01:34 Mércores, 05 de Outubro de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

02-09-2010

Hai aspectos da xénese da Cidade da Cultura que merecen ser repasados

Cidade da Cultura, rompamos o silencio

Valorar (15)

ANA BELÉN PONTÓN MONDELO


Cidade da Cultura


Van alá case trece anos desde que Fraga, no debate de investidura como presidente da Xunta de Galiza de 1977, anunciara a súa intención de levar adiante esta iniciativa, concibida como unha serie de "bairros" culturais. Mais tarde confirmará -no seo da comisión de investigación creada no Parlamento de Galiza- que se trataba dun "soño". Un "soño" financiado cos recursos de todas as galegas e galegos e que para moitos, mais ben se transformou nun pesadelo pola polémica que xerou, os elevados custes de construción e mantemento do complexo e a dificultade real de que tal inversión sexa rentábel no futuro.

Hai aspectos da xénese da Cidade da Cultura que merecen ser repasados. Mais que nada, por determinar con clareza as responsabilidades que lle corresponden a cada quen na posta en marcha deste proxecto e os pecados orixinais que dificultan a súa viabilidade. Os máis salientábeis son a falta de proxecto cultural e os delirios de grandeza de quen concibiu a criatura -Fraga e Pérez Varela como máximos responsábeis políticos naquela etapa-, que ocasionaron un sobrecustes que xa case multiplican por cinco o custe inicial. O proxecto da Cidade da Cultura naceu cun orzamento de 108,2 millóns de euros e na actualidade, o custe estimado para a súa finalización ronda os 500 millóns de euros. Convén sinalar que todas estas obras foron adxudicadas por gobernos do Partido Popular, chegando ao extremo de adxudicar durante o seu período en funcións (no ano 2005) dous dos edificios mais custosos deste proxecto.

Sen embargo, o máis relevante é a ausencia de proxecto cultural, de definición duns obxectivos que xustificaran unha inversión pública deste calibre. Xa o advertiu durante os primeiros pasos desta iniciativa o BNG  a través da súa portavoz de Cultura no Parlamento de Galiza, Pilar García Negro. Por certo, crítica en solitario, mesmo con acusacións de falta de alturas de miras. Mais o tempo pon a cada quen no seu lugar. As afirmacións de que non se trataba dun proxecto que tomara en consideración a dimensión nacional de Galiza, a súa produción e proxección cara o exterior; de que duplicaba infraestruturas existentes; a falta de consenso e diálogo; ou a hipoteca que ía supor para a recuperación do noso rico e importante patrimonio artístico; tornáronse en verdades que ninguén se atreve a cuestionar.

Durante a etapa na que o BNG estivo á fronte da Consellaría de Cultura fíxose un intento por racionalizar e dotar de sentido para a cultura deste país á Cidade da Cultura. De seguro que non todos e todas coincidiremos nas solucións, que se cometeron erros, mais por primeira vez os diferentes sectores da cultura galega coñeceron o proxecto e tiveron a ocasión de poder participar na definición de contidos. Por primeira vez, existiu información non só a sociedade, senón en sede parlamentar, sobre a marcha das obras e os pasos que se foron dando para darlle un sentido nacional a uns edificios cuxo único valor é o arquitectónico.

O regreso do PP á Xunta de Galiza, retrotrae a situación ao ano 2005. volve o silencio e a ocultación de información en relación coa Cidade da Cultura. Mesmo semella ser un tema tabú, tanto para medios que facían un "seguimento" case diario deste proxecto, como para moitos e moitas opinadores. Co PP na Xunta a Cidade da Cultura deixa de ser tema nacional, esváese. Mais a responsabilidade esixe unha actitude ben diferente. Non pode tolerarse o silencio, nin deixar pasar o tempo sen dar un debate sobre o fundamental: para que queremos uns edificios nos que os galegos e galegas imos investir case cincocentos millóns de euros? A resposta é complexa e sinxela ao mesmo tempo. Esta inversión só pode xustificarse se sirve para potenciar a nosa cultura, aglutinar as creacións das e dos nosos artistas para a súa difusión e popularización, dimensionar as nosas industrias culturais, ofrecernos a posibilidade de achegarnos á nosa historia ou exportar as nosas producións, dialogando en pé de igualdade co resto de culturas do mundo.

Mais hai motivos para desconfiar de que este sexa o punto de chegada do actual goberno. Non só polo desprezo e minusvaloración que demostra en relación coa cultura galega, senón polos pasos que foron dando. O nomeamento dunha xerente que ningunha vinculación ten coa cultura da nosa nación ou a decisión de que albergue os fondos da Fundación Camilo José Cela son evidencias de que concepto teñen os actuais responsábeis da Consellaría de Cultura. O máis probábel e que isto acabe sendo un sucedáneo cultural, transnacionalizado, onde todo teñan cabida menos o propio. Na nosa man está facer consciente o noso pobo das consecuencias desastrosas que tal decisión traerá consigo. Na nosa man está encetar un debate que polo menos, clarificará a aqueles que acreditan que somos un pobo con pasado, con capacidade e sobre todo, con futuro.


1 2 3 4 seguinte

[11-09-2010 23:37] crítico comentou:

Aquí dinse unhas cantas verdades sobre o que realmente fixo o BNG con este tema:

http://www.scribd.com/doc/37262973/Analise-Critico-Sobre-a-Cidade-Da-Cultura

[10-09-2010 03:45] Cando deixades de estar no sistema? comentou:

Cando o BNG vai recoñecer fallos tan tremendos como a súa falta de actuación no tema da Cidade da Cultura e no de Reganosa? Cando vai corrixir eses fallos? Por que se quere que en Pontevedra saía ENCE da Ría non reivindica en Ferrol que saía a máis perigosa factoria de Reganosa da súa correspondente ría? Cando o BNG vai defender alternativas progresistas, sendo un pouco antisistema e mesmo combatendo os intereses das oligarquías?

[07-09-2010 18:45] Eu comentou:

E respecto ao das listas, non sei se querería ir ou non ir, sei que na asemblea comarcal onde se debateron as listas o seu nome saiu e non foi apoiado pola militancia do BNG.

[07-09-2010 18:44] Eu comentou:

Mira Alarico, quen defendeu a Bugallo? E logo non é certo tamén que o BNG recurtou onde puido o mausoleo, e que Fraga deixou contratado xa case todo?

1 2 3 4 seguinte
Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña