22:15 Sabado, 24 de Outubro de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

25-08-2010

Tamén a convocatoria da Folga Xeral do 29 de setembro debe servir para xuntar pobo ao proxecto nacionalista

A Folga Xeral e nós

Valorar (18)

DUARTE CORREA PIÑEIRO



A CIG leva dous anos movéndose denunciando aos verdadeiros responsábeis da crise, en esixencia de medidas que realmente amortiguaran os seus efectos e iniciaran o camiño para mudar o actual sistema económico, e chamando tamén a dar unha resposta unitaria e contundente. Ao longo deste tempo houbo mobilizacións en moitas empresas e sectores directamente agredidos realizándose tamén outras de carácter xeral en defensa dunha política económica ao servizo das maiorías. Pero a realidade actual do mundo do traballo non nos permite convocar en solitario unha folga xeral nacional; o sindicalismo nacionalista a pesar da súa capacidade mobilizadora e do seu nivel de afiliación non é maioritario hoxe, e tampouco se dan nestes momentos na sociedade galega as condicións concretas que permitiron a mediados dos anos oitenta do século pasado levar adiante con éxito folgas xerais que inicialmente foran convocadas só polo nacionalismo.

Foron o agravamento da situación laboral e social e as medidas adoptadas polo goberno do PSOE, co apoio activo do empresariado e do PP, as circunstancias que obrigaron finalmente aos sindicatos españois a convocar folga, pero esta convocatoria é só para lavarse a cara. CCOO e UGT son tamén culpábeis de termos chegado a esta situación, hai moitos anos que deixaron de ser sindicatos converténdose en "interlocutores sociais", unha etiqueta da que están orgullosos e que os iguala ás organizacións empresariais como parte do entramado que sustenta o actual sistema. Foron cómplices coa súa pasividade diante das agresivas políticas gobernamentais e ségueno sendo, como puidemos comprobar hai unhas semanas co acordo asinado coa Xunta de Galiza, un acordo que só serve para que Núñez Feijóo poida fardar de dialogante.

Deles non podemos agardar nada, víronse obrigados a convocar porque de non facelo coa que está caendo perderían o pouco creto que aínda lles queda entre os sectores máis atrasados da clase traballadora.

É certo que a reforma laboral está aprobada, mais non podemos deixarnos levar  pola mensaxe dominante de que non hai nada que facer; a reforma laboral é só un primeiro chanzo no proceso planificado de desmantelamento das conquistas sociais, e digo claramente e con maiúsculas CONQUISTAS porque tamén ás veces nós caemos no engano de considerar que en tempos de crise como os actuais hai que renunciar a dereitos ou hai que consideralos privilexios ou regalos do sistema que só se poden reivindicar para épocas de bonanza.

Quérennos arrebatar os froitos de anos de loita e sacrificio das clases traballadoras, pois o dereito a unha pensión de xubilación digna e a unha idade que nos permita o desfrute dos anos de vellez despois de ter aportado durante toda a nosa vida laboral, a seguridade no posto de traballo, o acceso a unha sanidade, un ensino e uns servizos sociais gratuítos e de calidade, foron conquistas.

A folga xeral do 29 de setembro non é só unha cita obrigada para os traballadores e traballadoras por conta allea e para o nacionalismo sindical, o BNG ten diante dela unha nova oportunidade de amosar que é unha forza política transformadora.

Fronte á corrente social dominante hoxe en día que asume a situación e as continuas agresións como algo imposíbel de cambiar hai duas saídas:

- A máis doada é deixarse levar pola corrente de escepticismo asumindo a derrota e argumentando que unha organización política seria non se mete en folgas dado que son impopulares e poden danar a súa credibilidade e perspectiva electoral, agardando deste xeito que o sistema aplauda ese posicionamento e recompense cunhas frangullas aos que simplemente cumpren o papel de fillos díscolos que serven para amenizar os xantares familiares pero non supoñen perigo para a continunidade do que hai establecido.

- A coerente é mollarse tamén nesta cuestión, pois a defensa dos dereitos laborais e sociais e dunha economía ao servizo das maiorías forma parte do  ADN do BNG. O desenvolvemento de Galiza como nación partindo das súas propias capacidades só pode darse cun sistema económico baseado na economía produtiva e non na economía especulativa;  un sistema que ao tempo garanta as conquistas sociais, conquistas que son da maioría da sociedade, pois é a maioría da sociedade á agredida pola actual crise e a beneficiada polas propostas económicas e políticas do nacionalismo.

O BNG debe optar pola segunda saída sen preocuparse, unha vez máis terá na súa contra aos medios de comunicación, aos poderes fácticos, aos gurús da modernidade, e nun principio tampouco teremos o apoio da maioría da xente infectada polo virus de que non hai outra saída posíbel que achantar e arrimar o ombreiro renunciando aos dereitos. Non é nada novo, pero igual que fomos quen de levantar un amplo  movemento en defensa do idioma ou abrimos os ollos de milleiros de galegos e galegas sobre a importancia das caixas de aforros para ter un sistema financieiro propio, tamén a convocatoria da Folga Xeral do 29 de setembro debe servir para xuntar pobo ao proxecto nacionalista.

Aqueles militantes nacionalistas que nos definimos como comunistas, e por tanto empregamos o marxismo como método de análise da realidade, sabemos do seu acerto ao definir como procesos dialécticos todos os avances e retrocesos ao longo da historia; tamén nesta ocasión compre que busquemos a contradición nos nosos interlocutores, unha contradición que os faga reflexionar e mudar de postura e de pensamento, deixando de ser seres amorfos, acríticos moldeados polas mensaxes que reciben e pasen a converterse en persoas reflexivas que se pregunten o porqué das cousas.

Non é doado pero temos argumentos dabondo para enfrontarnos ás medidas que nos queren impor e para facer ver á xente que hai alternativas políticas e económicas, quen queira empaparse deles para traballar no éxito da Folga Xeral pode atopar algúns aquí ou aquí.


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña