos de refuxiados cubertos con plásticos, as cifras oficiais falan de 200.000 mortos, pensa Maite que son moitísimo mais.

Os xornais españois foron dando conta da axuda humanitaria enviada polos países do mundo e tamén dos efectivos médicos e de rescate. Parecía unha lista de xenerosos. Mentres citaban dous médicos turcos entre os enviados, esquecían falar dos mais de 50 médicos cubanos presentes na Illa, e doutros tantos médicos haitianos formados de balde  en Cuba. Moitos estaban en Haití antes do tremor, porque Haití xa era un terremoto de inxustiza.

Leo que hai unha Feira de Millonarios en Munich con gran éxito de asistencia, onde se pode mercar un teléfono móbil por 178.000 euros, unha almofada adornada con brillantes por 300.000 euros, cigarros envoltos en ouro…que en plena crise da construción directivos de promotoras ou construtoras  perciben salarios entre os 100.000 e os 250.000 euros.

O mártir, Ignacio Ellacuría, empregaba unha crúa metáfora: cando un anda mal do estómago mándanlle facer unha análise de feces para detectar a enfermidade. As feces da sociedade capitalista son os países do terceiro mundo. Cal será o diagnóstico?

Tremeu tamén A Madeira, a illa veciña, amiga, batida por feros ventos como a Galiza nestes días. Da Madeira, soubémolo todos, é o Cristiano Ronaldo , grande mesías dos soños e dos euros. Os xornais deportivos relatan estes días a súa vida, como chorou aos 17 anos por un mal xogo… Ninguén nos conta que da Madeira é tamén o gran poeta Helberto Hélder, e aló vive agochado misterioso, lonxe de portadas e audiencias. Deixo aquí este texto en memoria das vítimas, e de quen estaba, está e estará en Haití cando todos marchen, como Maite: 

 "E vi os mortos, como quando a figueira lança os seus figos verdes, entre as águas que estavam debaixo do firmamento, águas negras, e a lua como sangue, denso granizo e neves do espaço tenebroso. E as estrelas do céu e as águas que estavam por cima do firmamento caíram na terra, e eis que havia um grande terramoto, e rasgou os limbos a antiga luz das fábulas, e foram abertos os livros. E dentro desta luz e desta morte, os sons amadureciam. Os homens es as mulheres caíam cegamente pela boca, e o sol tornou-se negro como um livro que se enrola, e todos os pequenos e grandes montes e ilhas se moveram dos seus lugares. Abalada de um grande vento, a luz terrível subia e girava, puxando violentamente mortos brancos que ficavam presos pelos deslumbrados e arrastados lábios ao céu que se tornou como um saco de silício. E os seres aniquilados beijavam essa colina, e em baixo o céu retirou-se, e fez separação, e estalavam as cúpulas vermelhas".

Helberto Helder, A Máquina de Emaranhar Paisagens, 1963.


[26-03-2010 ] maría comentou:

Enviáronse continxentes de alimentos, medicinas, mantas. EEUU mandou os seus marines, chegaron a Haití médicos sen fronteiras, bombeiros, enfermeiros, voluntaris de diversas ongs.. e todo isto serviunos para tranquilizar as conciencias dos do primeiro mundo. É verdade que xa non sae na tv, nin na radio ou prensa noticias sobre o terremoto , sobre as súas consecuencias , sobre os nenos que quedaron sen familia, sobre os que desaparecen , sobre a fame e a miseria, pero non nos importa... se non vemos , oimos ou lemos, cremos sen máis que realmente foron efectivos os 20 euros que doamos nunha desas contas bancarias destinadas a "axuda a haití"

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña