23:53 Venres, 14 de Decembro de 2018
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

05-09-2010

Coa lectura desta obra saberemos máis da nosa cultura, da nosa historia, da nosa lingua e da nosa literatura dunha época que significou grandes cambios e avances para Galiza

Unha lectura de Scórpio, de Ricardo Carvalho Calero

Valorar (14)

MÓNICA PAZOS MARTÍNEZ


Portada do libro


Este ano, Ano Carvalho Calero, celébrase o centenario do nacemento do escritor ferrolán e tamén  vinte anos da súa morte. Aproveitemos esta conmemoración para volver ler a súa obra pois a mellor maneira de coñecermos e valorarmos esta figura é coa lectura dos seus libros.

Scórpio, a súa última obra, foi publicada en 1987 e nalgúns aspectos  podemos considerala autobiográfica.   O título fai referencia ao protagonista do libro Rafael Martínez Pinheiro que ten como alcume Scórpio porque "as pessoas que nacem entre o 24 de Outubro e o 22 de Novembro, vem a luz sob o signo de Scórpio", como o propio Carvalho Calero.

O romance está estruturado en dúas partes. A primeira, con 77 capítulos, comeza co nacemento de Rafael e remata cando este viaxa a Madrid a facer as oposicións a catedrático de instituto pouco antes do comezo da Guerra Civil. A segunda parte, de 59 capítulos, narra os tres anos de Guerra Civil e coa fin da guerra conclúe o romance: "Fim da República. E a Galiza? Bóveda, imolado; Castelao, em Nova Iorque. Scórpio, morto cabo de Cleo polas bombas da aviaçom fascista, nom sei se invejar a tua sorte."

Todos os capítulos comezan co nome dunha das personaxes que funciona de narrador en primeira persoa. Son múltiples as voces que van contando a historia de Scórpio pois el nunca aparece directamente. Así hai diferentes puntos de vista polo que o romance ten unha gran riqueza temática e técnica.

Ao longo da historia son 50 narradores diferentes que nos van informando da evolución de Scórpio.  Na primeira parte, son 31 narradores, 14 correspóndense con personaxes femininas e 7 con personaxes masculinas aínda que a visión ofrecida por estes últimos predomina pois 45 capítulos desta primeira parte son desde un punto de vista masculino. Na segunda parte, que tamén ten menos capítulos, son en total 19 narradores diferentes, dos que 14 son personaxes masculinas e 5 femininas. Na primeira parte Sagitário, o amigo e compañeiro de Ferrol,  é o narrador máis importante para coñecermos a vida de Scórpio. Na segunda parte,  é Casado, compañeiro de estudos de Salamanca e nas oposicións,  o principal narrador.

As personaxes femininas serven para describir o mundo familiar de Scórpio: Aurélia, Mercedes, Chéli...; o éxito coas mulleres: Cleo, Merche, Amália, Helena... que reflicten os diferentes sentimentos que provoca nelas o protagonista. Cleo (Júlia), a única que é relevante nas dúas partes do romance,  serve de continuidade entre os anos en Santiago de Compostela e a guerra en Barcelona onde morre con Scórpio. As mulleres na obra representan un papel tradicional mais tamén aparecen figuras avanzadas, estudantes, independentes.

As personaxes masculinas protagonizan os acontecementos históricos e políticos. Mostran unha maior evolución. Sagitário, Salgueiro e Scórpio pertencen á xeración do Seminario.  Participan nas actividades do Seminário de Estudos Galegos, en asembleas de estudantes, folgas, recitais de poesía, na FUE, conferencias, na asemblea fundacional do Partido Galeguista, reúnense con Bóveda, Castelao, Otero Pedraio, Suárez Picallo... Como di Salgueiro: "Hai, porém, que comportar-se seriamente, e sacrificar algo ao bem comum. Estamos num momento histórico. Hai que comprometer-se".

Nesta obra Ricardo Carvalho Calero fala do proceso de creación. A personaxe de Salgueiro, que é presentado como posíbel autor da obra de Scórpio,  fai reflexións sobre a literatura: "Nom temos por que chamar-lhe "novela", em galego, ao relato longo. Nisso o castelhano é a excepçom. Novelas, nouvelles, novelle, é dizer, relatos breves (...) Mas agora quero escrever umha obra narrativa longa, um romance, roman, romanzo. Pouco hai disto na literatura galega. Nos tempos presentes aponta entre nós um verdadeiro romancista. Os caminhos da vida seria um verdadeiro romance". 

Salgueiro ao falar da futura obra sinala as características de Scórpio. Por un lado, a importancia do misterio neste romance: "Mas precisamente a sua enigmaticidade deveria ser respeitada, porque eu a vejo como umha particularidade de interesse dentro de umha narraçom". Por outro lado, a innovadora técnica empregada: "Seria umha composiçom polifónica, umha narrativa em que houvesse muitos narradores (...) Eu traduziria a umha linguagem que pretenderia ser eficazmente literária o discurso polifónico que constituiria a forma do romance (...) Nom som o clássico narrador omnisciente, mas possuo parcial conhecimento do interior de algumhas mentes, entre as quais non figura a mente de Scórpio".

Ao longo da obra hai continuas referencias que poden funcionar como xustificacións da elaboración do romance: "Polo de agora nom podo pensar no meu romance. E talvez nom poda escrevê-lo nunca (...) O romance... Quem sabe se o farei... (...) Chegarei a dispor de tempo, experiência e humor para escrever o meu romance? (...) Estou a escrever umha novela rosa? (...) Rosa é a vida destes estudantes, ou eles vem-na rosa, porque a vem através do prisma com que vê a vida a classe social a que pertencem. Essa é a filosofia da sua classe social, e os mesmos que se creem emancipados dos prejuizos da sua condiçom social, estám sujeitos a eles. Mesmo os que se creem revolucionários, ou rebeldes, ou incorfomistas (...) Assi que o melhor será abandonar o projecto e consagrar mais tempo a assimilaçom da Lei Hipotecária. (...) Retomarei-no algumha vez? Tal como o vinha fazendo, nom poderia publicar-se".

No romance tamén se reflexiona sobre a distinción entre ficción e realidade: "Scórpio, querido amigo, noutro tempo pensei fazer um romance de ti, tratando de comprender-te, de explicar-te através dos depoimentos, através dos testemunhos dos que te conhecerom. Agora me pergunto se nom escrevim realmente esse romance, e nom foste senom umha personagem que eu criei, umha criaçom fugidiça que mal pode apreender o criador". O último parágrafo da obra é metaliterario: "Se sobrevivo, e tenho sossego para isso, talvez retome aquel projecto que outrora alimentei de escrever a tua história. De inventá-la, pois foste sempre um mistério para mim. Mas, quem pensa em escrever a história de um home agora que agoniza todo o mundo?"

As referencias á lingua tamén son importantes pois retrata a situación sociolingüística desa época que se semella bastante á actual. Por un lado, o galego asóciase ás clases populares: "Por que Rafael escreve em galego? Agora acaba de publicar o seu segundo livro de versos. Eu mal entendo esse galego, tan distinto do que falam os marinheiros e os campesinos. (...) Poucas pessoas das que estavam presentes falarám habitualmente em galego. Muitas terám lido mui pouco ou nada escrito na nossa língua. As senhoras dos catedráticos com mais arraigamento no país associarám inevitavelmente o galego à fala dos caseiros das suas casas de campo".

A perda de transmisión xeracional e a distancia entre o galego culto e popular aparecen en Scórpio: "Os meus pais falavam em galego entre si, mas a mim falavan-me em castelhano. A mim e à minha irmá júlia, que morreu aos treze anos da sua idade. Assi que eu falei sempre em castelhano com Aurélia,  e os meus filhos já nom falarom mais que em castelhano com toda a gente. Eu, cando ainda me dedicava aos negócios, podia falar galego cos obreiros. Mas o meu galego é mui distinto do galego que escreve Rafael (...) E é que o galego que falamos está  mui estropiado, porque as gentes de mais poder e riqueza e cultura falam ordinariamente em castelhano, e todos tendem a imitá-las".

Tamén mostra a importancia da concienciación como paso para a dignificación e recuperación da nosa lingua. "Rafael e Chéli falam entre si em castelhano, mas cando vem Jorge, el e Rafael falam galego diante de Chéli,  e a Chéli nom lhe custa nengum trabalho falar com eles na mesma língua ou dialecto. Mesmo a min me soa melhor e mais natural o galego de Chéli que o de Rafael ou Jorge. Muitas vezes Chéli ri-se polas palavras raríssimas que usam Rafael e Jorge, e eles dim-lhe a Chéli que as que ela emprega nom som verdadeiramente galegas, senom tomadas ou adaptadas do castelhano. Mas ela di que essas, as que ela usa, som as que usam os seus pais, e deveras som as que os meus pais usavam, que nunca lhes ouvim termos como ronsel e Deus. Mas se cadra noutros sítios onde o galego se fale melhor ou mais cerrado, como nas Rias Baixas, ou na província de Lugo, estarám em uso essas palavras".

Scórpio de Carvalho Calero  é unha homenaxe a unha xeración truncada pola Guerra Civil. Coa lectura desta obra saberemos máis da nosa cultura, da nosa historia, da nosa lingua e da nosa literatura dunha época que significou grandes cambios e avances para Galiza.


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal