02:55 Sabado, 24 de Agosto de 2019
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

26-08-2010

A exposición itinerante sobre Rosalía de Castro pretende servir de instrumento para que concellos, asociacións culturais e centros de ensino aproximen a nosa grande escritora a todo tipo de público

Rosalía sempre viva. Viva Rosalía!!!

Valorar (17)

ALBERTE ANSEDE ESTRAVIZ



Desde o pasado día 17 de agosto comezou a súa andaina a exposición ROSALÍA SEMPRE VIVA. VIVA ROSALÍA!! que promove a Fundación Manuel María de Estudos Galegos colaboración da Deputación da Coruña. Neste momento xa está programada a súa exhibición en dez concellos do país, agardando confirmar outros, así como diferentes asociacións culturais.

Cúmprese este ano o 125 aniversario da morte de Rosalía de Castro, a nosa escritora máis universal. No que levamos de ano, a celebración da efeméride caracterizouse pola nula participación da Consellaría de Cultura e, como non, do goberno galego no seu conxunto. A practicamente nula referencia oficial a esta conmemoración e a inexistencia dunha programación arredor dela, significa ben ás claras a valoración que os actuais gobernantes teñen de todo aquilo que poida contribuír a recuperarmos o orgullo como pobo e a desfrutarmos das creacións artísticas propias.

Mais o feito mesmo é tamén indicio da radicalización que se está a producir no Partido Popular no plano lingüístico-cultural, moi determinado polo seu cada vez máis acentuado españolismo político-ideolóxico. Sería propio dun partido "rexionalista" doutros tempos o celebrar a data situando a Rosalía como un epifenómeno da literatura española, como unha figura "gallega" que acompaña tardiamente ao fenómeno principal do romanticismo español. Mais no momento actual, optan pola ocultación e o silencio máis absoluto. É dicir, pola desaparición da nosa diferenza e, polo tanto, da nosa aportación á cultura universal. Polo demais, esta actitude, non é máis que a plasmación no plano cultural, da cruzada que emprenderon no plano lingüístico a prol da desaparición do noso idioma.

Nesta situación, só desde o asociacionismo de base se está a facer un esforzo para que Rosalía, e os valores que representa, sigan vivos. Foi a Asociación de Escritores en Lingua Galega, co apoio de numerosas entidades culturais e do nacionalismo político, quen nos fixo a todos e a todas partícipes da súa obra no acto público realizado o pasado 15 de xullo.

Agora, desde a Fundación Manuel María de Estudos Galegos púxose en marcha a exposición ROSALÍA SEMPRE VIVA. VIVA ROSALÍA!! que pretende servir de instrumento para que concellos, asociacións culturais e centros de ensino aproximen a nosa grande escritora a todo tipo de público, tal como corresponde ao noso emblema literario e cultural por excelencia.

O propio título xa é indicativo da formulación da exposición: unha Rosalía vixente e funcional para os galegos do século XXI e, tamén, unha Rosalía que é motivo de orgullo para todos nós.

A exposición, da que se pode solicitar unha información máis detallada en fundacion@manuelmaria.com,  articúlase en cinco caixas de luz compostas de vinte paneis, nos que se fai unha explicación clara e sintética dos eventos biográficos e literarios fundamentais de Rosalía. Resáltase a súa enorme formación cultural: coñecedora da lingua francesa; con aptitudes claras para o debuxo; con dominio de instrumentos musicais como o piano, a guitarra ou a frauta; protagonista de representacións teatrais moi significadas... e, sobre todo, creadora dunha vasta obra literaria tanto no xénero poético, como no narrativo e ensaístico.

No plano literario, preséntase a unha Rosalía que renuncia a unha práctica literaria costumista e sentimental, reservada ás plumas femininas, para inaugurar unha vía de compromiso coa lingua do País, coas clases máis desfavorecidas e coa ruptura da identificación muller=esposa=nai.

A exposición acompáñase de dous audiovisuais que se proxectan de xeito permanente e paralelo a ela. O primeiro trata de condensar en seis minutos os valores da obra rosaliana a través das afirmacións feitas por significados estudosos da súa figura, da leitura dos seus textos gravada no roteiro da AELG do 15 de xullo e da síntese magnífica de Diego Pardo, comisario da exposición. O outro é Ignotus, unha animación en plastilina de 16' de duración, baseada no relato orixinal de Manuel Murguía publicado en "Los Precursores" (1853).

No comezo do curso estará tamén a disposición de todos os centros de ensino unha unidade didáctica sobre a exposición que proporcione o seu mellor aproveitamento didáctico.


[26-08-2010 01:43] MARILUZ MARTINEZ PEDREIRA comentou:

Ben por tod@s @s que estades facendo país...apertas!!!!!

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña