14:26 Martes, 19 de Novembro de 2019
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

24-08-2010

É un pouco iluso pensar que Galiza, como nación, poida ter espazo, dereito á existencia nun deseño, nun marco como o do actual Estado español e o da Unión europea

O noso problema

Valorar (90)

FRANCISCO RODRÍGUEZ SÁNCHEZ



Comeza a resultar un chisco abusiva a insistencia con que algúns comentaristas deslizan críticas caprichosas  contra o BNG ou o cargan de responsabilidades que non ten, no que atinxe á situación e evolución da Galiza. Esta reincidencia resulta máis paradoxal cando non se ten a mesma obsesión respecto da alternativa política  á que o comentarista se sente adherido. Mais, sobre todo, resulta unha contradición suprema acabar convertendo o BNG na bicha, cando resulta ser, goste ou non, a única ferramenta política que Galiza ten para ser relevante e existente. Efectivamente, desde unha posición consciente, é certo que non podemos estar satisfeitos da evolución da Galiza nos últimos trinta anos. Coa mesma rotundidade afirmo que a incapacidade de Galiza para cambiar non pode agochar nin desvalorizar os esforzos, tamén os resultados, dos que deseñaron e seguiron unha estratexia política para o país existir, ser relevante e digno e ter futuro. Dentro desta estratexia, non é menor o resultado de contarmos cun nacionalismo operativamente unido, condición para a súa relevancia social, dentro do BNG.

A estas alturas, vivindo unha crise mundial que atinxe gravemente o noso futuro como pobo,  os angustiados por esta causa debían ter claro que  o nacionalismo é a única saída. Moito máis cando, como no caso de Suso de Toro ("Nuestra irrelevancia", El País, 15, agosto, 2010) se denuncia, e se vive,  unha estratexia da dereita españolista para a nosa anulación, e se atribúe ao PSOE un papel "importante" e "nefasto" pola súa maridaxe co PP durante anos e, cando menos, errático, hoxe, respecto de Galiza. Comprendo a frustración do noso escritor, lexitimamente preocupado pola irrelevancia política do noso país no Estado, polas dificultades para a normalización da nosa lingua e da nosa cultura, até o extremo de leváreno a abandonar a escrita como profesional. Coido que tamén experimentou a indiferenza ou o desprezo que se axiganta contra Galiza e todo  o galego pola súa irrelevancia na España. Porén, a súa reacción práctica non é unha chamada a reforzar a conciencia nacional e a agrandar a base do nacionalismo. Non, a frustración persoal proxéctase contra o BNG, con xuízos de valor que non se detén a demostrar ou explicar: seguimos un "camino ciego".

Non gosto da metafísica na política; moito menos dos prexuízos. Será que non debimos mobilizar á sociedade contra a política lingüística do Goberno Feixóo, un eixo básico do deseño español de anulación da Galiza? Na espiral de autodio irracional xa hai quen chegou a escribir que a culpa da situación do galego a ten o BNG. Deberíamos ter  permanecido impasíbeis tolerando que se consumase o deseño de absorción de Caixa Galicia por Caixa Madrid, con todas as beizóns de PP e PSOE, e a de Caixa Nova por Caixa Astur e outras, co entusiasmo do sucursalismo paifoco e o localismo noxento do PSOE, baixo a batuta do Banco de España? Na fuxida pola tanxente hai quen preferiu escapar do conflito avogando por que non se fusionasen as Caixas galegas entre elas, permanecendo por separado, esa si unha saída cega, en nome dun esquerdismo tan inoperante como confusionista. Teríamos que comungar coa reforma fiscal  e a reforma laboral involutivas do goberno Zapatero? Posibelmente haxa quen argumente que a nosa opción nos leva á marxinalidade,   como se a maioría da sociedade galega ou da base social do BNG non estiver damnificada por esta política. Sería máis oportuno  pasar de reivindicar e homenaxear a Rosalía cando se cumpren os 125 anos da súa morte entre a indiferenza e o silencio oficiais? Houbo quen chegou a mofarse en internet da nosa preocupación por mantermos vivos os nosos símbolos cando "non interesan á mocidade" e outras lindezas que, felizmente, recibiron a recriminación masiva de moitos internautas. Por acaso deberá valernos calquera Estatuto, só porque o Tribunal Constitucional de España ditamine que a única vontade política é a do pobo español? Pode haber quen estea xa cavilando como fuxir dunha oposición frontal e inevitábel á negativa do PP a asumir para Galiza  mesmo o texto catalán peneirado. En fin, a democracia obriga a abrazar con entusiasmo a causa do capitalismo oligárquico e global, como fai o goberno do Estado e a súa alternancia, a UE e as institucións que chaman de "gobernanza" mundial? Admírame a fe inquebrantábel, realmente fanática, dos europeístas galegos nas bondades desta UE para Galiza. Permítasenos opinar que é un pouco iluso pensar que Galiza, como nación, poida ter espazo, dereito á existencia nun deseño, nun marco como o do actual Estado español e o da Unión europea. Tan iluso como a pretensión de que nos podemos desentender del e das institucións, máis ou menos democráticas, que o vertebran. Nunca deixamos de actuar nelas.

Na política do BNG hai deficiencias e erros. Porén, non están no "demoníaco"   leninismo dunha parte (a UPG), xa que non  pasa de ser unha análise do capitalismo na fase imperialista... Moitos menos están en procesos internos impecábeis, do punto de vista democrático, que debían ser obxecto de loanza, e especialmente en contraste con  outros partidos. Ás veces a discrepancia non ten máis vías de solución que o voto, acreditando como acredito que sempre é mellor o acordo, a solución pactada e dialogada. A definición da liña política do BNG faise de forma  asemblearia e por decisión da maioría. Somos compañeiros de viaxe dela. É a que intentamos aplicar: para iso é acordo colectivo e democrático. En efecto, representamos   a continuidade lóxica do nacionalismo de Castelao. Asumímolo e responsabilizámonos diso. Falemos con precisión. Unha alternativa antitética á do imperialismo ou centralismo, que non nacionalismo,  español. Como se pode catalogar da mesma maneira o oprimido e o opresor? Só desde unha connotación negativa podemos facer tal homologación. Non é de estrañar esa tendencia a falar hoxe de "galeguismo", unha entelequia política, destinada a facernos crer que pode existir unha posición práctica ao servizo de Galiza en partidos estatais ou a acreditar en que o positivo sería contarmos cunha alternativa galega non nacionalista. Hoxe por hoxe, non hai na Galiza nada relevante, agás o BNG, que asuma que o pobo galego é suxeito político, con dereitos inalienábeis, con vontade política e afán por construír un espazo de decisión e un espazo de comunicación propios, con lingua e cultura de seu. Sen unha conciencia e unha vontade nacionalista non hai capacidade nin interese para construílos. Velaí o problema.

Claro que Galiza está  nun momento crítico, como crítica é esta fase da globalización, con españolización reforzada. Naturalmente que o nacionalismo ten problemas para avanzar e ten fisuras. Problemas derivados da fraxilidade, da indefensións, da febleza da nosa conciencia nacional. Mesmo os nosos conflitos internos nunca viñeron do exercicio de non se sabe que leninismo, senón de esforzo por manter o nacionalismo. Mais a capacidade de resistencia, as potencialidades do noso pobo, as contradicións que experimenta, son maiores do que ás veces pensamos. É posíbel que o BNG non as aproveite sempre con habelencia ou non saiba desenvolvelas sempre a tempo ou con maior decisión. Porén, é o único disposto a enfrontarse cos deseños e estratexias anuladoras do país, articuladas por poderosos enemigos. Desde unha posición política a prol de Galiza,  deben ser o centro dos nosos ataques e críticas. O único que acaba sendo irrelevante para mellorar o país, pero prexudicial para os que non teñen culpa do seu estado, é proxectar as nosas frustracións contra quen aspira e se esforza por non sermos un pobo irrelevante,  premido á autonegación.  Amigo Suso de Toro, permíteme este trato, esta é a dialéctica real. Pensa que, se o BNG é o único nacionalismo que existe, será por algo. Acredito que é o único existente porque se asentou nunha vontade que dimana da nosa existencia como pobo, como nación. Por iso non quixo sumirse, identificarse, nun preciso momento histórico, o comezo desta democracia limitada, desde unha posición marxinal evidente, cun proceso, cun deseño do Estado autonómico, que está a dar de si o que dá, non digamos na Galiza. No actual situación crítica o problema de Galiza, e o problema do BNG tamén, está no convencemento e na asunción da idea de que, sen conciencia de país, sen vontade de existir, sen identificación do nacionalismo cos intereses populares, non hai futuro. Tampouco para a nosa lingua e a nosa cultura, incluída a que ten unha sólida tradición, a literaria. Velaí a nosa debilidade, o noso conflito, o noso problema. Tamén a nosa solución...


1 2 3 4 seguinte

[31-08-2010 22:17] Roberto López (Cerdido) comentou:

A carón dalgún comentario, e como militante do BNG, xurde en min unha dúbida:
Que é máis correcto(oportuno), traballar a prol da consecución dos teus obxectivos aceptando usar ferramentas pouco ou nada axeitadas, nun medio contrario e mesmo hostil, non escollido nin conformado por ti, senón máis ben polo inimigo, coa certeza de ter cometido erros, e da posibilidade de volver cometelos, pero conseguindo así avanzar, e sumar pouco a pouco máis afíns a túa causa coa esperanza de manter unha luz acesa cara un tempo máis acaído; ou optar por unha opción que puidera ser moito máis digna e coherente pero que te sitúa fora do taboleiro de xogo imposto, ou non é quen de acadar o máis mínimo apoio popular, ou provoca que non sexas quen de encetar o teu camiño ficando inmóbel mentres ao teu redor o inimigo campa ás súas anchas, ou todo á vez, e esgotar, dignamente iso si, toda esperanza para a túa causa?
Falar sempre é máis barato que facer, porén non por moito falar acabamos antes o choio.
Dixo Castelao, nun dos parágrafos do “Sempre en Galiza”, que axuda máis o que arrima o ombreiro na obra que o que se adica a buscarlle chatas.
Doutra banda, non coido que sexa o ter sido trosquista(o calesqueira outro …ismo de esquerda) o que afia a espada das tropas do españolismo, senón máis ben a súa condición de mercenarios (tamén chamados soldados de fortuna) a soldo do imperio, que é un empresario esixente, e xa se sabe como tratan os imperios aos traidores…. que non hai can máis fidel que o que recibe cariños e comida escasos. Ou como di o refrán “non hai peor inquisidor que o xudeu converso”.
Camarada Paco, coido que compre recoñecer que, dende un enfoque puramente matemático ou obxectivo, o BNG non é a “única alternativa para o pais”, pero, a día de hoxe, si a máis dinámica e útil para o povo galego e a consecución dos obxectivos do nacionalismo. E iso é o que lles proe e fai que dirixan a nós os seus aguillóns máis ponzoñentos.

[30-08-2010 17:53] xan comentou:

A min o mais penoso é escoitar ao Suso de Toro, de tertuliano en "hora 25" da SER. Non sei canto lle pagarán por estar alí e mais polos artigos en "el País", pero é a viva mostra da irrelevancia política dun galego que asume o seu poapel de guinda no pastel español. Profundamente irrelevante suso!!

[30-08-2010 14:49] Donguan comentou:

Dá a impresión de que teren tomado decisións e posicionamentos (recentes) contra a ofensiva españolista -no contexto da crise económica- e do cambio de governo na Xunta xa convirte a liña estratéxica do BNG no "sumum" da acción política. O BNG dilapidou a súa posición de privilexio cando ocupou a Xunta por unha pésima xestión e vergoñenta política dende a Vicepresidencia e as súas "montaxes" e fumes, dende a Consellería de Cultura -quen avalou a esa Conselleira?, quen avalaba a súa política?-, dende a de Industria (menos mitos sobre o seu Conselleiro e analisemos como foron os tempos e decisións que se tomaron)... Estase a falar no artigo do BNG nesta coxuntura, como se o BNG non tivera recorrido de intensidade nestes anos. Claro que é a única organización política con incidencia social que defende os intereses da nosa nación e toma ao povo galego como suxeito político. Vaia, e que de non ser así... apajha a lus Marilús. Mais, pódese dicir o mesmo do feiro anos atrás? Mais aínda: o seu comportamento social, a nivel municipal e de grupo parlamentar no Parlamento Galego ten a mesma clareza nas súas actuacións?...

[28-08-2010 22:54] Antom Lodeiro comentou:

Nom quigera entrar na crítica desta tendenciosa apresentaçom do nacionalismo galego hegemónico como "única alternativa para o país", ou como força que, segundo Rodríguez, pareceria quase anti-autonomista. A contradiçom do afirmado com a realidade, em 2010, é evidente.

O que sim me interessa é apontar é outra contradiçom: a que existe entre um discurso que diz que, nem na Espanha, nem na UE, a Galiza tem espaço ou possibilidades de existência e umha prática que reconhece as instituiçons existentes, que reivindica um Estatuto de Naçom, como umha condiçom puramente nominal, e que fai ouvidos surdos a um facto evidente: que o Tribunal Constitucional espanhol já dixo aos quatro ventos que a via autonómica face a soberania é umha VIA MORTA. Podemos seguir a chuchar nesse teto, mas sabendo que, com o cumprimento do actual Estatuto e o eventual e cativo alargamento competencial que poda resultar nos próximos anos, o "auto-governo" tocou teito.

Pergunta do milhom: que estratégias (novas, claro) temos para enfrontar esse novo panorama?

1 2 3 4 seguinte
Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña